viernes, 7 de agosto de 2009

TARTA MOUSSE DE CHOCOLATE E MASCARPONE

Está copiada de Chocolate y Pimienta. O problema foi que estaba explicada para a termomix e fixen como puiden.

Ingredientes
Base de biscoito

2 ovos
2 culleradas de azucre
2 culleradas de fariña
Mousse de chocolate
250 ml de nata
2 ovos
4 culleradas de azucre
3 follas de xelatina
Un dedo de leite (medindo nun vaso de nocilla)
200 grs de chocolate con leite nestle postres
Mousse de mascarpone
250 grs de mascarpone
250 ml de nata
2 ovos
6 culleradas de azucre
3 follas de xelatina

Elaboración
Da base de biscoito
- Prequentar o forno a 180º.
- Separar as xemas e as claras dos ovos
- Bater as xemas con dúas culleradas de azucre ata que blanqueen (axudados das barillas dun batedor eléctrico é máis fácil)
- Bater as claras a punto de neve forte
- Mesturar as claras e as xemas con coidado (con movementos envolventes) con unha espátula de silicona
- Incorporar a fariña en forma de chuvia, tamizándoa. Con coidado e con movementos envolventes.
- Engraxar e enfariñar, ou cubrir o fondo con papel de fornear, un molde desmontable. Esta masa non extende ben, polo que debemos extendela axudándonos dunha espátula ou lingua, tamén damos uns golpiños contra algunha superficie para que quede mellor extendida por todo o fondo do molde.
- Introducir no forno 10 minutos.
- Deixar enfriar.
NOTAS: Hai que engraxar ben o molde porque non o fixen e pegouse un pouco ó fondo. Non o saquei do molde, só quitei o aro, laveino e volvino a colocar, así xa sirve para logo ir introducindo a mousse da tarta.
Sería moi recomendable mollar a base de biscoito con algún almíbar porque queda moi seco.
Da mousse de chocolate
- Bater a nata con dúas culleradas de azucre ou unha, depende gustos doces.
- Bater as claras con dúas culleradas de azucre.
- Poñer a xelatina a remollar en auga fría durante 5 minutos.
- Derreter o chocolate no micro, con coidado de que non se queime, mirándoo e remexéndoo cada 20 segundos.
- Quentar o leite no micro (non ten que ferver).
- Escorrer a xelatina da auga e incorporala ó leite quente, incorporalo ben e integralo co chocolate. Neste paso tamén se poden integrar neste conxunto as xemas dos ovos.
- Mesturar as claras, a nata, e a mestura do chocolate. Amodo e con movementos envolventes.
- Introducir no molde no que está a base de biscoito e meter na neveira até que estea lista a outra mousse.
Da mousse de mascarpone
- Bater a nata con dúas culleradas de azucre ou unha, depende gustos doces.
- Bater as claras con dúas culleradas de azucre.
- Bater as xemas con dúas (ou unha) culleradas de azucre até que blanqueen.
- Poñer a remollar a xelatina.
- Incorporar o mascarpone bater ben coas xemas.
- Quentar o leite no micro (non ten que ferver).
- Escorrer a xelatina da auga e incorporala ó leite quente, incorporalo ben e integralo coa mestura de mascarpone.
- Mesturamos a nata as claras e a mestura de mascarpone. Integramos ben, con coidado e movementos envolventes.
- Incoporamos ó molde, por encima da mousse de chocolate, con coidado.
- Déixase na neveira de un día para outro.
- Decórase a gusto, neste caso con cacao puro.
NOTA: Non me gusta o efecto do cacao ó comer.

miércoles, 5 de agosto de 2009

XUDÍAS CON TOMATE

Ás veces penso que debería terlle posto outro nome a este blogue porque cando fago comidas salgadas teño unha loita para conseguir que non sobre e facer unha soa ración. Hoxe conseguino. Ben é certo que a receita de hoxe é perfectamente adaptable.
É unha receita sinxeliña e moi sabrosa.

Ingredientes
200 grs de xudías (sen pelar)
1 pataca
5 culleradas de salsa de tomate ( neste caso caseira)
1 ovo cocido
50 grs de xamón cocido en taquiños
sal
Elaboración
- Primeiro de nada cocemos un ovo.
- Pelamos as xudías, cortándolles os extremos e quitándolles os fíos laterais.
- Poñemos a cocer as xudías coa pataca cortada en tacos, durante media hora. Próbase para ver como están. Sálgase (unha cullerada de café rasa)
- Nunha tixola poñemos a quentar a salsa de tomate. Pode ser comprada ou facela con tomates (sería necesario unha cebola pequena, 1 dente de allo, 250 grs de tomates e unha cullerada de café de sal e outra de azucre- pode ser algo menos, dependendo gustos-. Seguindo o procedemento explicado en salsa de tomate caseira).
- Picamos en taquiños o xamón cocido e incrporámolo á salsa de tomate.
- A continuación incorporamos as xudías e as patacas, xa escorridas da auga de cocelas, á salsa. Dámoslle unhas voltas para que se mezcle todo ben.
- Xa no plato troceamos o ovo.


SALSA DE TOMATE CASEIRA

Ingredientes
4-5 culleradas de aceite
650 grs de tomates, xa pelados e despebitados
1 cebola mediana
3 dentes de allo
Azucre e sal (arredor dunha cullerada de cada)


Elaboración
- Pelar e despebitar os tomates ( escaldalos antes, para que lle saíra mellor a pel). Cortalos en anacos.
- Picar finiña a cebola e o allo (esto fágoo na picadora)
- Pochar ben nunha tixola co aceite quente o arriba mencionado.
- Cando estea ben pochadiño o conxunto anterior engadimos os tomates. No meu caso paseinos pola picadora, así xa quedaron totalmente desfeitos, paréceme máis cómodo.
- Deixar que se vaia consumindo a auga dos tomates a lume medio, dándolle voltas de vez en cando.
- Engadir sal e azucre. Para isto débese ir probando. Penso que ó final engadinlle 1 cullerada de sal e unha cullerada de azucre, pero non podo determinar porque fun engadindo ós poucos. Estivo cociñándose sobre vinte minutos.
- Por último pasala pol batedor para que quede máis homoxénea e finiña. Lin no blogue da Lechuza, que o feito de pasalo polo batedor fai que quede con color laranxa, no canto de vermello e é certo porque antes de pasalo polo batedor era vermello. A próxima vez fareino co procedemento que ela indica.

CONSERVA DE TOMATE Ó NATURAL

Temos tantos tomates na horta que xa non sabemos que facer con eles. Ó entrar na cociña da casa de meus pais o primeiro que ves é a estradeira da ventá chea de tomates a madurar. Cómese tódolos días ensalada de tomates, pero eles non para de producir. Miña avoa metíaos no conxelador e tiña tomates para todo o ano, pero miña nai di que non lle gustan do conxelador, polo que, pensamos en poñelos en conseva a ver que tal resultado dá. Hoxe empecei eu, pero teremos que seguir porque onte estiven dando unha volta pola horta e aquilo mete medo.
Preparación
Para kilo e medio de tomates sen pelar e sen despebitar necesitei dous botes de medio litro.
Escaldamos os tomates durante 2 minutos en auga fevendo. Quitámoslle a pel, despebitámolos e cortámolos en anacos.
Metémolos en botes, previamente esterilizados. Trátase de ferver durante 20 minutos os botes e as tapas, cóntase a partir de que empeza a ferver.
poñémolle por encima un chorro de aceite cubrindo os tomates.
Cérranse ben as tapas e introducimolos nunha pota con auga, de tal xeito que a auga cubra os botes. Desde que a auga empece a fever contamos sobre 20 minutos e deixamos os botes até que enfríe a auga.


lunes, 3 de agosto de 2009

LASAÑA DE CALABACÍN

A mañá do domingo foi moi axetreada. Díxenlle a meus pais que cociñaba eu, que tiña unha receita na cabeza con calabacín e que necesitaba poñela en práctica. Para máis ocurríuseme a xenial idea de facer tamén a empanada de mazá. Todo isto tendo en conta que empecei ás 10 da mañá. Vamos que tiven unha mañá movidiña: facer a masa da empanada, pelar as mazás, montar a empanada, facer a salsa de tomate para a lasaña (co que conleva: pelar e despebitar os tomates, a cebola…, facela, estar pendente dela…), facer a bechamel para a lasaña, preparar a carne para a lasaña, cortar os calabacíns e precocelos (no micro). Vamos que non parei, facendo varias cousas á vez. Ó final da mañá parecía que na cociña houbera unha guerra. Todo isto tendo en conta que son máis lenta ca unha tartaruga reumática, unha que xa son lenta de nacemento para todo e outra que me gusta cociñar e disfrutar de cada paso, pero hai que recoñecer que non teño práctica diaria, que é a que proporciona destreza.
Gústame facer cousiñas na cociña, pero non me gusta o de onte, estar apurada, ter un montón de cacharros polo medio, todo desordenado, estar pendiente de varias cousas á vez e ó mesmo tempo pensado “se despois de todo isto non está bo…”. Polo tanto, esta reflexión lévame a pensar que o meu tampouco é a cociña, que volvo a caer no mesmo, na mediocridade que me caracteriza, que se lle vai facer.
Teño que engadir, que a lasaña ten voltiñas, da choio, pero rica, estaba riquísima. Con dicir que miña nai, “doña peros”, non lle deu ningún pero, pero ningún, non mo podía crer. Xa tiña que estar boa. A meu pai tamén lle gustou moito e tamén é dificil que lle guste ós dous o mesmo, sempre discrepan. Ten un sabor suave, incluso, me atrevería a dicir que delicado, nada pesado, aínda que farta o seu, pero aínda así non tes sensación de pesadez. Bueno éxito total, así como a empanada non a vou repetir, esta receita si que se repetirá.


Ingredientes
5 culleradas de aceite de oliva para a carne e un poco máis para o calabacín
800 grs de carne picada (deles 600 de terneira e 200 de porco)
100 ml de viño blanco
Pode que case 2 kl de calabacín, non chegaría, pero case (puxen un enorme, e outro mediano).
Sobre 600 ml de salsa de tomate caseira (explico a elaboración máis abaixo)
Bechamel (sobre ¾ litro). (Tamén explico a elaboración máis abaixo)
1 cebola mediana
3 dentes de allo
sal, pementa e albahaca
2 culleradas de queixo parmesano rilado.
Realización
Vou empezar pola salsa de tomate
Ingredientes
4-5 culeradas de aceite
650 grs de tomates, xa pelados e despebitados
1 cebola mediana
3 dentes de allo
2 cenorias pequenas (púxenlle a cenoria porque as teño na neveira mortas de risa, non sería necesario poñerllelas á salsa de tomate, pero quedáronlle ben)
Azucre e sal
Elaboración
- Pelar e despebitar os tomates (estaría ben escaldalos antes, para que lle saíra mellor a pel, pero non tiven paciencia para facelo). cortalos en anacos.
- Picar finiña a cebola, o allo e a cenoria (esto fágoo na picadora)
- Pochar ben nunha tixola co aceite quente o arriba mencionado. Primeiro a cebola e o allo e cando transluza engadimos a cenoria
- Cando estea ben pochadiño o conxunto anterior engadimos os tomates. No meu caso paseinos pola picadora, así xa quedaron totalmente desfeitos, paréceme máis cómodo.
- Deixar que se vaia consumindo a auga dos tomates a lume medio, dándolle voltas de vez en cando.
- Engadir sal e azucre. Para isto débese ir probando. Penso que ó final engadinlle 1 cullerada de sal e algo máis dunha cullerada de azucre, pero non podo determinar porque fun engadindo ós poucos. Teño que recoñecer que ó final tiraba a bastante doce. Estivo cociñándose sobre media hora, pero non debería estar tanto porque como estaba facendo varias cousas á vez despisteime e o resultado foi que se lle consumiu demasiado o líquido do tomate e quedou moi espesa e concentrada, que non mala, pero ésta puido ser a causa de que estivera tamén tan doce porque cando a ía probando sempre me parecía aceda.
- Por último pasala pola batedora para que quede máis homoxénea e finiña.
- A salsa de tomate queda esperando o seu turno.
Proseguimos coa preparación da carne
- Picar a cebola e os allos. Pochalos.
- Introducir a carne, ata que vemos que cambia de cor e que se lle vai consumindo auga que solta. Salgamos, podemos engadir unha pouca pementa e albahaca (sempre poño pouca, porque non me gusta que a comida sepa moito a especias).
- Engadir o viño e deixar que se consuma.
- Cando vemos que xa non hai líquidos e que a carne xa está tenra engadimos a salsa de tomate. Supoño que a cantidade de salsa será a gusto de cada un. Neste caso, aínda que en principio, non tiña pensado poñela toda, ó final parceume que lle facía falta. Incorporámola ben coa carne dándolle unhas voltas.
- Por último, eu sempre engado á carne da lasaña, unha cullerada de queixo rilado e un par de culleradas da bechamel , que fun facendo mentras se cociñaba a carne. Esto último dalle á carne un sabor e textura especiais, moi xugoso.
- Tamén mentres se fai a carne podemos ir cortando o calabacín. Cortarlle os extremos e dúas bandas, para cortalo ó longo, así imos facendo lonchas finas. Poñémolas nun prato, salgánse e pincelanse con aceite. Tamén se poden fritir ou facelas á prancha, pero optei por cociñalas no micro (sobre tres minutos, pero só poñía, de cada vez, as que cabían nun prato).
- Pincelar de aceite o fondo dunha fonte de forno. Dispor unha capa de calabacín previamente cociñado, de xeito que quede todo o fondo cuberto.
- Cubrir o calabacín coa metade da carne. Outra capa de calabacín, outra de carne e por último de calabacín.
- Por último cubrimos coa bechamel. Engadimos queixo, a gusto.
- Metemos no forno prequentado, uns 15-20 minutos.
Explicación da realización da bachamel
Ingredientes
100 grs de manteiga
4-5 culleradas de fariña
Un pouco máis de medio litro de leite
Sal e noz moscada
Realización
- Quentar medio litro de leite no micro (pode ferver)
- Derreter a manteiga nun cazo.
- Engadirlle a fariña de xeito que beba a manteiga, que non quede moi líquido. Deixala cocer un pouco, sempre revolvendo.
- Incorporalle o leite pouco a pouco e ir remexendo cun batedor de man ( unhas barillas) ata que vemos que espese. Eu nunca poño o calor da cociña ó máximo, medio-alto. Se vemos que está moi espeso engadimos un pouco de leite (sempre o fago con leite frío). Salgamos e engadimos un poquiño de noz moscada (é prescindible)


Comentarios
- Sae moita cantidade de lasaña. Da para 8 racións, para xente que coma normal. Na miña casa comemos algo de máis e tres comemos a metade.
- Na bechamel teño que diminuir un pouco as cantidades porque sae bastante.
- Vaia lío de receita, creo que só a vou entender eu.

EMPANADA DE MAZÁ

Estiven por non publicar esta receita porque o resultado non foi o esperado. Non é que non fose comestible, que o era, con dicir que case non pasa da tarde. Pero non saiu como eu quería, debo considerar moitos cambios. Éstes foron os que me incitaron a publicala porque deste xeito téñoa anotada e sei como non a teño que facer. Ademais, agora en quente, acórdome do que teño que modificar e así para a próxima non cometerei os mesmos erros.
Normalmente cociño sen medidas, como me vai saindo, engado máis disto ou do outro. O malo é que nunca anoto, nin as cantidades, nin o que teño que ter en corta para a próxima vez. Así á seguinte vez estou coma ó principio. Esto do blogue é bo para estas cousas, así vou anotando e tendo en conta os cambios, quedando gardadiño para sempre.
Tamén teño que engadir que é a miña 1ª empanada e que non mirei, nin copiei de ninguén, nin siquera lle pregntei a miña nai. Fun autodidacta cos meus modestos coñecementos. Pero se ve que non son suficientes.


Ingredientes
Para a masa

600 grs de fariña, puxen algo máis de 400 de forza e o resto de repostería porque non tiña máis
100 grs de manteiga
250 ml de leite
1 ovo
1 culleradiña de sal
3 culleradas de azucre
Unha culleradiña de esencia de vainilla
Algo máis de medio sobre de levadura seca de panadería (en po).
Recheo
600 grs de mazás
Unha cullerada de azucre
Unha culleradiña de café de canela
300 grs de marmelada de ameixa
25 grs de manteiga
2 ovos
100 ml de nata
Realización
Da masa

- Derreter a manteiga no micro e deixala esperando os seu turno.
- Tamizar a fariña nun bol baixo ou no mesmo mármore, un pouco menos dos 600 grs. Déixase algo de fariña por se fai falta para ir secando a masa
- Facer coma un volcán e engadir o azucre, o sal e levadura.
- Bater un pouco o ovo, engadirlle a vainilla.
-Quecer un pouco o leite (20 seg), máis ou menos a temperatura corporal (probalo na pel e comprobar que non o sentimos nin frío, nin quente)
- Incorporar os líquidos á fariña (leite, manteiga, ovo)
- Mesturar todo cunha culler de madeira. Cando se dificulte a terefa, pasar a amasar coa man. Se vemos que se pega ás mans engadimos máis fariña ata que non se pegue. Amasamos ben no mármore, dámoslle uns golpes e amasamos un anaquiño.
- Meter nun bol e tapalo con film, abrigalo un pouco e deixar que levede arredor dunha hora ou hora e media, debe duplicar o volume.
- Pasado o tempo do levedado separamos a masa en dous anacos, un deles máis grande có outro (o grande para a base porque ten que cubrir tamén as parades do molde e o pequeño para a tapa)
- Estirar a masa co rodillo e metela nun molde engraxado ou cuberto con papel de forno.
-Poñer o recheo e tapar co resto da masa que xa está estirada.
- Pintar con ovo por encima e espolborexar un pouco de azucre.

Erros cometidos e cambios para a próxima:
A masa estaba moi boa. De feito coa que sobrou fixen un boliño que estaba riquísimo. O que pasa é que non me parece que sexa a masa axeitada para a empanada de mazá porque era moito pan, eso que a estirei ben. Creo que debo poñerlle menos levadura (pode que con unha culleradiña chegará) ou probar sen ela? Mirarei outras masas.


Do recheo
- Pelar as mazás e cortalas en láminas finas. Poñerlle o azucre e a canela, deixalas un pouco macerar.
- Cando xa estea colocada a masa da base poñer unha capa de mazás, a metade. Cubrir coa metade da marmelada e poñer uns pegotes de manteiga.
- Poñer encima o resto das mazás e o resto da marmelada e outro pouco da manteiga.
- Bater os ovos. Separar un pouco de ovo para logo pintar a masa por encima.
- Engadirlle a nata ós ovos e bater un pouco.
- Introducir o líquido por encima das mazás, intentando que se cole ben por entre elas. (Este paso foi un fracaso total, quería que quedara como flan polo medio, pero para nada. Desde logo así non o volveri a facer. Ademais o líquido saiuse por fóra da masa e fixo que a masa da base estivera moi brandiña, como mollada).

- Tapar co resto da masa e pintar co ovo batido.

- Meter no forno prequentado a 200ºdurante máis ou menos 50 min.
Erros cometidos e cambios para a próxima vez:
1º O que xa comentei da mestura de ovo e nata ou leite. O resultado non foi o esperado. Quixen emular a tarta do outro día que me gustou tanto, pero o resultado foi diferente. Tamén pode ser que fora demasiado líquido e que tiven pouco coidado á hora de introducilo no recheo.
2º A mazá estaba aínda algo crúa, deberíase cociñar antes un pouco?
Vamos que así exactamente non a farei máis terei que ir probando. O peor foron o grosor da masa, que estaba moi húmida na base e o líquido.
Ademais hai que ter en conta que me sobrou masa, polo que, hai que facer menos cantidade.

sábado, 1 de agosto de 2009

RISOTTO CON VERDURAS

Abrín a neveira e alí rogando consigo había moitas verduras. Pois nada, seguimos coa cociña temática, hai que empregar os calabacíns, as cenorias, os tomates, as xudías…
Había moito tempo que tiña ganas de preparar un risotto e ésta era a ocasión perfecta.
Tentei poñer pouco de cada para que non sobrara, pero é imposible. Un pouco disto, un pouco daquilo, fai un moito. Ó final saíron dúas racións.
Cando lle dixen a miña nai o que fixera e lle expliquei cómo, ela díxome, “fixestes un arrós, así fíxeno eu muitas veses, pero chamádeslle risotto que é máis fino”. Ten toda a razón, ela sempre lle pon algo de chicha, pero así faino moitas veces, bueno sen o queixo. Así que está todo inventado. As mulleres e homes que fan de comer tódolos días nas súas casas xa van inventando e discurrindo no día a día. O mundo da cociña é internacional.
Está moi bo, altamente recomendable.

Ingredientes
1 cebola pequena
3 tomates pequeniños
1 dente de allo
1 cenoria pequena.
1 puñado de xudías
1 puñado de chícharos
1 calabacín pequeño
2 cazos (de sevir sopa) de arroz
4 culleradas de aceite
100 grs de queixo curado manchego de ovella
1 cullerada de queixo parmesano rilado
Media cullerada de margarina ou manteiga.
100 ml de viño blanco
Auga quente ou caldo
Sal, albahaca e pementa.


Realización
- Pícanse tódalas verduras miúdas. A cebola, o allo e a cenoria piqueinos na picadora e o tomate tamén o metín (quedou totalmente triturado). O calabacín piqueino co coitelo en taquiños pequenos e as xudías tamén en anaquiños o máis pequenos posible.
-Ponse a auga ou o caldo a ferver e logo déixase no lume para que estea quente . Ten que estar quente para cando llo botemos ó arroz. Sempre será mellor caldo, de polo, de verduras… Pero eu como non tiña púxenlle auga.
- Ponse a tixola ó lume co aceite e así que estea un pouco quente póchanse a cebola e o allo. Cando empece a traslucir un pouco engadimos o tomate e a cenoria (no meu caso engadínlle unha culleradiña de azúcre porque o tomate dáballe un pouco de acedo). Dámolle unhas voltas e xa engadimos as xudías, chícharos e calabacín. Todo o conxunto deixámolo pochar durante 15 min. Revolvéndoo frecuentemente. Púxenlle unha tapa á tixola así van soltando auga as verduras e vanse cociñando no seu xugo. Salgamos un pouco as verduras.
- Cando vexamos que o calabacín vai estando blandiño e algo traslúcido engadimos o arroz e dámoslle unhas voltas coa verdura (sobre dous min). Podemos salgalo un pouco (eu poño pouco sal de cada vez)
-Engadimos o viño e deixamos que se consuma. Sempre dando voltas. O viño amorneino 20 sg no micro porque lin nalgún sitio que ao arroz é mellor non botarlle nada frío.
- Cando vexamos que xa non hai case líquido do viño, engadimos un par de cazos de auga quente e deixamos que o arroz o vaia bebendo. Cando haxa menos líquido engadimos outra pouca auga, así até que vexamos que o arroz vai cocido. Ímolo probando par comprobar se está ó noso gusto. A min gústame ben cocidiño, polo que o tiven media hora. A quen lle guste "al dente", terao menos tempo. Debe quedar melosiño e algo caldoso.
- Case ó final da cocción púxenlle un pouco de albahaca e de pementa e rectifiquei de sal (parecéume que estaba soso). Tamén foi nunha destas probaduras finais cando engadín o azucre porque notei un punto acedo do tomate.
- Cando vemos que está cociñado, apagamos o lume e poñémoslle os queixos, no caso do curado rileino o parmesano xa o comprei rilado. Neste punto tamén engadimos a margarina ou manteiga. Remexemos ben para que se integren ben o queixo e a margarina e deixámolo repousar un pouco tapado cun pano.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...