lunes, 3 de agosto de 2009

EMPANADA DE MAZÁ

Estiven por non publicar esta receita porque o resultado non foi o esperado. Non é que non fose comestible, que o era, con dicir que case non pasa da tarde. Pero non saiu como eu quería, debo considerar moitos cambios. Éstes foron os que me incitaron a publicala porque deste xeito téñoa anotada e sei como non a teño que facer. Ademais, agora en quente, acórdome do que teño que modificar e así para a próxima non cometerei os mesmos erros.
Normalmente cociño sen medidas, como me vai saindo, engado máis disto ou do outro. O malo é que nunca anoto, nin as cantidades, nin o que teño que ter en corta para a próxima vez. Así á seguinte vez estou coma ó principio. Esto do blogue é bo para estas cousas, así vou anotando e tendo en conta os cambios, quedando gardadiño para sempre.
Tamén teño que engadir que é a miña 1ª empanada e que non mirei, nin copiei de ninguén, nin siquera lle pregntei a miña nai. Fun autodidacta cos meus modestos coñecementos. Pero se ve que non son suficientes.


Ingredientes
Para a masa

600 grs de fariña, puxen algo máis de 400 de forza e o resto de repostería porque non tiña máis
100 grs de manteiga
250 ml de leite
1 ovo
1 culleradiña de sal
3 culleradas de azucre
Unha culleradiña de esencia de vainilla
Algo máis de medio sobre de levadura seca de panadería (en po).
Recheo
600 grs de mazás
Unha cullerada de azucre
Unha culleradiña de café de canela
300 grs de marmelada de ameixa
25 grs de manteiga
2 ovos
100 ml de nata
Realización
Da masa

- Derreter a manteiga no micro e deixala esperando os seu turno.
- Tamizar a fariña nun bol baixo ou no mesmo mármore, un pouco menos dos 600 grs. Déixase algo de fariña por se fai falta para ir secando a masa
- Facer coma un volcán e engadir o azucre, o sal e levadura.
- Bater un pouco o ovo, engadirlle a vainilla.
-Quecer un pouco o leite (20 seg), máis ou menos a temperatura corporal (probalo na pel e comprobar que non o sentimos nin frío, nin quente)
- Incorporar os líquidos á fariña (leite, manteiga, ovo)
- Mesturar todo cunha culler de madeira. Cando se dificulte a terefa, pasar a amasar coa man. Se vemos que se pega ás mans engadimos máis fariña ata que non se pegue. Amasamos ben no mármore, dámoslle uns golpes e amasamos un anaquiño.
- Meter nun bol e tapalo con film, abrigalo un pouco e deixar que levede arredor dunha hora ou hora e media, debe duplicar o volume.
- Pasado o tempo do levedado separamos a masa en dous anacos, un deles máis grande có outro (o grande para a base porque ten que cubrir tamén as parades do molde e o pequeño para a tapa)
- Estirar a masa co rodillo e metela nun molde engraxado ou cuberto con papel de forno.
-Poñer o recheo e tapar co resto da masa que xa está estirada.
- Pintar con ovo por encima e espolborexar un pouco de azucre.

Erros cometidos e cambios para a próxima:
A masa estaba moi boa. De feito coa que sobrou fixen un boliño que estaba riquísimo. O que pasa é que non me parece que sexa a masa axeitada para a empanada de mazá porque era moito pan, eso que a estirei ben. Creo que debo poñerlle menos levadura (pode que con unha culleradiña chegará) ou probar sen ela? Mirarei outras masas.


Do recheo
- Pelar as mazás e cortalas en láminas finas. Poñerlle o azucre e a canela, deixalas un pouco macerar.
- Cando xa estea colocada a masa da base poñer unha capa de mazás, a metade. Cubrir coa metade da marmelada e poñer uns pegotes de manteiga.
- Poñer encima o resto das mazás e o resto da marmelada e outro pouco da manteiga.
- Bater os ovos. Separar un pouco de ovo para logo pintar a masa por encima.
- Engadirlle a nata ós ovos e bater un pouco.
- Introducir o líquido por encima das mazás, intentando que se cole ben por entre elas. (Este paso foi un fracaso total, quería que quedara como flan polo medio, pero para nada. Desde logo así non o volveri a facer. Ademais o líquido saiuse por fóra da masa e fixo que a masa da base estivera moi brandiña, como mollada).

- Tapar co resto da masa e pintar co ovo batido.

- Meter no forno prequentado a 200ºdurante máis ou menos 50 min.
Erros cometidos e cambios para a próxima vez:
1º O que xa comentei da mestura de ovo e nata ou leite. O resultado non foi o esperado. Quixen emular a tarta do outro día que me gustou tanto, pero o resultado foi diferente. Tamén pode ser que fora demasiado líquido e que tiven pouco coidado á hora de introducilo no recheo.
2º A mazá estaba aínda algo crúa, deberíase cociñar antes un pouco?
Vamos que así exactamente non a farei máis terei que ir probando. O peor foron o grosor da masa, que estaba moi húmida na base e o líquido.
Ademais hai que ter en conta que me sobrou masa, polo que, hai que facer menos cantidade.

1 comentario:

  1. Thanks for sharing this......
    It is really very nice blog.......


    see more

    ResponderEliminar

Cóntame que che parece

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...