sábado, 1 de agosto de 2009

RISOTTO CON VERDURAS

Abrín a neveira e alí rogando consigo había moitas verduras. Pois nada, seguimos coa cociña temática, hai que empregar os calabacíns, as cenorias, os tomates, as xudías…
Había moito tempo que tiña ganas de preparar un risotto e ésta era a ocasión perfecta.
Tentei poñer pouco de cada para que non sobrara, pero é imposible. Un pouco disto, un pouco daquilo, fai un moito. Ó final saíron dúas racións.
Cando lle dixen a miña nai o que fixera e lle expliquei cómo, ela díxome, “fixestes un arrós, así fíxeno eu muitas veses, pero chamádeslle risotto que é máis fino”. Ten toda a razón, ela sempre lle pon algo de chicha, pero así faino moitas veces, bueno sen o queixo. Así que está todo inventado. As mulleres e homes que fan de comer tódolos días nas súas casas xa van inventando e discurrindo no día a día. O mundo da cociña é internacional.
Está moi bo, altamente recomendable.

Ingredientes
1 cebola pequena
3 tomates pequeniños
1 dente de allo
1 cenoria pequena.
1 puñado de xudías
1 puñado de chícharos
1 calabacín pequeño
2 cazos (de sevir sopa) de arroz
4 culleradas de aceite
100 grs de queixo curado manchego de ovella
1 cullerada de queixo parmesano rilado
Media cullerada de margarina ou manteiga.
100 ml de viño blanco
Auga quente ou caldo
Sal, albahaca e pementa.


Realización
- Pícanse tódalas verduras miúdas. A cebola, o allo e a cenoria piqueinos na picadora e o tomate tamén o metín (quedou totalmente triturado). O calabacín piqueino co coitelo en taquiños pequenos e as xudías tamén en anaquiños o máis pequenos posible.
-Ponse a auga ou o caldo a ferver e logo déixase no lume para que estea quente . Ten que estar quente para cando llo botemos ó arroz. Sempre será mellor caldo, de polo, de verduras… Pero eu como non tiña púxenlle auga.
- Ponse a tixola ó lume co aceite e así que estea un pouco quente póchanse a cebola e o allo. Cando empece a traslucir un pouco engadimos o tomate e a cenoria (no meu caso engadínlle unha culleradiña de azúcre porque o tomate dáballe un pouco de acedo). Dámolle unhas voltas e xa engadimos as xudías, chícharos e calabacín. Todo o conxunto deixámolo pochar durante 15 min. Revolvéndoo frecuentemente. Púxenlle unha tapa á tixola así van soltando auga as verduras e vanse cociñando no seu xugo. Salgamos un pouco as verduras.
- Cando vexamos que o calabacín vai estando blandiño e algo traslúcido engadimos o arroz e dámoslle unhas voltas coa verdura (sobre dous min). Podemos salgalo un pouco (eu poño pouco sal de cada vez)
-Engadimos o viño e deixamos que se consuma. Sempre dando voltas. O viño amorneino 20 sg no micro porque lin nalgún sitio que ao arroz é mellor non botarlle nada frío.
- Cando vexamos que xa non hai case líquido do viño, engadimos un par de cazos de auga quente e deixamos que o arroz o vaia bebendo. Cando haxa menos líquido engadimos outra pouca auga, así até que vexamos que o arroz vai cocido. Ímolo probando par comprobar se está ó noso gusto. A min gústame ben cocidiño, polo que o tiven media hora. A quen lle guste "al dente", terao menos tempo. Debe quedar melosiño e algo caldoso.
- Case ó final da cocción púxenlle un pouco de albahaca e de pementa e rectifiquei de sal (parecéume que estaba soso). Tamén foi nunha destas probaduras finais cando engadín o azucre porque notei un punto acedo do tomate.
- Cando vemos que está cociñado, apagamos o lume e poñémoslle os queixos, no caso do curado rileino o parmesano xa o comprei rilado. Neste punto tamén engadimos a margarina ou manteiga. Remexemos ben para que se integren ben o queixo e a margarina e deixámolo repousar un pouco tapado cun pano.



6 comentarios:

  1. Pois xa teño primeiro plato para mañán, un rissoto polo seu sitio que hai que coller forzas para ver a Bruce Springsteen pola noite.
    Grazas María Jose

    ResponderEliminar
  2. Ola!!!

    Tamén será o meu primeiro plato mañán...jejeje.
    Fai uns días que empecei coa miña aventura blogueira, e foi precisamente ó descubrir este sitio, o que me fixo decidirme.

    Seguirei visitándote, noraboa e a seguir así, tes recetas moi boas.

    Grazas.

    Saúdos, Ana.

    ResponderEliminar
  3. Ahhh!! esquecínme dicirche que puxen un enlace no meu blog.

    ResponderEliminar
  4. Grazas por visitarme Ana, de verdade, fanme moita ilusión as túas palabras. Ánimo que podemos empezar esta andaina xuntas.

    Para Belén: JOOOOOOOOOOOO, vas ver a Bruce? Eu tamén quería ir, encántame. Pásao ben por ti e por min, tes que pasalo o dobre de ben, jeje.
    Xa me contarás que tal o risotto.

    ResponderEliminar
  5. Pois o risotto estivo bastante ben. Eu non son nada cociñeira e non teño moi boa man para isto da cociña. Pero estaba ben rico, aínda sobroume para mañán. Non tiña arroz normal e tiven que botarlle arroz basmati. Este arroz cócese antes e non me din conta de deixar as verduras un pouquiño máis para que se fixeran máis, polo que as xudias quedaron un pouco ó dente. Creo que co arroz normal que tarda uns 10´ a maiores en facerse houbera quedado perfecto.
    Pois ala a seguir traxinando nos fogóns.
    Belén

    ResponderEliminar
  6. Belén alégrome de que che gustara. Pero persoalmente, penso que o arroz así preparado vai mellor con outro tipo de arroz, do que solta máis almidón e fai máis espesiña a salsiña.
    No paso inicial de pochar as verduras, no meu caso xa estaban bastante feitas.
    Grazas por contarme as túas impresións. Bicos

    ResponderEliminar

Cóntame que che parece

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...