Antes de ter o blogue e non experimentar con todo tipo de doces que vexo por aí (que sempre os quero probar todos), ás veces tiña antollos e como eu son de masa, de fariña pois facía unha filloas ou unhas chulas (mesma masa con máis fariña e fanse de tamaño pequeno), ou uns follados. Que ninguén se asuste co nome. Na miña zona chámanse así, é a mesma masa que para as filloas, pero algo máis gorda, con máis fariña. Antigamente facíanse con touciño e tamén con bastante aceite para que quedasen cruxientes polos bordos. Pero todo vai evolucionando. Eu creo que en tódalas casas da miña zona os follados son moi socorridos para as ceas, con azucre por arriba. A min sempre me encantaron. Encantábanme os de miña avoa que os facía nadando en aceite ben quente, o que pasa é que como eran tan aceitosos comías dous e xa non podías con máis. Logo cando viñeron as tixolas antiadherentes xa se podían facer só con unha gota de aceite e así é como os fai miña nai.
Cando empecei a saír ó mundo e dicía o de follados a xente mirábame cunha cara estraña. Noutras zonas chámanse freixós, nunca o oíra tampouco e seguramente que haberá outras denominacións. O de follados ten a súa lóxica, porque son coma follas.
Pois ben, nun deses arrebatos de necesidade de fariña e doce, discurrín bater as claras a punto de neve a ver como quedarían. Moi ben, claro está. Seguro que esto xa está inventado e xa ten un nome, pero eu, de momento, non o vin en ningún sitio e estou moi orgullosa do meu “invento”. Esto é como o que me pasou co biscoito. O típico biscoito de iogur, un bo día pensei en substituír o iogur por queixo crema. Toda contenta co meu invento, hasta cría que a ninguén se lle ocurrira tal cousa. Pois o meu gozo nun pozo, cando me iniciei nisto de ollar os blogues, e comprobei que todo o mundo facía biscoitos con queixo crema. Así que todo esta inventado, pensado e discurrido e sempre hai alguén que se adianta.
Ingredientes
2 ovos
150 ml de leite
5 culleradas sopeiras de fariña
1 culleradiña de azucre vainilla ou de esencia de vainilla
25 grs de manteiga derretida
Media culleradiña de sal
Elaboración
- Separamos as xemas das claras e montamos as claras a punto de neve, reservamos.
- Noutro recipiente introducimos o leite, as xemas, a vainilla, o sal, a manteiga derretida e fría e a fariña. Batemos todo co batedor eléctrico e logo incorporámola mestura ás claras.
- Integramos con coidado, con movementos envolventes.
- Nunha tixola pequena (do tamaño que queiramos que sexan as tortas) poñemos unha pouca manteiga (unha puntiña do coitelo) ou rastreamos unha pouco manteiga no fondo da tixola. Cando a manteiga estea derretida e mollando o fondo da tixola introducimos unha cullerada de masa (con un cazo dos de servir sopa). Deixamos que calle e dámoslle a volta.
- Retiramos da tixola e eu póñolle un pouco azucre. Seguro que hai quen prefire poñerlle o azucre na masa inicial, iso é a gusto. A min gústame poñerllo por encima para se derreta co calor a medida que poñemos unhas enriba das outras (é un costume da casa, e algún días probarei a poñerlle o azucre na masa, aínda que miña nai di que se requeima a masa, non o sei, non probei nunca. Si ela o di sería porque xa probou e saberao, digo eu)
- Saíron 7 tortiñas con estas cantidades.
Podemos tomalas como máis nos guste, só co azucre, con marmelada, con mel, con chocolate, con nata, con varias cousas....