Levo dous días sen pasar polos blogues amigos porque non tiven un momentiño. Onte foi o meu cumpreanos e o día antes estiven toda a tarde facendo doces para levar ó cole e non parei e onte, pois cheguei á casa moi tarde e tampouco me quedou tempo. Así que, creo que tiven unha boa desculpa.

Non me gusta nada cumprir anos, pero “éche o que hai”, chegado o 14 de maio, un ano máis e non se pode remediar. Non é algo novo, nunca me gustou cumprir anos, sobre todo desde a adolescencia. Sempre aparentei máis anos dos que tiña e curiosamente, sobre todo na adolescencia, que as rapazas, queren parecer maiores, a min fastidiábame. Agora non soen botarme os anos que teño, bótanme menos, será por quedar ben, non sei, pero o que peor levo é cumprilos. A vida vaise consumindo e tes esa sensación de que se vai a xuventude. No meu caso, teño a sensación de vida perdida. Son unha persoa monótona, aburrida, gris, o cal provoca que non haxa cambios, que sempre sexa o mesmo. Se teño que escribir a miña autobiografía un folio sóbrame. Sempre digo “a min nunca me pasa nada”, non me pasa porque non quero que me pase, estrésame so de pensar que vai haber un cambio, teño medo, sufro, teño angustia. Prefiro que non haxa cambios. Logo laméntome que a miña vida é monótona e aburrida. Estou espera de que se consuma, a que se acabe. Son unha espectadora da vida dos demais.
A torta de hoxe, non a fixen eu, fíxoa a miña nai. Nunca fago unha torta para o meu cumpreanos, se fago algo é para outros, para invitar, pero para eu desfrutala, non, sempre a fai miña nai. A verdade é que lle quedou fantástica e sabía a gloria e pareceume unha pena non compartila. Ademais ela non é nada de decoracións porque é coma un terremoto e non ten paciencia, total é para comer, di ela. Neste caso esmerouse e quedoulle preciosa.
Ingredientes
Para o biscoito
200 grs de fariña
100 grs de azucre
6 ovos pequenos ou cinco grandes
1 cullerada de leite
1 sobre de levadura royal
Para o almíbar
200 ml de auga
50 ml de algún licor (ron). A cantidade de liquído é variable (pódense combinar as cantidades dos dous líquidos aumentando o diminuíndo unha ou a outra)
150 grs azucre
Para as fresas con nata
400 grs de nata para montar
2 culleradas de azucre
Fresas (a cantidade depende un pouco de cada un)
Estas cantidades tamén depende do groso do recheo que se queira.
Ganaché de chocolate
150 grs de chocolate
100 grs de nata
Unha cullerada de manteiga
Estas cantidades (das fresas con nata, do almíbar e do chocolate) póñoas un pouco máis ou menos porque miña nai non sabe as cantidades exactas, cando me explica a receita di: un pouco, un chorro, un anaco, a ollo, xa vas vendo (aínda aí vou deducindo que as cantidades son así aproximadamente)
Elaboración
Do biscoito
- Separar as xemas das claras. Montamos as claras a punto de neve e reservamos
- Bater as xemas co azucre ata que branqueen.
- Engadir o leite e a fariña coa levadura (tamizadas), pouco a pouco ata que se integre.
- Incorporarlle as claras pouco a pouco e con movementos suaves e envolventes de abaixo a arriba para que non se baixen.
- Introducimos nun molde enmaitegado e enfariñado.
- Metemos no forno prequentado a 180º uns 30 minutos (esto depende dos fornos, o mellor e comprobar se está cocido introducindo unha agulla ou unha brocheta, cando saia seco xa está).
- Deixamos arrefriar o biscoito e cando estea frío cortámolo en dúas metades (fíxoo con un fío) e calámolo con almíbar.
Do almíbar
- Introducimos todos os ingredientes nun cazo e deixámolos cocer durante uns cinco minutos.
-Logo mollamos con el as dúas metades do biscoito.
As fresas con nata
- Batemos a nata co azucre como facemos normalmente ata que a nata colla a consistencia desexada. Dividimos a nata,unha parte para mesturar coas fresas e outra para a decoración exterior (se se quere, senón xa se pode mesturar toda coas fresas)
- Cortamos as fresas en anaquiños miúdos e mesturamos coa nata. A cantidade de fresas depende de se queremos moitas ou poucas, entón vai un pouco a gusto.
Ganaché de chocolate
- Derretemos o chocolate, a baño maría ou no micro, dependendo do costume de cada un. Introducimos a nata e a manteiga e mesturamos ben.
- Deixamos que arrefríe un pouco.
Montaxe da torta
Eu probablemente o faría distinto, pero como a receita non é miña vou contar como o fixo ela.
- Unha vez frío o biscoito cortámolo pola metade. Se o facemos con un fío quedan mellor.
- Mollamos as dúas metades co almíbar, que non estará quente de todo
- Sobre a base poñemos as fresas con nata e encima a outra metade.
- Decoramos con nata e con metades de fresas, como queiramos.
- Cubrimos co chocolate de forma que vaia escorrendo polos laterais e sen cubrir demasiado a superficie, en plan chorretóns, para isto debe estar morno porque se está moi quente, por unha parte estragamos a nata e por outra non se aguantaría.
- Decoramos con mais nata e fresas.
Unha torta similar, pero con melocotón vinlla a Natalia de Cocino y disfruto. Aí me quedou na cabeza e fun eu que lle dixen a miña nai o tipo de torta que quería, pero con fresas. De feito ensineille a dela para que se fixera unha idea.