Había moito tempo que tiña ganas de preparar un risotto e ésta era a ocasión perfecta.
Tentei poñer pouco de cada para que non sobrara, pero é imposible. Un pouco disto, un pouco daquilo, fai un moito. Ó final saíron dúas racións.
Cando lle dixen a miña nai o que fixera e lle expliquei cómo, ela díxome, “fixestes un arrós, así fíxeno eu muitas veses, pero chamádeslle risotto que é máis fino”. Ten toda a razón, ela sempre lle pon algo de chicha, pero así faino moitas veces, bueno sen o queixo. Así que está todo inventado. As mulleres e homes que fan de comer tódolos días nas súas casas xa van inventando e discurrindo no día a día. O mundo da cociña é internacional.
Está moi bo, altamente recomendable.
Ingredientes
1 cebola pequena
3 tomates pequeniños
1 dente de allo
1 cenoria pequena.
1 puñado de xudías
1 puñado de chícharos
1 calabacín pequeño
2 cazos (de sevir sopa) de arroz
4 culleradas de aceite
100 grs de queixo curado manchego de ovella
1 cullerada de queixo parmesano rilado
Media cullerada de margarina ou manteiga.
100 ml de viño blanco
Auga quente ou caldo
Sal, albahaca e pementa.
Realización
- Pícanse tódalas verduras miúdas. A cebola, o allo e a cenoria piqueinos na picadora e o tomate tamén o metín (quedou totalmente triturado). O calabacín piqueino co coitelo en taquiños pequenos e as xudías tamén en anaquiños o máis pequenos posible.
-Ponse a auga ou o caldo a ferver e logo déixase no lume para que estea quente . Ten que estar quente para cando llo botemos ó arroz. Sempre será mellor caldo, de polo, de verduras… Pero eu como non tiña púxenlle auga.
- Ponse a tixola ó lume co aceite e así que estea un pouco quente póchanse a cebola e o allo. Cando empece a traslucir un pouco engadimos o tomate e a cenoria (no meu caso engadínlle unha culleradiña de azúcre porque o tomate dáballe un pouco de acedo). Dámolle unhas voltas e xa engadimos as xudías, chícharos e calabacín. Todo o conxunto deixámolo pochar durante 15 min. Revolvéndoo frecuentemente. Púxenlle unha tapa á tixola así van soltando auga as verduras e vanse cociñando no seu xugo. Salgamos un pouco as verduras.
- Cando vexamos que o calabacín vai estando blandiño e algo traslúcido engadimos o arroz e dámoslle unhas voltas coa verdura (sobre dous min). Podemos salgalo un pouco (eu poño pouco sal de cada vez)
-Engadimos o viño e deixamos que se consuma. Sempre dando voltas. O viño amorneino 20 sg no micro porque lin nalgún sitio que ao arroz é mellor non botarlle nada frío.
- Cando vexamos que xa non hai case líquido do viño, engadimos un par de cazos de auga quente e deixamos que o arroz o vaia bebendo. Cando haxa menos líquido engadimos outra pouca auga, así até que vexamos que o arroz vai cocido. Ímolo probando par comprobar se está ó noso gusto. A min gústame ben cocidiño, polo que o tiven media hora. A quen lle guste "al dente", terao menos tempo. Debe quedar melosiño e algo caldoso.
- Case ó final da cocción púxenlle un pouco de albahaca e de pementa e rectifiquei de sal (parecéume que estaba soso). Tamén foi nunha destas probaduras finais cando engadín o azucre porque notei un punto acedo do tomate.
- Cando vemos que está cociñado, apagamos o lume e poñémoslle os queixos, no caso do curado rileino o parmesano xa o comprei rilado. Neste punto tamén engadimos a margarina ou manteiga. Remexemos ben para que se integren ben o queixo e a margarina e deixámolo repousar un pouco tapado cun pano.
