Na miña zona chamámoslle berbechos, pero parece que en galego normativo tamén son berberechos.
Estas cantidades dan para catro racións.
Arredor dun quilo de berberechos
1 cebola
2 dentes de allo
2 cenorias
1 pemento verde pequeno
1 allo-porro
3 puñados de chícharos
3 cazos (dos de servir sopa) de arroz bomba
6 culleradas de aceite
Un sobre de azafrán
Auga ou caldo
Preparación
- Pola mañá, no mesmo día que os cociñamos introducímolos en auga con sal ou en auga do mar , no caso de que se teña cerca. Se os berberechos xa veñen depurados non fai falta.
- Cocemos a metade dos berberechos (introducímolos en auga fría de xeito que non os cubra ben de todo) e a outra metade seguen na auga fría con un pouco de sal para que solten as areas, en caso de que as tiveran . Só teñen que abrir. Sacámoslle a vianda e reservamos. Colamos a auga de cocelos por se ten algunha impureza e deixámolo no lume cunha pouca auga (a cantidade que creamos necesaria para a cocción do arroz, sempre máis vale que sobre ca que falte), debe ferver e queda a lume baixo. Ten que estar quente para poder engadirllo logo á cocción do arroz.
- Poderíamos deixalos todos con cuncha, pero son demasiadas. Eu deixei algúns con cuncha para incorporar ó arroz porque me encanta comer o arroz de dentro das cunchas.
- Pícanse moi finiñas as hortalizas (eu na picadora) e sofrítense nesta orde: cebola e allo, allo-porro, cenoria e o pemento. Déixase que se faga un pouco cada un e logo engádese o seguinte. Eu fago moito as hortalizas, evítome que me repita e ter dor de estómago. Incluso despois de pochadiñas póñolle a tapa a lume baixo e deixo que se fagan ben.
- Incorpórase o arroz e os chícharos. Dánselle unhas voltas ata que vexamos que o arroz absorbeu parte do xugo.
- Engadir a auga ou caldo, o azafrán e unha pizquiña de sal, hai que ter coidado co sal porque xa os berberechos poden aportar suficiente, mellor probamos case ó final da cocción e se vemos que está soso engadimos máis . Ó principio engadín 7 cazos de auga. Fun engadindo auga a medida que a ía bebendo. O arroz que usei foi o bomba e necesita máis auga ca outro arroz. Ademais quería me quedara algo caldoso. Puideron ser uns 12-14 cazos de auga. Cocendo sempre sen tapa e rexendo cunha culler de pao de vez en cando. Estivo no lume arredor de media hora, pero a nós gústanos moi cocido. O da cocción é persoal, cada un debe probalo e decidir cando está no seu punto.
- Cando está practicamente cocido engadimos os berberechos que temos con cuncha. Dámoslle unhas voltas e deixamos que abran. Unha vez abertos deixámolo sobre 5 minutos e engadimos os berberechos que temos sen cuncha.
- Probamos de sal e engadimos se fixera falta. Pode que xa aporten suficiente os berberechos. Eu engadín un pouco.
- Tapamos cun pano e deixamos repousar sobre 10 minutos.