As cantidades que emprego son as que Irmina propón nos seus panettones xardiñeiros, o único que cambiei foi a levadura e o proceso de realización, que foi ó meu xeito.
Tampouco estou moi segura de que esto sexa un panettone, se con ter a forma chega, pois debe ser. A verdade é que a realización da masa é moi parecida, por non dicir igual, cá do brioche, pero bueno eu amaso e listo. Como bo está e estamos en época pre-nadal pois chamámoslle panettone e acabouse. Gustaríame probar outras receitas que vin por aí, pero non sei porque esto de facer masas convértese nun problema para o volume corporal e hai que tentar diminuír a cantidade deste tipo de doces.
Desde logo, teño que dicir que saíu boísimo, esponxado, brandiño, cun sabor exquisito. Vamos unha auténtica delicia. Totalmente recomendable.
500 grs. de fariña de forza
2 sobres de levadura seca en po, marca maizena
125 cc. de leite
3 ovos
100 grs. de manteiga derretida
100 grs. de azucre
1 cullerada de azucre vainilla
1 cullerada de esencia de vainilla
Unha culleradiña de sal.
Un puñado de chocolate troceado, un puñado de froitas confitadas
Unhas cuantas uvas pasas.
Unha cullerada de manteiga derretida para pintalo por encima antes de ir ó forno
Realización
- Sacar a manteiga e partila en anacos. Queda a temperatura ambiente, para que se vaia abrandando, namentres preparamos o resto.
- Batemos os ovos e mesturámolos cos azucres e coa esencia.
- Temperamos un pouco o leite para quitarlle o frío da neveira.
- Tamizamos a fariña nun recipiente amplo e engadimos a levadura e o sal.
- Engadímoslle á fariña os líquidos e a manteiga e mesturamos. Primeiro coa culler de pao e logo a man ata conseguir unha masa que se despega do recipiente. Arredor de 15 minutos. É unha masa branda que parece pegañenta, pero non se pega.
- Metémola nun recipiente cuberto con film e ben abrigado dentro do forno apagado.Co de ben abrigado refírome a que estea quentiño, eu cubrino con unha mantiña (agora o tempo está máis fresco e na cociña non teño calefacción). Estivo levedando 3 horas (case triplicara o volume.
- Sacamos a masa e estirámola cun rodillo, e metemos no centro do rectángulo as pasas, o chocolate e as froitas confitadas. Dobramos, volvemos a estirar, volvemos a dobrar e tratamos de que os tropezóns queden ben repartidos por toda a masa.
- Boleamos e introducimos a masa no recipiente no que os imos a fornear cuberto con papel de forno. Neste caso empreguei de cristal porque eran os únicos altiños que tiña.
- Volvemos a deixalo fermentar. Tapamos con film ou, eu neste caso, cubrinos cunhas bolsas de plástico e logo tapeinos coa manta, outras tres horas.
- Unha vez fermentado pintamos a superficie con manteiga derretida.
- Metémolo no forno prequentado a 180º. Estiveron 10´a 180º e logo baixeino a 160º durante 50 minutos (con papel de prata por encima, os 10´ foron suficientes para que collera color, de máis, diría eu). Como fixen un máis grande e dous máis pequenos, os pequenos saqueinos antes, ós 45 minutos.Que pena que os olores non cheguen aínda a través da rede, quen sabe, todo pode ser posible. O olor que abordou á miña pituitaria tan só 5 minutos despois de metelo no forno era un deleite para o sentido do olfato e facía presaxiar o que viría despois, todo ese exquisito olor converteríase nun delicioso sabor.
Creo que me pasei coas fotos, pero é que fixen tantas (e borrei moitas máis) e ningunha me convencía o suficiente que ó final puxen moitas porque non sabía por cal decidirme. Nótase que estou orgullosa da "criatura", verdade?
