Xa teño dito máis dunha vez que me encanta amasar e desde que descubrín o método de Richard Bertinet non emprego outro. De aquí en diante se alguén me pregunta que deportes practico vou responder “O amasado de Richard Bertinet”. Agora o meu entretemento dos sábados e facer o pan, este pan tenro e tan delicioso, xa case non fago nada máis. Os sábados teño que facer algo na cociña e se é amasado mellor que mellor, así que como o de facer doces está vetado pois a facer boliños e a practicar o meu deporte favorito.
Non entendo nada de pan, de masas nai, de levedados... Non me explico porque hai tantas variacións para ó fin e ó cabo facer pan. O certo é que sae pan do máis variado. Ten que ter algunha explicación científica que seguro que nunca chego a entender, pero podo asegurar que me encanta facer pan e amasar, é o único que sei. E que seguirei experimentando con novas masas e con novos procedementos, non o podo evitar.
O resultado destes bolos é moi bo, pero de sabor prefiro os que fago coa masa de pan de viena. Teño que seguir probando, a próxima será con menos manteiga, só con leite e incluso sen ovo. Irei probando e cambiando os distintos ingredientes. Hai boliños para rato.
Ingredientes
750 grs fariña de forza
140 grs manteiga
450 ml de leite
2 ovos deixando para pintar
1 sobre de levadura maizena e outro de vahiné (era o que tiña pola casa)
50 grs de azucre
2 culleradiñas de sal
Elaboración (é o mesmo procedemento que o do pan de Viena.)
- Sacar a manteiga con tempo para que se vaia abrandando un pouco.
- Xuntar a levadura coa fariña, se fose fresca habería que fregala la fariña co fermento coa axuda das xemas dos dedos coma se se estivése preparando unhas faragullas.
- Cortar a manteiga en anaquiños e fregala tamén coa fariña ata que estea ben integrada.
- Quentar un pouco o leite no micro, só a temperatura corporal.
- Engadir o azucre e o sal e mesturar. Logo engadir os ovos batidos e o leite. Soster o conco cunha man mentres lle dá a volta e mesturar os ingredientes coa outra (pódese usar unha rasqueta para mesturar, pero eu non teño) durante 2-3 minutos, ata que a masa comece a formarse.
- Pasamos a masa á superficie de traballo, sen fariña nin nada. Está pegañenta, pero é perfectamente manexable
Traballei a masa tal e como nos mostra Richard Bertinet no vídeo. Quedará unha masa homoxénea e manexable.
- Enfariñar lixeiramente a superficie de traballo, colocar a masa encima e formar con ela unha bóla, levando os extremos cara ao centro da masa, presionar ben cara abaixo co polgar e ir rotando a bóla a medida que se traballa. Dar a volta á bóla, estirar e esconder os bordos cara abaixo.
- Seguidamente depositar a bóla de masa no interior dun recipiente lixeiramente enfariñado, cubrir cun pano de cociña e deixar repousar nun lugar ao resgardo de correntes de aire (dentro do forno apagado, por exemplo), ata que dobre o seu volume (unhas 2 horas, no meu caso).
- Unha vez repouse a masa, envorcala sobre a superficie de traballo con suavidade.
- Desgasificar a masa, presionando a masa cara abaixo.
- Cortala masa nos anacos que se queira, depende de como se queiran os pans.
- Darlle forma: redonda, en barriña, en trenza, como se queira.
- Deixar repousar por segunda vez ata que volva dobrar o volume (outras dúas horas).
- Pincelar con ovo batido, se se quere.
- Meter no forno prequentado a 180º. Cando os metín dentro baixeino a 170º. Estiveron 20 minutos. Os últimos cinco minutos con papel de prata por encima para que non se tostar de máis.
