Mostrando entradas con la etiqueta mazá. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta mazá. Mostrar todas las entradas
sábado, 10 de octubre de 2009

EMPANADA DE MAZÁ (III) CON HOXALDRE CASEIRO

Un sábado gris, chovendo miudiño, un día típico da nosa terra galega. Un día perfecto, gris e sábado, combinación perfecta para min. Xa dixen nalgunha ocasión que o sábado é para min un día máxico,un día especial, un día no que o relax inunda a miña persoa. Se ademais é gris xa ten tódolos compoñentes. Xa sei que non son coma o resto da humanidade, nin tampouco quero selo, a case todo o mundo lle gusta o sol e o bo tempo, a min, non. Gústame o frío a choiva, os días metida na casa, ver chover a través dos vidros, sentir caer a auga e non me importa que sexa varios días seguidos. Pola contra, se fai calor e sol varios días seguidos empezo a poñerme irascible e dun humor de cans.
Se me tivera que definir cunha cor, sería co gris. Penso que di todo de min. Son gris. Tamén, se teño que identificarme con algunha estación é co outono, a miña estación preferida, foino sempre desde nena, desde que eu teño acordos.
Pois ben, neste día gris e sábado de outono dispóñome a facer das miñas. Hai moitas mazás, estamos no tempo delas. Que menos que facer unha empanada de mazá. Como xa comentei, tamén, ando na procura da empanada de mazá perfecta. Pensei en facela con hoxaldre, pero.. que mérito ten comprar o hoxaldre? Hai que facelo. Ardua e difícil tarefa. Mirei en varios blogues e detívenme máis en i-recetas e en webos fritos, ámbolos dous blogues de auténtico luxo e categoría. En i-recetas faino de varias maneiras (hoxaldre, hoxaldre rápido e moitos outros porque ten moitas receitas feitas con hoxaldre), dá varios consellos, pero no de webos fritos fai un paso a paso espectacular. Quedeime con este último, aínda que tamén puxen en práctica algún consello de Pepinho.
Total que eu intento seguir cada paso rigorosamente, pero non me sae, acábame saíndo a manteiga polos arredores. Algo teño que facer mal, pero o caso é que non sei o que. Debe ser que este tipo de receitas son para persoas con mans especiais e as miñas non saíron preparadas para tales especialidades.

Nesta receita vou relatar as miñas andanzas, pero para o proceso da elaboración do hoxaldre en si farei un enlace directo ó de webos fritos porque non creo que ninguén o poida explicar mellor. Ademais a reportaxe fotográfica coa que nos deleita é inmellorable. De todos xeitos pedinlle permiso a ela para poder facelo e aínda non mo concedeu porque estes días non debe conectarse, pero non podo esperar máis para publicar a receita, espero que non lle pareza mal. Si, creo que son importantes as miñas percepcións durante o amasado porque así alguén que domine máis o tema pode, incluso, asesorarme e dicirme en que estou fallando.
O hoxaldre ten a fama de ser algo moi complicado, realmente non me parece complicado, nin laborioso, si, ó mellor, un pouco prolongado no tempo, pero todo o proceso é ben sinxelo, o malo é cando se empeza a saír a manteiga...
A pesar de todo saiu hoxaldre, hoxaldre de verdade, dese que ó trincar se desfai, coma o da tenda, pero con un sabor espectacular, moito máis saboroso có da tenda. Despois desta experiencia creo que vou facelo sempre, non é para tanto. O único que levo mal e ter que limpar despois. Cando o meto no forno e miro ó meu redor é cando me pregunto quen me mandaría meterme nisto? Tendo en conta, ademais, que vou recollendo e limpando a medida que vou facendo, pero sempre queda.
Animo a todo o mundo a que faga hoxaldre, a que probe polo menos unha vez, seguro que logo non se queda nunha vez, non custa máis traballo, nin é máis revirado ca facer un roscón ou unha larpeira


Ingredientes
Para a masa

500 grs de fariña de repostería
250 ml de auga do tempo
1 cullerediña de sal
60 grs de manteiga derretida
350 grs de manteiga fría, en bloque (usei president)
Para a compota
Algo máis dun quilo de mazás
6 culleradas de azucre
1 culleradiña de canela
Para a preparación da masa antes de ir ó forno
1 ovo batido
1 cullerada de azucre cunha pouca canela mesturada

Preparación
Da masa de hoxaldre

Para isto seguín ó pé da letra os pasos que nos ofrece Su no seu blogue webos fritos.
Eu creo que o problema máis grave que teño é o calor da miña cociña. Como xa dixen é un día gris, fresco, duns 18º, 20º no exterior. Pero a miña cociña é moi quente, a pesar de que tiven a ventana aberta todo o día para que fixera fresco, penso que a temperatura é demasiado alta para facer hoxaldre
Vou ir comentando o que me aconteceu en cada paso, que non sei se é normal ou non.
1 . Na elaboración da masa, á cal ela lle chama plastón, non tiven ningún problema. É máis, é unha masa moi boa de facer, case non te pringas, faise rápido.
2 . Estirar a masa facendo a cruz tampouco houbo problema, faise ben, con facilidade.
3 . Facer o paquete coa manteiga e masa tampouco ten maior complicación. Tentei apretar ben a masa á manteiga porque Pepinho di que non debe coller aire, que non deben facerse burbullas cando estiramos a masa.
4 . No 1º estirado da masa foi cando empezaron as dificultades. 1º deille os golpes e logo no estirado empezaron a saír burbullas, que pinchei con unha agulla e seguín. Pero saía manteiga polos bordos. Seguín para diante e fixen as primeira dobrez. Na 2ª pasou o mesmo. para remediar o da saída da manteiga tentei taponalo con fariña, este consello dáo Pepinho. Logo para a neveira. Baixei a temperatura da neveira ó máximo. Estivo na neveira arredor dunha hora.
5 . Nos dous seguintes estirados da masa non pasou tanto o de saírse a manteiga, pero si, ó levantar a masa, o mármore quedaba impregnado de manteiga. De feito, entre volta e volta metina 10 minutos no conxelador porque me daba a sensación de que xa estaba demasiado branda.
6 . Unha vez dadas as 6 voltas e pasado un tempo na neveira procedo a estirala para facer as pranchas para a empanada. Aquí non sabía moi ben como facer porque en toda a explicación di que se estire nun sentido e que se lle dea golpes. Pero agora eu quería estirala ben, así que, procedín a estirala o máis que puidera en tódolos sentidos. Estirou moi ben, creo que aínda podería estirar máis, pero dábame medo, preguntábame “ a ver como a quito de aquí, vaime quedar pegada ó mármore”. Neste paso xa non hai rastro de manteiga visible, está integrada na propia masa.

Esta é a masa completamente estirada. Paréceme que aínda podería estirar máis

7 . Dividín a masa en dous, un, un pouco máis grande, que fará de base. Para despegalo presionei encima con papel de forno e fun levantando con coidado a masa. A pesar do medo non houbo problema. Coloqueina ben no molde co propio papel pola parte de abaixo, cubrindo o fondo do molde. Recortei algúns cachos que sobresaían.
8 . O gran erro foi que deixei o outro anaco da masa, alí no mármore esquecido mentres montaba a base e introducía a compota de mazá ( que fixen coma a da última empanada de mazá, poño a elaboración máis abaixo). Cando fun a coller a outra pancha de masa, estaba demasiado branda e fíxoseme bastante difícil despegala. A pesar de todo conseguino. Para o próxima o que teño que facer e metela na neveira se fago outras cousas.
9 . Cos recortes de masa fixen unhas rudimentarias palmeiras, que estaban riquísimas. Éstas quiteinas antes do forno e a miña expresión cando as metín na boca foi “ummm, é hoxaldre de verdade”

Montaxe da empanada
- Ponse a prancha de masa que fará de base sobre un papel de forno. Picar un pouco a masa cun garfo.
- Pintei o fondo cun pouco de marmelada (neste caso marmelada de ameixa caseira, ver receita aquí)
- Introducir a compota de mazá. Non a ía meter toda, pero logo envorqueina toda e listo, demasiada para o meu gusto.
- Poñer a tapadeira. Picar cun garfo a masa. Pintar con ovo batido e espolvorexar azucre mesturado con canela. A cantidade, disto último,vai un pouco a gusto. Do azucre e a canela, por encima, pódese prescindir, dado que o azucre requimase e da un aspecto pouco presentable, que non afecta para nada ó sabor.
- Metelo no forno prequentado a 200º e logo baixalo a 180º. Estivo arredor dunha hora no forno. Creo que quedou un pouco cru por dentro (aínda que cando facemos algocon hoxalder sempre qeda algo apelmazada a parte que está en contacto con algo húmido,como neste caso a compota. Non teñomoi claro se foi iso ou foi que necesitaba cocer máis). Para a próxima teño que controlar máis o forno.
- As palmeira paseinas polo ovo e reboceinas en azucre, estaban de medo.
Preparación da compota
Pícanse finiñas as mazás e engádeselle o azucre e a canela. Eu voulle engadindo o azucre despois de picar cada unha das mazás para que non se oxiden. Métese no micro durante 15 minutos, dándolle voltas de vez en cando e esmagando as mazás cun garfo, cando vemos que xa é puré estará lista.

COMENTARIOS: Penso que si vale a pena facelo, é toda unha experiencia. para min, moi agradable (menos limpar, claro). É certo que o proceso é moi longo. Trátase de estar pendente da masa durante bastante tempo, pero tempo de elaboración en si non é moito. Ademais os tempos de espera non teñen por que ser exactos e permítenche seguir coas tarefas diarias sen ningún problema.
As fotos non dan creto ó resultado, nin ó sabor. Ademais tiven certo percance (telefónico) durante a cocción que non me deixou estar o suficientemente pendente.
Teño que probar esta mesma receita, pero con láminas de mazá.
A entrada é moi extensa, pero a receita o merece.

GRAZAS SUSANA POR COMPARTIR CON TODOS A RECEITA E ESE MAGNÍFICO PASO A PASO QUE POSIBILITA QUE TODOS POIDAMOS FACER ESTA MARABILLA


sábado, 12 de septiembre de 2009

TORTA CON LÁMINAS DE MAZÁ



Ingredientes
2 tazas de fariña
½ taza de azucre
½ culleradiña de sal
1 sobre de levadura Royal
1 taza e media de leite
3 ovos
1 cullerada de esencia de vainilla
4 culleradas de aceite
6 mazás grandes (usei tabardillas)
* As tazas empregadas son de 250 ml
Ingredientes para a cobertura
100 grs de manteiga
1/3 taza de azucre
1 ovo

Realización
- Tamizar a fariña nun bol grande, engadir o azucre, o royal e o sal. Mesturar ben os ingredintes.
- Engadir o leite, a esencia de vainilla, o aceite e os ovos batidos. Remexer todo enérxicamente ata que estea ben integrado, non haxa grumos e saian burbulliñas.
- Pelamos as mazás e cortámolas en finas láminas que imos sumerxindo na masa para que non se oxiden.
- Vertemos nun molde engraxado e enfariñado (neste caso era de 22x30) e introducimos no forno prequentado a 180º uns 45 minutos, ata que estea firme e un pouco dourada.
- Mestras se vai forneando facemos a cobertura. Derretemos a manteiga, deixámola enfriar e engadimos o azucre e o ovo batido.
- Pasados os 45-50 minutos quitámola do forno e vertemos na superficie a cobertura axudándonos dun pincel para que se reparta uniformemente. Volvemos a introducila no forno outro cuarto de hora.
Notas: Aínda admitiría máis mazá. En cru parece moita mazá, pero logo ó cocer non é tanta
A fonte de inspiración foi i-recetas, aínda que modifiquei as cantidades porque me pareceu pouco.Os tempos tamén cambian porque cada forno é un mundo e como porque ó ser máis cantidade necesita máis tempo de cocción.
Para a próxima engadiríalle menos azucre á cobertura e tamén deixalo un pouco menos no forno



Está moi rica, digna de repetila varias veces nesta época de mazás.



miércoles, 2 de septiembre de 2009

BISCOITO DE MAZÁ

Tiña 6 mazás no fruteiro pedindo papas, ou as tiraba ou facía algo rico. Optei por isto último. Ademais apetecíame un biscoito. Estiven entre o biscoito e unha torta de hoxaldre con crema pasteleira, pero gañou o biscoito.
Ingredientes
6 mazás tirando a pequenas
4 culleradas de azucre (pódeselle poñer menos, depende gustos doces)
1 culleradiña de café de canela
1 iogur natural (neste caso era desnatado cremoso azucrado, de 100 grs). O vaso de iogur usarase de medida
2 medidas de azucre
½ medida de aceite
3 ovos
3 medidas de fariña de repostería
2 medidas de maicena
1 sobre de levadura Royal

Elaboración
O primeiro é pelar as mazás, finiñas e mesturalas co azucre e coa canela. O azucre engádollo pouco a pouco a medida que troceo as mazás para que non se oxiden. Metemos as mazás 5 minutos no micro para que abranden. Na metade da cocción dámoslle unha volta. Esta parte é a que máis tempo leva o resto é moi rápido.

Preparamos a masa do biscoito: Mesturar o iogur co azucre, mellor cun batedor eléctrico. Engadir os ovos, mesturar. O aceite, mesturar. E por último a fariña coa levadura e a maicena, cada medida por separado, tamizada. Cando estea ben incorporada a 1ª engadimos a 2ª e logo a 3ª... A fariña xa a mesturei co batedor de man. Cando estea ben mesturado incorporamos a mazá, a cal pasei polo batedor, pero non de todo, algún anaco aínda ía enteiro. A masa queda bastante branda. Introducir a masa nun molde engraxado e enfariñado (no meu caso foi nun molde de silicona e sempre os pinto con manteiga derretida). Metémolo no forno a 180º os 30 primeiros minutos e logo a 160º co ventilador unha media hora ( o mellor para saber se está cocido é sempre probar con un coitelo ou unha agulla, se ó introducilo no biscoito sae seco, xa está, senón hai que esperar. O que pasa é que éste engana, sae sempre mollada, pero xa se nota que non é masa senón que é mazá).
Cando o metín no forno pensei “que sairá de aquí?”. Pois un delicioso e sinxelo biscoito húmido con sabor a mazá.





jueves, 27 de agosto de 2009

BISCOITO DE MASCARPONE CON COMPOTA DE MAZÁ

A idea deste biscoito saqueina do blogue de Nytta “Dulce algodón”. A ela quedoulle máis bonito, aínda así estaba ben rico. Unha idea boísima.

Ingredientes
1 terrina de mascarpone (250 grs). (usarase de medida)
2 terrinas de azucre
3 terrinas de fariña
½ medida de aceite
4 ovos
1 sobre de levadora Royal
5 mazás, 4 culleradas de azucre e media culleradiña de canela para a compota.

Preparación
1º farase a compota: pícanse finiñas as mazás e engádeselle o azucre e a canela. Eu voulle engadindo un pouco de azucre despois de picar cada unha das mazás para que non se oxiden. Métese no micro durante 10 minutos, dándolle voltas de vez en cando e esmagando as mazás cun garfo.
Para o biscoito: Mesturar o mascarpone co azucre, mellor cun batedor eléctrico. Engadir os ovos, mesturar. O aceite, mesturar. E por último a fariña coa levadura, cada medida por separado, tamizada. Cando estea ben incorporada a 1ª engadimos a 2ª e logo a 3ª. A fariña xa a mesturei co batedor de man
Montaxe: Introdúcese a metade da masa de biscoito nun molde engraxado e enfariñado, por encima esténdese a compota, tapándoa co que queda da masa, como se fose unha empanada. Pódeselle poñer por encima azucre e canela (mellor mesturalos antes de incorporalos á superficie do biscoito)
Métese no forno a 160º uns 45 minutos, os dez últimos co ventilador. O ideal para saber se está cocido é pinchalo con unha agulla ou un coitelo e que saia seco. O dos tempos é moi relativo según o forno. No meu se o poño a 180º pónseme moreno, moreno.
Notas: para estas medidas hai que facer máis compota, polo menos dúas mazás máis. Queda pendente facer coma na receita orixinal, con iogur. O biscoito co mascarpone, riquísimo.





martes, 11 de agosto de 2009

EMPANADA DE MAZÁ II

Teño unha espiña cravada coa empanada de mazá. Ando buscando a empanada perfecta. Creo que probarei con varias receitas ata que atope a DEFINITIVA. Esta é totalmente diferente á do outro día. Para o meu gusto está bastante mellor, ésta é posible que a repita, se antes non atopo outra que me guste máis.
Hoxe quedeime soa na casa de meus pais e definitivamente, non podo estar quieta. Mirei o fruteiro e vin todas aquelas mazás. Pois hai que empregalas, pensei. Alá que me puxen. Collín o libro de receitas “La cocina gallega” de Álvaro Cunqueiro e un pouco de improvisación (o toque persoal que non falte).
Copiei a masa, á cal lle chama “masa azucarada”.
Non sei se poderei ser moi precisa cos ingredientes porque ía botando e dalgúns non recordo exactamente a cantidade, pero interésame tela apuntada para poder socorrer a ela noutra ocasión, se fose necesario. Os máis ou menos tamén saen ben, ás veces é o que mellor sae, pero despois non nos acordamos dos máis, nin do menos e non volve a saír nunca máis.


Ingredientes
Para a masa
(puxen o dobre do que dicía na receita orixinal porque me pareceu pouco para unha empanada)
500 grs de fariña
125 grs de manteiga derretida
2 ovos (deixei un pouco para pintala)
4 culleradas de azucre
1 sobre de levadura royal (na receita orixinal dicía 1 culleradiña, aquí paseime do dobre)
Algo menos de medio vaso (de nocilla) de leite morna. (na receita orixinal dicía 2 culleradas, deberían ser 4, pero como me pareceu pouco líquido, engadín algo máis)
Para o recheo
1 kl de mazás (pode ser algo menos)
8 culleradas de azucre (esto irá a gustos dulceiros)
1 culleradiña de canela
Un pouco de manteiga ou margarina.


Elaboración
Da masa
-Poñemos nun bol amplo a fariña e a levadura royal e incorporamos o azucre, os ovos bartidos, o leite morno e a manteiga derretida.
- Amasamos ata que o conxunto estea perfectamente integrado. Primeiro mesturei os ingredientes cunha culler de pau e logo coas mans.
- Amásase moi rápido e queda unha masa bastante compacta, case coma a quebrada.
- Deixámola repousar mentres preparamos as mazás.
Do recheo
- Pelamos e descorazonamos as mazás e picámolas finiñas. Mesturámolas co azucre e coa canela, remexemos ata que se mesture ben.
- Introducímolas no micro uns minutos (non sei exactamente cantos porque as ía mirando de vez en cando). Cando vemos que a mazá se defai ó presionar cun garfo e facemos puré, xa están. Xa temos coma unha compota. Sería un bo momento para probar de azucre, se se considera que non está o suficientemente doce, engadiríase máis.
Montaxe da empanada
- Partimos a masa en dous, un anaco será máis grande, para facer de base.
- Agora ben o difícil, porque a masa aínda que é fácil de estirar é moi quebradiza. Cando se intenta retirala do mármore para introducila no molde rompe. Para iso discurrín estirala encima de papel de forno. Aplastamos a bola e logo tratamos de estirar mantendo a forma circular. Estirar ben.
- Deste xeito xa nos é moi fácil introducila no molde. Incluso podemos estirala coas mans un pouco polos laterais, unha vez no molde, para adaptala ben.
- Introducimos o recheo, repartíndoo ben pola base da empanada. Poñemos uns pegotes de manteiga ou margarina encima do recheo de mazá
- Agora vén o 2º problema, estirar a tapa. Pois polo mesmo precedemento, encima dun papel de forno e logo volcámola con coidado encima do recheo.
- Cerramos os bordes e facémoslle un burato no medio. Píntase con ovo batido (o que reservamos dos ovos da masa)
- Métese no forno prequentado a 200º arredor de 40 minutos. Aquí é onde está o mundo incompresible dos fornos. Vamos a ver 200º non son 200º en tódolos lugares do mundo? (bueno, estamos falando de centígrados). Pois se poño a empanada no meu forno a 200º tórrase neses 40 min, vamos, que non hai quen a coma. No meu teríaa que poñer á 180º e seguro que a media cocción baixala a 160º e poñerlle un papel de prata por encima para que non se tostonease.
Notas: Queda unha masa bastante rica, ten un toque a quebrada. Non estaría mal probar a engadir máis líquido e menos levadura Royal porque aínda quedou bastante gordecha, ben é certo que para o recheo que tiña facíalle falta que sexa algo consistente.


lunes, 3 de agosto de 2009

EMPANADA DE MAZÁ

Estiven por non publicar esta receita porque o resultado non foi o esperado. Non é que non fose comestible, que o era, con dicir que case non pasa da tarde. Pero non saiu como eu quería, debo considerar moitos cambios. Éstes foron os que me incitaron a publicala porque deste xeito téñoa anotada e sei como non a teño que facer. Ademais, agora en quente, acórdome do que teño que modificar e así para a próxima non cometerei os mesmos erros.
Normalmente cociño sen medidas, como me vai saindo, engado máis disto ou do outro. O malo é que nunca anoto, nin as cantidades, nin o que teño que ter en corta para a próxima vez. Así á seguinte vez estou coma ó principio. Esto do blogue é bo para estas cousas, así vou anotando e tendo en conta os cambios, quedando gardadiño para sempre.
Tamén teño que engadir que é a miña 1ª empanada e que non mirei, nin copiei de ninguén, nin siquera lle pregntei a miña nai. Fun autodidacta cos meus modestos coñecementos. Pero se ve que non son suficientes.


Ingredientes
Para a masa

600 grs de fariña, puxen algo máis de 400 de forza e o resto de repostería porque non tiña máis
100 grs de manteiga
250 ml de leite
1 ovo
1 culleradiña de sal
3 culleradas de azucre
Unha culleradiña de esencia de vainilla
Algo máis de medio sobre de levadura seca de panadería (en po).
Recheo
600 grs de mazás
Unha cullerada de azucre
Unha culleradiña de café de canela
300 grs de marmelada de ameixa
25 grs de manteiga
2 ovos
100 ml de nata
Realización
Da masa

- Derreter a manteiga no micro e deixala esperando os seu turno.
- Tamizar a fariña nun bol baixo ou no mesmo mármore, un pouco menos dos 600 grs. Déixase algo de fariña por se fai falta para ir secando a masa
- Facer coma un volcán e engadir o azucre, o sal e levadura.
- Bater un pouco o ovo, engadirlle a vainilla.
-Quecer un pouco o leite (20 seg), máis ou menos a temperatura corporal (probalo na pel e comprobar que non o sentimos nin frío, nin quente)
- Incorporar os líquidos á fariña (leite, manteiga, ovo)
- Mesturar todo cunha culler de madeira. Cando se dificulte a terefa, pasar a amasar coa man. Se vemos que se pega ás mans engadimos máis fariña ata que non se pegue. Amasamos ben no mármore, dámoslle uns golpes e amasamos un anaquiño.
- Meter nun bol e tapalo con film, abrigalo un pouco e deixar que levede arredor dunha hora ou hora e media, debe duplicar o volume.
- Pasado o tempo do levedado separamos a masa en dous anacos, un deles máis grande có outro (o grande para a base porque ten que cubrir tamén as parades do molde e o pequeño para a tapa)
- Estirar a masa co rodillo e metela nun molde engraxado ou cuberto con papel de forno.
-Poñer o recheo e tapar co resto da masa que xa está estirada.
- Pintar con ovo por encima e espolborexar un pouco de azucre.

Erros cometidos e cambios para a próxima:
A masa estaba moi boa. De feito coa que sobrou fixen un boliño que estaba riquísimo. O que pasa é que non me parece que sexa a masa axeitada para a empanada de mazá porque era moito pan, eso que a estirei ben. Creo que debo poñerlle menos levadura (pode que con unha culleradiña chegará) ou probar sen ela? Mirarei outras masas.


Do recheo
- Pelar as mazás e cortalas en láminas finas. Poñerlle o azucre e a canela, deixalas un pouco macerar.
- Cando xa estea colocada a masa da base poñer unha capa de mazás, a metade. Cubrir coa metade da marmelada e poñer uns pegotes de manteiga.
- Poñer encima o resto das mazás e o resto da marmelada e outro pouco da manteiga.
- Bater os ovos. Separar un pouco de ovo para logo pintar a masa por encima.
- Engadirlle a nata ós ovos e bater un pouco.
- Introducir o líquido por encima das mazás, intentando que se cole ben por entre elas. (Este paso foi un fracaso total, quería que quedara como flan polo medio, pero para nada. Desde logo así non o volveri a facer. Ademais o líquido saiuse por fóra da masa e fixo que a masa da base estivera moi brandiña, como mollada).

- Tapar co resto da masa e pintar co ovo batido.

- Meter no forno prequentado a 200ºdurante máis ou menos 50 min.
Erros cometidos e cambios para a próxima vez:
1º O que xa comentei da mestura de ovo e nata ou leite. O resultado non foi o esperado. Quixen emular a tarta do outro día que me gustou tanto, pero o resultado foi diferente. Tamén pode ser que fora demasiado líquido e que tiven pouco coidado á hora de introducilo no recheo.
2º A mazá estaba aínda algo crúa, deberíase cociñar antes un pouco?
Vamos que así exactamente non a farei máis terei que ir probando. O peor foron o grosor da masa, que estaba moi húmida na base e o líquido.
Ademais hai que ter en conta que me sobrou masa, polo que, hai que facer menos cantidade.

jueves, 30 de julio de 2009

TARTA DE MAZÁ EN CAPAS

Esta receita vina no blogue de Acibechería e chamoume especialmente a atención polo diferente da súa realización. Inmediatamente incluína nas receitas que teño que facer.
Agora empeza a haber mazás na horta, polo que, xa me aventurei a probar. Coma sempre non fun fiel á orixinal, non podo evitar facer cambios. Neste caso as medidas non eran moi precisas e fun un pouco ao tuntún.


Ingredientes
12 culleradas de fariña
12 culleradas de azucre
4 ovos
1 brick de nata dos pequenos (200 cc)
1 vaso de leite (dos de nocilla) (na receita orixinal dicía dúas tazas de leite enteira, pero de canto son as tazas? Tereille que preguntar á autora). Puxen unha de nata e outra de leite porque o leite que teño é desnatado, así dámoslle un pouco máis de substancia.
Manteiga (sobre 75 grs)
Arredor de 200 grs de marmelada (de melocotón). Puxen da que fixen de ameixa (non a vou ir comprar, non?). Neste paso a autora fala dun bote enteiro, pero non di de canto é, tamén di que ás veces emprega dous.
Arredor dun kilo de mazás (non chegaba ó kilo, eran sobre 800-900 grs), pero un kilo tampouco estaría de máis.


Realización
- Mesturamos as 12 culleradas de azucre coas doce de fariña nun bol.
- Pelamos e cortamos en láminas as mazás.
- Batemos os ovos e mestúranse co leite e a nata.
- Embadúrnase un molde con manteiga. O que empreguei mide 22x30.
- Metemos a metade da mestura de fariña e azucre no molde, ben estendidiño por todo o fondo (tiven un fallo puxen demasiado no fondo e logo non me quedaba a metade, debe medirse ben)
- Poñemos unha capa da mazá, encima a marmelada (supoño que a cantidade será a gusto) e uns pegotes de manteiga (tampouco sei o tamaño nin a cantidade de pegotes, polo que puxen como me pareceu)
- Por encima embórcase a metade do líquido de ovos e nata.
- Volvemos a empezar coas capas: Fariña-azucre, mazá, marmelada, manteiga, líquido.
- Metémolo no forno prequentado a 160º durante 1 hr e 20 min. (creo que debería habela posto a 180º, estivo demasiado tempo no forno)

Comentarios de catadores: Está moi boa, hai que repetila máis máis veces, non ten fallo. Non vou introducir cambios nos ingredientes, está perfecta tal e como a fixen, bueno igual a poño a 180º, aínda que logo a media cocción baixe o calor.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...