martes, 11 de agosto de 2009

EMPANADA DE MAZÁ II

Teño unha espiña cravada coa empanada de mazá. Ando buscando a empanada perfecta. Creo que probarei con varias receitas ata que atope a DEFINITIVA. Esta é totalmente diferente á do outro día. Para o meu gusto está bastante mellor, ésta é posible que a repita, se antes non atopo outra que me guste máis.
Hoxe quedeime soa na casa de meus pais e definitivamente, non podo estar quieta. Mirei o fruteiro e vin todas aquelas mazás. Pois hai que empregalas, pensei. Alá que me puxen. Collín o libro de receitas “La cocina gallega” de Álvaro Cunqueiro e un pouco de improvisación (o toque persoal que non falte).
Copiei a masa, á cal lle chama “masa azucarada”.
Non sei se poderei ser moi precisa cos ingredientes porque ía botando e dalgúns non recordo exactamente a cantidade, pero interésame tela apuntada para poder socorrer a ela noutra ocasión, se fose necesario. Os máis ou menos tamén saen ben, ás veces é o que mellor sae, pero despois non nos acordamos dos máis, nin do menos e non volve a saír nunca máis.


Ingredientes
Para a masa
(puxen o dobre do que dicía na receita orixinal porque me pareceu pouco para unha empanada)
500 grs de fariña
125 grs de manteiga derretida
2 ovos (deixei un pouco para pintala)
4 culleradas de azucre
1 sobre de levadura royal (na receita orixinal dicía 1 culleradiña, aquí paseime do dobre)
Algo menos de medio vaso (de nocilla) de leite morna. (na receita orixinal dicía 2 culleradas, deberían ser 4, pero como me pareceu pouco líquido, engadín algo máis)
Para o recheo
1 kl de mazás (pode ser algo menos)
8 culleradas de azucre (esto irá a gustos dulceiros)
1 culleradiña de canela
Un pouco de manteiga ou margarina.


Elaboración
Da masa
-Poñemos nun bol amplo a fariña e a levadura royal e incorporamos o azucre, os ovos bartidos, o leite morno e a manteiga derretida.
- Amasamos ata que o conxunto estea perfectamente integrado. Primeiro mesturei os ingredientes cunha culler de pau e logo coas mans.
- Amásase moi rápido e queda unha masa bastante compacta, case coma a quebrada.
- Deixámola repousar mentres preparamos as mazás.
Do recheo
- Pelamos e descorazonamos as mazás e picámolas finiñas. Mesturámolas co azucre e coa canela, remexemos ata que se mesture ben.
- Introducímolas no micro uns minutos (non sei exactamente cantos porque as ía mirando de vez en cando). Cando vemos que a mazá se defai ó presionar cun garfo e facemos puré, xa están. Xa temos coma unha compota. Sería un bo momento para probar de azucre, se se considera que non está o suficientemente doce, engadiríase máis.
Montaxe da empanada
- Partimos a masa en dous, un anaco será máis grande, para facer de base.
- Agora ben o difícil, porque a masa aínda que é fácil de estirar é moi quebradiza. Cando se intenta retirala do mármore para introducila no molde rompe. Para iso discurrín estirala encima de papel de forno. Aplastamos a bola e logo tratamos de estirar mantendo a forma circular. Estirar ben.
- Deste xeito xa nos é moi fácil introducila no molde. Incluso podemos estirala coas mans un pouco polos laterais, unha vez no molde, para adaptala ben.
- Introducimos o recheo, repartíndoo ben pola base da empanada. Poñemos uns pegotes de manteiga ou margarina encima do recheo de mazá
- Agora vén o 2º problema, estirar a tapa. Pois polo mesmo precedemento, encima dun papel de forno e logo volcámola con coidado encima do recheo.
- Cerramos os bordes e facémoslle un burato no medio. Píntase con ovo batido (o que reservamos dos ovos da masa)
- Métese no forno prequentado a 200º arredor de 40 minutos. Aquí é onde está o mundo incompresible dos fornos. Vamos a ver 200º non son 200º en tódolos lugares do mundo? (bueno, estamos falando de centígrados). Pois se poño a empanada no meu forno a 200º tórrase neses 40 min, vamos, que non hai quen a coma. No meu teríaa que poñer á 180º e seguro que a media cocción baixala a 160º e poñerlle un papel de prata por encima para que non se tostonease.
Notas: Queda unha masa bastante rica, ten un toque a quebrada. Non estaría mal probar a engadir máis líquido e menos levadura Royal porque aínda quedou bastante gordecha, ben é certo que para o recheo que tiña facíalle falta que sexa algo consistente.


2 comentarios:

  1. Moi ben, apúntome á viaxe das empanadas de mazá... cando topes a definitiva avisa que probo ;)

    Bicos!!

    Laura.

    ResponderEliminar
  2. Esta non está mal, é digna de probar. O que pasa é que son moi esixente coas empanadas de mazá. Non sei moi ben como ten que ser, pero seguirei intentándoo.

    ResponderEliminar

Cóntame que che parece

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...