sábado, 15 de agosto de 2009

EMPANADA DE BACALLAO CON PASAS

Son unha repugnante para as empanada. As que máis me gustan son as compradas. Como farán esa masa? Pois hoxe conseguín facer unha masa moi similar, riquísima. Esta masa copieina do blogue de Ana ,"Y un toque de pimienta". Sencilliña de facer, pero espectacular de sabor. Aínda que miña nai díxome que xa a fixo varias veces así, o que pasa é que ela case sempre fai as empanadas de peixe e éstas requiren masa de pan, por iso non recordo que fixera esta masa.
Teño que probar outra masa que propón Nenalinda, xa a ía probar hoxe, comprei a cervexa e todo, pero cando vin que había que fritir pan no aceite, cambiei de idea porque non tiña pan, outro día.



Ingredientes
Para a masa
1 vaso de aceite
1 vaso de leite
1 vaso de viño branco (eu puxen albariño)
1 culleradiña de sal
1 kg de fariña, da cal unha terceira parte era de forza ( non sei moi ben por qué a puxen, pero pareceume que ía quedar mellor)
1 sobre de levadura Royal ( este ingrediente non estaba na que copiei, pero púxeno, para probar se podía quedar máis esponxada, e quedou, non sei como sería sen el, pero con el quedou moi ben)
Un ovo para pintar a masa
Do recheo
500-600 grs de bacallao salgado en migas
150 grs de pasas (a gusto)
2 cebolas
3 dentes de allo
Medio vaso de aceite
Elaboración
Da masa
- Mesturamos todos os líquidos co sal
- Imos engadindo a fariña e o sobre de levadura royal, pasándoa por un tamiz, ata que a masa se poida traballar coas mans e non se pegue (en un principio fun remexendo cunha culler de madeira). Amasamos ben, dámoslle uns golpiños. Queda unha mas moi agradable de traballar, brandiña, pero que non se pega. Eu creo que non necesitei o quilo de fariña enteiro, como mesturei e fun engadindo a medida que me pedía, non sei exactamente a que usei. Sobroume, polo que se poderían diminuir as cantidades.
- Deixámola repousar un minutos.
Do recheo
- O bacallao debemos poñelo a desalgar o día antes. Cambiándolle a auga de vez en cando.
- Fervémolo uns cinco minutos. Escorremos a auga, demigámolo ben e xa está preparado para incorporar ó sofrito
- Picamos finiñas as cebolas facemos un sofrito con elas e cos allos. Cando vemos que están pochadiños engadimos o bacallao desmigado. Unimos ben coa cebola e añadimos as pasas. Unhas voltiñas e está listo. Temos que probalo de sal porque pode ser que o bacallao desalgara de máis, como foi este caso, estaba completamente soso. Necesitei salgar como calquera outra comida.


Montaxe da empanada.
- Estiramos a masa para a base. Esta masa estira moitísimo, polo que , podemos facela todo o fina que queiramos. Eu sempre a estiro encima dun papel de forno, así só é metela encima da bandexa (neste caso fíxena na bandexa do forno), estirei a masa e ó introducila na bandexa recortei o que sobresaía.
- Repartimos o recheo encima da masa.
- Por último, estiramos a masa para tapar a empanada co mesmo procedemento da base. Enroscamos ben os bordes unido as masas da base e da tapadeira Fecémoslle un burato no centro e podemos pinchar un pouco cun garfo.
- Se queremos podemos decorar con tiriñas de masa.
- Pintamos toda a superficie con ovo batido.
- Metemos no forno prequentado a 200º durante uns 45 minutos.





CARNE ASADA

Ó escribir a receita fíxome reflexionar. Asado é aquilo que facemos ás ascuas, nunha grella. Pero eu e toda a xente que coñezo lle chama á carne cociñada así, asada. Penso que en calquera restaurante de Galicia se pides carne asada sírvenche a carne cociñada deste xeito. A das ascuas é churrasco. É unha forma tradicional, das avoas, de cociñar a carne.
Ingredientes (para 6 racións)
1 kg de xarrete (morcillo)
1 vaso de viño blanco (250 ml)
2 cebolas
1 cabeza de allo
1 clavo
1 vaso de aceite (dos de nocilla), sen chegar a ser cheo
sal
1 ramiña perexil
1 sobre de azafrán (ebriñas de azafrán puro)
Pataquiñas pequenas enteiras (dous puñados, catro ou cinco por persoa)

Elaboración
- Partimos a carne en anacos xenerosos.
- Fritímola ata que este ben doradiña e ímola introcindo na pota na que a imos a cociñar.
- Cando estea toda lista vertemos sobre ela o aceite co que a doramos (por un coador para eliminar impurezas).
- Engadimos as cebolas cortadas en cuartos, a cabeza de allo sen pelar, só se lle quita a pel blanca, queda a morada, a rama de perexil e o clavo (eu só poño 1 porque non me gusta nada o seu sabor, nin o seu olor, en xeral non me gusta que predomine o sabor das especies, un pouco vale)
- Diluímos o azafrán no viño.
- Vertemos sobre a carne o viño, debe case cubrila, non de todo, un pouco máis da metade. Poñemos a tapa e deixamos que se vaia facendo no viño a lume baixo (no tres de nove). Á metade da cocción retiramos a tapa e deixamos que se consuma un pouco o viño, logo segue coa tapa posta ata que estea tenra e salsa espesa. Levaralle arredor de dúas horas.
- Fritimos as pataquiñas enteiras, sin deixar que se fagan de todo. Introdúcense coa carne, cando o viño xa estea case consumido e acábase de facer alí os 15 últimos minutos de cocción.




TARTA MOUSSE DE LIMÓN


Ingredientes
Para a base de biscoito

2 ovos
2 culleradas de azucre
2 culleradas de fariña
Para o almíbar
Medio vaso de líquido con auga e licor, a cantidade de cada vai un pouco a gusto (no meu caso o licor foi de limón)
3 culleradas de azucre
Para a mousse de limón
1/2 litro de nata
4 ovos
6 culleradas de azucre
7 follas de xelatina
½ vaso de zume de limón (esto vai un pouco a gusto)
A raiadura da pel dun limón

Elaboración
Da base de biscoito

- Prequentar o forno a 180º.
- Separar as xemas e as claras dos ovos
- Bater as xemas co azucre ata que blanqueen (axudados das barillas dun batedor é máis fácil)
- Bater as claras a punto de neve forte
- Mesturar as claras e as xemas con coidado (con movementos envolventes)
- Incorporar a fariña en forma de chuvia, tamizándoa. Con coidado e con movementos envolventes.
- Engraxar e enfariñar ou cubrir o fondo con papel de fornear, un molde desmontable. Esta masa non extende ben, polo que debemos extendela axudándonos dunha espátula ou lingua, tamén damos uns golpiños contra algunha superficie para que quede mellor extendida por toda a superficie do molde.
- Introducir no forno 10 minutos.
- Cando estaea frío molámolo co almíbar.

Do almíbar
- Poñemos nun cazo a quentar tódolos ingredientes durante 3 minutos. A cantidade de auga e licor queda a gusto do consumidos, entre os dous líquidos, que sexa máis ou menos medio vaso.
- Remollamos a base de biscoito
Da mousse de limón
- Batemos as 4 claras a punto de neve forte e engadímoslle 2 culleradas de azucre.
- Batemos a nata e engadímoslle 2 culleradas de azucre
- Poñemos a remollar a xelatina en auga fría 5 minutos.
- Batemos as xemas coas 2 culleradas de azucre que quedan ata que blanqueen.
- Quentamos o zume de limón e disolvemos nel a xelatina, xa escorrida.
- Mesturamos o zume-xelatina coas xemas e mesturamos ben (o zume non debe estar moi quente).
- Integramos ben todo: claras batidas, nata batida e a mestura de xemas e a raiadura de limón. Esto faise con movementos suaves e envolventes.
- Métese na neveira de un día para outro.
- Decoramos a gusto. Neste caso con caramelo.





jueves, 13 de agosto de 2009

ROSCA DE CALABACÍN CON QUEIXO

Sigo co calabacín. Hai un montón de receitas ricas para aproveitar esta hortaliza. Ésta de hoxe resultoume especialmente chamativa. Como me gusta moito o queixo nas comidas, pois ala, que non se faga esperar. Está copiada do blogue de chocolate y pimienta e bautízaa como Banitsa Búlgara, eu non sei de onde é, pero galeguiceille o nome e veña rosca de calabacín e queixo porque é o que se ve, tampouco me mato moito.
Estiven investigando e a orixinal non leva calabacín, é só con queixo, pero eu doulle un gran aplauso a quen lle incluíu o calabacín. Ademáis parece ser que é un prato típico de Nadal e para o almorzo. Nós comémolo en agosto e para xantar. Que maneira de estropear os costumes e tradicións dun país.


Ingredientes
Pasta filo
650 grs de calabacín (na receita orixinal di 2 calabacíns, pero non di a cantidade en grs. No meu caso era un só calabacín, pero polo tamaño pareceume suficiente. Supoño que a cantidade pode ser un pouco a gusto)
400 grs de queixo feta
100 grs de queixo cheddar
100 grs de manteiga
1 iogurt natural sen azucre (125 grs)
4 ovos (3 para o recheo e un para pintar)
1 vaso de auga con gas
2 culleradas de aceite de oliva
sal
Realización

- Pícanse os calabacíns con pel e todo en anacos pequenos ou en finas lonchas. Eu corteinos en tacos, pero penso que mellor en lonchas finiñas. Métese no micro con un pouco sal (pouco porque os queixos xa teñen sal) e as dúas culleradas de aceite, reméxese ben para que o calabacín quede impregnado do sal e do aceite por todo.
- Está no micro ata que ablande, poden ser 15 minutos. Eu íao mirando cada tres ou catro minutos, dáballe voltas ata que se desfacía co garfo. Este paso tamén se podería facer pochándoo na tixola, per así absorve máis aceite.
- Escórrese o calabacín nun coador porque solta moita auga e ó tempo machácase un pouco co garfo (así tamén comprobamos que está o suficientemente brandiño)
- Nun bol introducimos e mesturamos todos os ingredientes: queixos (desmenuzados), manteiga (a temperatura ambiente e desmenuzada), iogurt, calabacín e 3 dos ovos batidos.
- Encima dun papel de forno estírase unha lámina de pasta filo e no centro, ó ancho da pasta, un pouco da mestura anterior. Cérrase coma se fose un canelón e enrólase. Hai que ter coidado coa pasta que se compra, a que comprei non me gustou nada, rompíase só con mirala, tiven que poñer para cada rolo varias láminas porque con unha quedábame todo fóra. Non poñer demasiado do recheo senón non podemos enrolar. Imos facendo esta operación ata que rematemos todo o recheo. Noutras receitas que vin por aí o que fan e alternar capas de pasta filo con recheo, así é maís fácil e cómodo, pero seguro que queda menos bonito. Aínda que a min non me quedou moi bonito porque se me rompeu moito a pasta. Logo con anacos de pasta fun tapando as roturas.
-Faremos unha mestura co ovo restante e a auga con gas, coa cal pintaremos a superficie.
- Métese ó forno prequentado a 180º ata que a capa superficial se dore, arredor de 40 minutos.
Nota: O calabacín a penas se lle nota, podería ter un pouco máis, incluso. Está moi rico, para quen lle guste o queixo, claro. Ademáis é moi rápido e sinxelo de facer, non require nin gran esforzo, nin gran destreza, nin grandes coñecementos culinarios. Eso si, hai que ter sorte coa pasta filo.




martes, 11 de agosto de 2009

BISCOCHÓN

Abstéñanse persoas con colesterol alto porque isto é unha bomba “overil”.
Meu pai levaba un tempo piando por un biscoito daqueles de antes, daqueles que eran coma unha esponxa. Pois, mans á obra. Miña nai xa o fixera nalgunha ocasión e eu sabía que o sacara do libro “La cocina gallega” de Álvaro Cunqueiro. Dalí quitei a receita, pero, como non, tamén andiven de pescuda pola rede e para a miña sorpresa, atopeime con que é un postre típico canario, canto se aprende coa “interné”. Sempre pensei que era un postre galego, na miña zona, non sei no resto de Galicia, estilábase, antes, cando aínda non había as tartas tan sofisticadas das que desfrutamos agora, ter este doce para o día “da festa”, para mollar no café despois dun bo xantar.
Como é lóxico, na rede atopei moitas variantes, pero tamén atopei o mesmo que fixen eu e ese parece ser que é o típico canario.
Considero que non é un biscoito que se poida facer a miúdo, unha porque te arruínas a ovos e outra porque o colesterol terá que quedar resentido. Eso si para mollar no café, do melloriño.


Ingredientes
7 ovos
7 culleradas de azucre
7 culleradas rasas de fariña


Realización
-Separar as xemas das claras.
- Bater as xemas co azucre ata que blanqueen e queden ben montadas. Eu fíxeno co batedor eléctrico, a man pode quedar o brazo fino.
- Bater as claras a punto de neve forte.
- Mesturar todo con movementos envolventes sin que perda o aire.
- Incorporar a fariña pouco a pouco tamizada. Seguir con movementos suaves e envolventes.
- Meter no forno prequentado a 180º os 10 primeiros minutos e logo baixar a 160º, con calor arriba e abaixo, ós 20 minutos poñer ventilador. Ós 40 min está cocido.


NOTA: Pódese facer todo o grande ou todo o pequeno que se queira aumentando a proporción dos ingredientes. Este tamén o uso como base das tartas, pero con dous ovos. Na receita orixinal era de 6 ovos

EMPANADA DE MAZÁ II

Teño unha espiña cravada coa empanada de mazá. Ando buscando a empanada perfecta. Creo que probarei con varias receitas ata que atope a DEFINITIVA. Esta é totalmente diferente á do outro día. Para o meu gusto está bastante mellor, ésta é posible que a repita, se antes non atopo outra que me guste máis.
Hoxe quedeime soa na casa de meus pais e definitivamente, non podo estar quieta. Mirei o fruteiro e vin todas aquelas mazás. Pois hai que empregalas, pensei. Alá que me puxen. Collín o libro de receitas “La cocina gallega” de Álvaro Cunqueiro e un pouco de improvisación (o toque persoal que non falte).
Copiei a masa, á cal lle chama “masa azucarada”.
Non sei se poderei ser moi precisa cos ingredientes porque ía botando e dalgúns non recordo exactamente a cantidade, pero interésame tela apuntada para poder socorrer a ela noutra ocasión, se fose necesario. Os máis ou menos tamén saen ben, ás veces é o que mellor sae, pero despois non nos acordamos dos máis, nin do menos e non volve a saír nunca máis.


Ingredientes
Para a masa
(puxen o dobre do que dicía na receita orixinal porque me pareceu pouco para unha empanada)
500 grs de fariña
125 grs de manteiga derretida
2 ovos (deixei un pouco para pintala)
4 culleradas de azucre
1 sobre de levadura royal (na receita orixinal dicía 1 culleradiña, aquí paseime do dobre)
Algo menos de medio vaso (de nocilla) de leite morna. (na receita orixinal dicía 2 culleradas, deberían ser 4, pero como me pareceu pouco líquido, engadín algo máis)
Para o recheo
1 kl de mazás (pode ser algo menos)
8 culleradas de azucre (esto irá a gustos dulceiros)
1 culleradiña de canela
Un pouco de manteiga ou margarina.


Elaboración
Da masa
-Poñemos nun bol amplo a fariña e a levadura royal e incorporamos o azucre, os ovos bartidos, o leite morno e a manteiga derretida.
- Amasamos ata que o conxunto estea perfectamente integrado. Primeiro mesturei os ingredientes cunha culler de pau e logo coas mans.
- Amásase moi rápido e queda unha masa bastante compacta, case coma a quebrada.
- Deixámola repousar mentres preparamos as mazás.
Do recheo
- Pelamos e descorazonamos as mazás e picámolas finiñas. Mesturámolas co azucre e coa canela, remexemos ata que se mesture ben.
- Introducímolas no micro uns minutos (non sei exactamente cantos porque as ía mirando de vez en cando). Cando vemos que a mazá se defai ó presionar cun garfo e facemos puré, xa están. Xa temos coma unha compota. Sería un bo momento para probar de azucre, se se considera que non está o suficientemente doce, engadiríase máis.
Montaxe da empanada
- Partimos a masa en dous, un anaco será máis grande, para facer de base.
- Agora ben o difícil, porque a masa aínda que é fácil de estirar é moi quebradiza. Cando se intenta retirala do mármore para introducila no molde rompe. Para iso discurrín estirala encima de papel de forno. Aplastamos a bola e logo tratamos de estirar mantendo a forma circular. Estirar ben.
- Deste xeito xa nos é moi fácil introducila no molde. Incluso podemos estirala coas mans un pouco polos laterais, unha vez no molde, para adaptala ben.
- Introducimos o recheo, repartíndoo ben pola base da empanada. Poñemos uns pegotes de manteiga ou margarina encima do recheo de mazá
- Agora vén o 2º problema, estirar a tapa. Pois polo mesmo precedemento, encima dun papel de forno e logo volcámola con coidado encima do recheo.
- Cerramos os bordes e facémoslle un burato no medio. Píntase con ovo batido (o que reservamos dos ovos da masa)
- Métese no forno prequentado a 200º arredor de 40 minutos. Aquí é onde está o mundo incompresible dos fornos. Vamos a ver 200º non son 200º en tódolos lugares do mundo? (bueno, estamos falando de centígrados). Pois se poño a empanada no meu forno a 200º tórrase neses 40 min, vamos, que non hai quen a coma. No meu teríaa que poñer á 180º e seguro que a media cocción baixala a 160º e poñerlle un papel de prata por encima para que non se tostonease.
Notas: Queda unha masa bastante rica, ten un toque a quebrada. Non estaría mal probar a engadir máis líquido e menos levadura Royal porque aínda quedou bastante gordecha, ben é certo que para o recheo que tiña facíalle falta que sexa algo consistente.


domingo, 9 de agosto de 2009

FALDA DE TERNEIRA RECHEA

Ingredientes
500 grs de falda de terneira
200grs de carne picada ( pode ser mesturada de porco e terneira)
Medio vaso de aceite de oliva
200 ml de viño blanco
Auga quente (sobre 300 ml)
4 lonchas de beicon
2 ovos cocidos
1 cullerada de queixo parmesano relado
3 cebolas (dúas medianas 1 pequena)
4-5 cenorias pequenas
1 allo-porro
4 dentes de allo
8-10 olivas
1 tomate
Sal e pementa


Elaboración
- Cocemos os dous ovos.
- Pelamos e picamos as verduras: dúas cebolas, dous dentes de allo, o allo-porro e 3 cenorias. Pícanse en cachos grandes porque logo van a ser pasados polo batedor e tampouco é demasiado importante que vaian finiños.
- Ponse a quentar nunha tixola o aceite e cando estea quente pochanse as verduras. Primeiro a cebola e o allo e despois duns minutos o allo-porro e a cenoria. Déixanse pochar uns 15 minutos. Salgamos un pouco as verduras (un pouco entre os dedos)
- Mentras se pochan as verduras picamos finiña a outra cebola, dente de allo e a cenoria (esto sempre o fago na picadora). Poñemolas a pochar noutra tixola, primeiro a cebola e o allo e logo engadimos a cenoria. Tamén incorporamos o tomate (pelado e despebitado, eu sempre o engado xa en forma de puré, pásoo pola picadora). Cando vemos que a salsiña ten corpo engadimos a carne picada e deixamos que se vaia facendo un pouco, sobre dez minutos. Antes de apagarlle o lume engadímoslle unha cullerada de queixo rilado.
- As verduras da outra tixola sacámolas e escorremolas do aceite para a pota onde vaiamos a facer a carne. Eu puxen un coador de malla fina encima da pota e deixeinas alí escorrendo un pouco, mentras preparaba a carne.
- Abrimos a falda de xeito que nos quede coma un bistéc grande. Esto pódese pedir na carnicería (case mellor). Tamén tratamos de quitarlle a peliña fina. Salpementamos a carne xa estirada (eu nunca boto demasiada sal de cada vez, sempre un pouco entre os dedos e pementa moi pouca tamén)
- Estiramos a carne picada encima da falda, a continuación as lonchas de baicon, esparcimos, homoxénamente, as olivas e no centro colocamos os ovos cocidos.
- Enrolamos a carne coma un brazo de xitano con coidado de que non se saian os ingredentes.
- Atamos a carne, empezando por un extremo. Apretando ben.
- Quentamos o aceite onde pochamos as verduras e doramos nel o rolo de carne, dándolle voltas.
- Cando xa estea ben douradiño engadimos o viño e as verduras pochadas que tiñamos reservadas.
- Poñemos un cazo con auga a quentar e mantémolo no calor para poder empregalo coa carne máis adiante (sería estupendo que fose caldo de algo).
- Dámolle voltas, de vez en cando, ó rolo de carne para que se vaia facendo por todo. Eu tíveno un pouco tapado. Logo destapeino e cando se consumeu o viño engadín un pouco da auga quente. De xeito que chegue pola metade do rolo de carne. Á carne seguimos dándolle voltas de vez en cando.
- Cando vemos que a auga se vai consumindo e que temos unha salsiña espesa, apagamos o lume, retiramos a carne e pasamos pola batedora a salsa coas verduras. Estivo algo máis dunha hora, pero chégalle menos porque estaba bastante seca.
- Déixase enfriar un pouco a carne, córtaselle o cordel co que a atamos e cortamos en rodaxas.
NOTAS: A próxima vez engadirei unhas lonchas de queixo para que lle dea máis cremosidade ó interior.
Ter en conta que 45 minutos de cocción ten suficiente.



Foi servido cunhas pataquiñas ó forno, que fixo meu pai

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...