martes, 17 de noviembre de 2009

BISCOITO CEBRA

Este podo dicir que é un biscoito de aproveitamentos e de paso facer o experimento cebra que xa vin en tantos blogues e que tanto me gustou. Tiña un bote de leite evaporada a piques de caducar e dous plátanos no froiteiro moi maduros para o meu gusto. Case mellor que fose todo para o lixo e que non me puxese a facer experimentos porque todos estes experimentos aportan certa cantidade calórica que non lle favorece nada ós corpos. Como ía a comer con unhas amigas pois xa tiña tamén outra desculpa.



Ingredientes
200 ml de leite evaporado
10 culleradas de azucre (non quedou moi doce)
3 vasos (dos de nocilla) de fariña
1 vaso (dos de nocilla) de maizena
½ vaso (dos de nocilla) de aceite
4 ovos
6 pastillas de chocolate para postres de eroski
2 plátanos moi maduros
1cullerada de bicarbonato


Realización
-Bater co batedor eléctrico os ovos co azucre ata que quede ben espumoso. Incorporar o leite evaporado e seguir batendo. Despois, o aceite, batemos e por último os plátanos feitos puré.
- Engadimos a fariña, o bicarbonato e a maicena tamizados e pouco a pouco. Esto xa o podemos facer a man, eu continuei co batedor.
- Fundimos o chocolate no micro, un minuto e medio é suficiente, pero sacámolo a media cocción para remexelo senón queimaríasenos.
- Separamos a masa en dous. A unha das metades engadímoslle o chocolate e incorporamos ben. A esta última engadinlle un par de culleradas de leite evaporada porque estaba máis densa que a clara.
- Enmantigamos e enfariñamos un molde e procedemos co efecto cebra: dúas culleradas de masa clara no centro do molde, dúas culleradas de masa de chocolate no centro da masa clara e así sucesivamente ata que rematamos as dúas masas. Vemos como se van formando círculos concéntricos cos bordos das dúas cores. Este proceso require un pouco de paciencia porque algo tan sinxelo como o último paso, que é envorcar a masa e listo, convértese en algo lento e preciso.
-Introducimos no forno prequentado a 160º durante 55 minutos, os dez últimos co ventilador. Esto no meu forno, o mellor que cada un saiba como vai o seu forno. Á media hora introducimos unha agulla, unha brocheta, un coitelo e comprobamos como vai e canto tempo lle fará falta. Estará listo cando saia seco.


COMENTARIO: A verdade é que para o meu gusto non vale a pena o esforzo que require o efecto cebra este.

Non saiu moi bo. Quedou bastante seco. Pode ser que se pasase un pouco de forno.

viernes, 13 de noviembre de 2009

FLAN EXPRÉS

Esta receita non é miña, é de miña nai, pero pareceume boa idea anotala para acordarme en caso de que me faga falta. A verdade é que se tes invitados imprevistos ou se non tes moitas ganas ou moito tempo para facer unha sobremesa, ésta saca a calquera dun apuro. A quen non lle gusta o flan?
Fixen flan moitas veces, diría que a miña especialidade é o flan de queixo, pero iso de estar tanto tempo dando conta del... Este en 15 minutos, flan listo.
O único requisito, unha pota exprés e unha flaneira con tapa hermética dun litro.
Se teño que identificar a miña nai con un obxecto sería precisamente con unha exprés porque ela é igual, rápida e eficaz. Ademais ás veces tamén lle salta todo o vapor de repente, pero en canto o solta, xa está.
En canto ós ingredientes debo dicir que miña nai nunca é precisa con eles, pero fixemos un esforzo para ser o máis precisas posible.

Ingredientes
Para o flan

300 grs de leite condensada. Ela compra botes de 740 grs e bota como lle parece, di que algo menos da metade ( seguramente unhas veces é 300grs, outras 340...)
3 ovos
Leite (na receita aclaro a cantidade). Usa desnatado
Para o caramelo
3 culleradas de azucre
Unha de auga

Realización
- É imprescindible que teñamos unha xerra ou recipiente que nos permita medir os líquidos. As xerras dos batedores eléctricos teñen todas.
- Introducimos o leite condensado e os ovos no recipiente do batedor e batemos o conxunto ata que estea ben integrado.
- Agora ven a medida do leite. Completamos con leite ata que chegue a 750 ml e volvemos a bater.
- Preparamos caramelo, nun cazo ou tixola pequenos, con 3 culleradas de azucre e un chorriño de auga. Poñemos no lume ata que caramelice. Vertemos na flaneira cubrindo ben o fondo e un pouco as paredes. Tamén podemos usar caramelo líquido do que venden listo no super.
- A continuación introducimos na flaneira o preparado de flan. Tapámola.
- Metemos a flaneira na exprés con auga, de xeito que a auga chegue pola metade da flaneira.
- Tapamos a exprés. Deixamos que se levante a válvula e a partir de aí contamos uns 8 minutos. Deixamos saír o vapor. Destapamos, quitamos a flaneira, destapámola e deixamos arrefriar antes de desmoldar. Tamén o podemos desmoldar morno. Se o desmoldamos quente desfaisenos.

sábado, 7 de noviembre de 2009

ESPIRAIS E EMPANADILLAS DE XAMÓN E QUEIXO

Tiña no conxelador un par de placas de hoxaldre, desas que veñen dúas xuntas dobradas nunha caixa. Levaban alí máis dun ano, xa me saudaban cando ía o conxelador, confesáronme que estaban fartas de estar alí encerradas que querían descubrir novos horizontes. Parece ser que non se sentían útiles e querían ampliar a súa formación. Por facerlles un favor, porque caducaban nun mes e porque tiña ganas de algo que me soubera ben, tocoulles por fin.
Quero aclarar tamén que eu sempre lle chamo a esta masa hoxaldre, xa sei que non é correcta esa denominación, máis ben é un castelanismo galeguizado, a forma correcta de chamarlle sería masa follada, pero sinceramente non me gusta moito, ademais non a asocio, polo que seguirei chamándolle hoxaldre aínda que estea mal.
É unha receita moi sinxela, que non implica ningunha dificultade e resulta moi saborosa e vistosa.


Ingredientes
500 grs de hoxaldre (unha caixa de hoxaldre conxelado con dúas láminas)
Queixo de sandwichs (tipo de tranchetes), que funda ben
Xamón cocido ou pavo
1 ovo batido para pintar por encima

Realización
Das espirais: Cubrimos a prancha de hoxaldre co queixo e o xamón. Enrolamos como se fose un brazo de xitano. Cortamos en porcións de uns dous dedos de ancho e colocámolos encima da placa de forno cuberta con papel de fornear.
Para as empanadillas: partimos a masa en triángulos, neste caso como era dúas empanadillas cortei catro triángulos. Cubrimos un dos triángulos co xamón e co queixo e tapamos co outro triángulo. Selamos ben os bordos e practicámoslle uns cortes na superficie para que non inche demasiado.
Pintamos todo con ovo batido antes de introducilo no forno prequentado a 180º. Cando pasen 30 minutos sacámolos. O do tempo vai en función do forno. Está listo cando vexamos que a masa colleu color.




sábado, 31 de octubre de 2009

BRIOCHE RECHEO DE CREMA PASTELEIRA

Non sabía que nome poñerlle. Gústame poñerme un nome inventado por min, non copiado de ningún outro sitio, a esto mesmo creo que o vin co nome de chinois ou algo así, pero cando non sei a procedencia dese nome prefiro non poñerllo e poñer o nome do que se ve e listo.
Facía moito tempo que o quería facer, pero íao pospoñendo e non sei moi ben por qué. Agora que o fixen creo que era mellor que o seguira pospoñendo porque é talmente unha delicia. Tamén teño que confesar a miña debilidade polas masas de levedar, encántame tanto facelas como comelas e se ten crema pasteleira xa non digo nada.
Non podo dicir que o copiara de ninguén porque esta masa foi evolucionando comigo, facendo cambios e agora non sei de onde parte. A verdade é que ésta exactamente non a copiei de ninguén, fun collendo ideas daquí e dacolá e así elaborei a miña propia masa, que non teño pensado perder porque sae deliciosa.
Vamos ó lío que me lío.

Ingredientes para a masa
É a mesma que a do rosco, pero a metade dos ingredientes
2 ovos + 1 para pintar por encima
400 grs de fariña de forza (máis ou menos)
25 grs de levadura prensada de panadería
100 cc de leite
75 grs de manteiga
50 grs de azucre + unha culleradariña para a levadura
1 sobre de azucre vainilla ou unha cullerada de esencia de vainilla
Media culleradiña de esencia de limón (opcional)
Unha culleradiña de aroma de azahar
1 culleradiña de sal
Elaboración da masa
-Sacar a manteiga da neveira, troceala e deixala a temperatura ambiente mentres se vai facendo o resto
- Amornar o leite e desfacer nel a levadura coa axuda dunha culleradiña de azucre. Deixar fermentar arredor de 20-30 minutos tapado con film, ata que triplique o volume.
- Tamizar a fariña e agregarlle o azucre, o sal, os ovos batidos, as esencias e a mestura de levadura, xa fermentada. Mesturar todo ata conseguir una masa homoxénea que non se pegue ás mans nin ao conco. Empecei mesturando coa culler de pao e rematei coas mans. Se non chega a fariña inicial engadiráselle máis. Finalmente engadimos a manteiga a temperatura ambiente e integrámola ben. Custa un pouco, pero hai que ter paciencia, acaba integrándose (cando digo paciencia é paciencia, porque toda a manteiga se desparrama e a masa desfaise, parece que nunca vas conseguir xuntar aquilo, poden dar intencións de tirar todo ó lixo, pero non, hai que continuar porque ó final xúntase todo, prometido). Este proceso fíxeno coas mans. O final queda unha masa brandiña, parece coma pegañenta, pero non o é, despégase perfectamente da superficie de traballo e das mans.
- Envolvémola masa en película de cociña (film). Envolvémola ben para que non se saia ó fermentar e introducímola na neveira, no meu caso toda a noite (debe estar ben cuberta co film porque senón sairase. O film poñémolo frouxo para que poida medrar). Tamén se podería deixar fermentar a temperatura ambiente, dentro do forno apagado, por exemplo, ata que dobre o volume, unhas dúas ou tres horas.
- Sacala de neveira, retirar o film e darlle forma (explícoo máis abaixo).


Ingredientes para a crema pasteleira
É a mesma receita do tronco de crema con cobertura de chocolate
Dúas xemas
3 culleradas de azucre
1 sobre de azucre vainilla
3 culleradas de maicena
300 ml de leite
30 grs de manteiga
Realización

Quentar o leite nun cazo (se non ferve non pasa nada). Sempre o fago no micro
Mesturar nun cazo as xemas, o azucre, a maicena e un pouco de leite fría (dúas culleradas). Remexer ben ata que se mesture todo sen grumos.
Poñer a mestura ao lume, non moi forte (medio alto) e engadirlle inmediatamente o leite. Non todo, a metade. Remexer cunhas varillas ata que vaia espesando. Subirlle a temperatura, pero nunca ao máximo. Cando vaia espesando xa se ve a necesidade de engadirlle máis leite ata conseguir o espesor desexado. Ten que quedar espesiña. Ó final, xa co lume apagado, engadimos os taquiños de manteiga, que xa sacamos cando empezamos a facer a crema para que fora collendo temperatura ambiente. Remexemos ben para que se integre coa crema (esto lino por aí nalgún blogue e decidín probar, queda ben). A crema debe estar fría para cando a usemos. Para que non críe tona podemos cubrir o recipiente, no que está, con papel film.


Montaxe do brioche
Unha vez fermentado dámoslle a forma desexada: Estiramos a masa o máis que poidamos, sobre unha superficie enfariñada, e facemos un rectángulo, ou cadrado (a min saíume máis ben cadrado). Estendemos a crema por toda a superficie. Enroscamos coma se fose un brazo de xitano. Cortamos porcións de uns tres dedos de ancho e colocámolas coa crema cara arriba,nun molde forrado de papel de fornear (molde empregado era de 30 cm de diámetro)
Dexámolo fermentar arredor de dúas horas nun sitio sen correntes, dentro do forno apagado, por exemplo. Antes de metelo ó forno pintámolo con ovo batido.
Introducímolo no forno prequentado a 180º. Deixeino a 180º durante 10 minutos, logo baixeille o calor a 160º e cubrino con papel de prata para que non se queimase ( o meu forno en seguida pon moreno). Deixeino media hora máis.
Ingredientes para o almíbar
Facémolo mentres o brioche está no forno.
Medio vaso de auga
3 culleradas de azucre
Tamén podemos poñer menos auga e máis azucre, así quédanos un almíbar máis espeso
Preparación
Ponse a ferver tódolos ingredientes uns cinco minutos.
Cando se saca o brioche do forno pintámolo co almibar.


sábado, 24 de octubre de 2009

LENTELLAS VEXETAIS

Quen dixo que para facer unhas lentellas ricas era necesario carne, ou chourizo, ou touciño. Non lle imos quitar o mérito, pero vexetais están riquísimas, eu diría que máis que con aqueles ingredientes. De paso son máis sans e menos indixestas. Todo son vantaxes. Ademais, con este tempiño de outono xa apetecen estes pratiños de culler quentiños.
Quédame mal dicilo, por ser a nai da criatura, pero están taaaaan boas...


Ingredientes
1 cebola pequena
1 dente de allo
1 allo-porro
2 cenorias medianas
1 calabacín pequeno ou medio mediano.
Medio pemento vermello
3 culleradas de salsa de tomate caseira
2 cazos (de sevir sopa) de lentellas das pequenas
4 culleradas de aceite
Auga quente
Sal
Realización
-As lentellas teñen que estar a remollo durante 8-10 horas antes de ser cociñadas. Logo escórrense ben. No meu caso só estiveron 5 horas. Deste xeito van necesitar un pouco máis tempo de cocción e algo máis de auga para cocelas.
- Pícanse tódalas verduras miúdas. A cebola, o allo, o allo-porro e a cenoria piqueinos na picadora. O calabacín e o pemento piqueinos co coitelo en taquiños pequenos.
-Ponse a auga a quentar (un cazo dela,máis vale que sobre que que falte). Ten que estar quente para cando llo botemos as lentellas.
- Ponse a pota ó lume co aceite e así que estea un pouco quente póchanse a cebola e o allo. Despois dunha voltiñas engadimos o allo-porro. Cando empece a translucir un pouco engadimos o pemento e cando abrande un pouco (eu baixei un pouco o calor e púxenlle a tapa) a cenoria. Dámoslle unhas voltas e xa engadimos o calabacín. Todo o conxunto deixámolo que se abrande durante 15 min. Revolvéndoo frecuentemente. Púxenlle a tapa á pota, así van soltando auga as verduras e vanse cociñando no seu xugo.
- Cando vexamos que o calabacín vai estando brandiño e algo translúcido engadimos a salsa de tomate caseira e as lentellas. Dámoslle unhas voltas coa verdura (sobre dous min). Cubrimos coa auga que temos quente e deixámolas cocer a lume baixo, pero sempre burbulleando, uns 40 minutos, é ben probalas para saber se están ó noso gusto, de cocidas e de sal. A cantidade de auga é un pouco a criterio persoal porque depende de se nos gustan máis caldosiñas ou máis espesas. Tamén durante a cocción se vemos que lle vai quedando pouca auga podemos engadir máis.
- Chegou o momento de salgar (cando lle botamos a auga), que tamén vai en función de gustos e das tensións arteriais dos comensais (eu púxenlle sobre unha culleradiña das pequenas).
Estas cantidades dan para, tres ou catro racións (tamén depende do comedores que sexamos ou se vai ser prato único ou hai un segundo prato ou se é para a cea ou para o xantar. Hai moitos dependes).



domingo, 18 de octubre de 2009

BISCOITO DE PLÁTANO

Non sabía que nome poñerlle, si biscoito, que é o que realmente é, ou pan de plátano, como lle chama Pepinho de i-recetas, que é de onde collín a idea. Decidinme por biscoito, pareceume máis adecuado.
Como cada fin de semana, tiña que facer algo doce. Alí no froiteiro dous plátanos cuxo destino era o lixo porque os plátanos maduros non me gustan. Pois nada, mesturamos con algo de fariña e algo sairá. De todos xeitos andiven algo de excursión pola rede e convenceume a proposta de pepinho. Está francamente delicioso, do mellor que probei en biscoitos, ten un sutil, pero perfectamente perceptible, sabor a plátano que combinado co chocolate dan un resultado moi, moi rico.


Ingredientes
250 grs de fariña
1 pizca de sal
2 culleradas pequenas de bicarbonato sódico
1 cullerada pequena de impulsor (royal). Na receita orixinal non lla pon, pero por se a caso...
2 plátanos moi maduros
175 grs de azucre morena.
1 cullerada de esencia de vainilla
Media culleradiña de canela
2 ovos
80 grs de manteiga a temperatura ambiente
1 brick de nata dos pequenos (200 ml)
50-60grs de noces picadas
70 grs de chocolate troceado


Realización
Batemos co batedor eléctrico o azucre coa manteiga reblandecida ( que sacamos 15 minutos antes da neveira para que abrande). Cando estea ben mesturado incorporamos os ovos, batemos. Logo o plátano, feito puré, a nata, a canela e a vainilla. Batemos todo o conxunto durante dous ou tres minutos, de xeito que colla aire e quede espumosa, con moitas burbullas.
Por último incorporamos a fariña tamizada,o bicarbonato, o sal e o royal,pouco a pouco e xa a man, con espátula de silicona ou cun batedor manual. Cando esta integrado unha pequena cantidade incorporamos a seguinte, así ata que acabemos a fariña.
Só falta por mesturar coa masa o chocolate e as noces, que xa temos troceados (eu fíxeno na picadora, así quedan un anacos máis grandes e outros máis pequenos)
Enmanteigamos e enfariñamos un molde alongado, introducimos nel a masa (é bastante densa e espesa, hai que alisala un pouco antes de metela ó forno) e metémolo no forno prequentado a 160º durante 50 minutos, ou ata que cando introduzamos unha agulla, un coitelo ou unha brocheta saia seco sen masa pegada.



Comentarios: Quedou moi esponxoso (será debido ó bicarbonato?). Probablemente non lle fixera falta o royal, pero como non o sei, así quedou moi ben.
A cor débese ó azucre moreno, gústame moito esta cor que lle queda. Está ben poñerllo de vez en cando ós biscoitos, tamén o teñen o biscoito de cenoria e o biscoito de calabacín e ámbolos dous son moi ricos tamén.
Un biscoito realmente exquisito.


TRADUCCIÓN DE LA RECETA AL CASTELLANO
Ingredientes
250 grs de harina
1 pizca de sal
2 curachadas pequeñas de bicarbonato sódico
1 cucharada pequeña de impulsor (royal). En la receta original no se la pone, pero por se a caso...
2 plátanos muy maduros
175 grs de azúcar morena.
1 cucharada de esencia de vainilla
Media cucharadita de canela (de las más pequeñas, de café)
2 huevos
80 grs de mantequilla a temperatura ambiente
1 brick de nata de los pequeños (200 ml)
50-60grs de nueces picadas
70 grs de chocolate troceado
Realización
Batimos con el batidor eléctrico el azúcar con la mantequilla reblandecida ( que sacamos 15 minutos antes de la nevera para que ablande). Cuando esté bien mezclado incorporamos los huevos, batimos. Luego el plátano, hecho puré, la nata, la canela y la vainilla. Batimos todo el conjunto durante dos o tres minutos, para que coja aire y quede espumosa, con muchas burbujas.
Por último incorporamos la harina tamizada, el bicarbonato, la sal y el royal, poco a poco y ya a mano, con espátula de silicona o con un batidor manual. Cuando esté integrada una pequeña cantidad incorporamos la siguiente, así hasta que acabemos la harina.
Sólo falta por mezclar con la masa el chocolate y las nueces, que ya tenemos troceados (yo lo hice en la picadora, así quedan un trozos más grandes y otros más pequeños)
Enmantequimos y enharinamos un molde alargado, introducimos en él la masa (es bastante densa y espesa, hay que alisala un poco antes de meterla al horno) y lo metemos en el horno prequentado a 160º durante 50 minutos, o hasta que cuando introduzcamos una aguja, un cuchillo o una brocheta salga seco, sin masa pegada.



sábado, 17 de octubre de 2009

ENSALADA DE OUTONO

Gústanme moito as ensaladas e cómoas con asiduidade. É necesario comer algo lixeiro para despois darse bos atracóns de pasteis, doces e biscoitos. Aínda que non me parece unha receita coma para poñer no blogue, por que non? Eu collín moitas ideas por aí e ó mellor, quen sabe, eu tamén podo aportar algo a esa gran variedade.
O mundo das ensaladas é moi amplo e variado, préstase a que poidamos experimentar cos alimentos que máis nos gustan, xuntalos e probar como sabe. Esta sorprendeume gratamente.
O outro día os da poética (blogue recomendable pola orixinalidade e autenticidade do que nos ofrecen) fixéronme o acordo dos canónigos, compreinos e hoxe abrín alacenas e xuntei o que me parecía do que había por alí.
Como se bautiza unha ensalada? Nin idea porque levan tantos ingredientes que é francamente difícil. Non sabía como chamarlle a esta e mirando para ela vin que tiña bastantes produtos propios do outono: noces, uvas, mazá (o bo é que se poden atopar todo o ano). Pois, ala, ensalada de outono lle queda.


Ingredientes (para 1 ración)
2 puñados de canónigos
1 mazá pequena (neste caso tabardilla)
75 grs de queixo (o que máis guste, neste caso cheddar e samsoe, xa ven preparado en dadiños para ensalada)
1 puñado de pasas
6 noces
2 culleradas de aceite
1 culleradiña de vinagre
sal (media culleradiña das pequenas)
albahaca (unha pouquiña entre os dedos)
Realización
Troceamos os ingredientes que os necesiten: queixo (o meu xa viña listo), mazá, noces
Poñemos nunha ensaladeira ou prato (no meu caso) e aliñamos coa mestura do aceite, o sal, a albahaca e o vinagre.
Penso que estaría deliciosa con unha salsiña de iogur, é máis, creo que é a máis axeitada para esta ensalada.




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...