Un sábado gris, chovendo miudiño, un día típico da nosa terra galega. Un día perfecto, gris e sábado, combinación perfecta para min. Xa dixen nalgunha ocasión que o sábado é para min un día máxico,un día especial, un día no que o relax inunda a miña persoa. Se ademais é gris xa ten tódolos compoñentes. Xa sei que non son coma o resto da humanidade, nin tampouco quero selo, a case todo o mundo lle gusta o sol e o bo tempo, a min, non. Gústame o frío a choiva, os días metida na casa, ver chover a través dos vidros, sentir caer a auga e non me importa que sexa varios días seguidos. Pola contra, se fai calor e sol varios días seguidos empezo a poñerme irascible e dun humor de cans.
Se me tivera que definir cunha cor, sería co gris. Penso que di todo de min. Son gris. Tamén, se teño que identificarme con algunha estación é co outono, a miña estación preferida, foino sempre desde nena, desde que eu teño acordos.
Pois ben, neste día gris e sábado de outono dispóñome a facer das miñas. Hai moitas mazás, estamos no tempo delas. Que menos que facer unha empanada de mazá. Como xa comentei, tamén, ando na procura da empanada de mazá perfecta. Pensei en facela con hoxaldre, pero.. que mérito ten comprar o hoxaldre? Hai que facelo. Ardua e difícil tarefa. Mirei en varios blogues e detívenme máis en
i-recetas e en
webos fritos, ámbolos dous blogues de auténtico luxo e categoría. En i-recetas faino de varias maneiras (
hoxaldre,
hoxaldre rápido e moitos outros porque ten moitas receitas feitas con hoxaldre), dá varios consellos, pero no de webos fritos fai un paso a paso espectacular. Quedeime con este último, aínda que tamén puxen en práctica algún consello de Pepinho.
Total que eu intento seguir cada paso rigorosamente, pero non me sae, acábame saíndo a manteiga polos arredores. Algo teño que facer mal, pero o caso é que non sei o que. Debe ser que este tipo de receitas son para persoas con mans especiais e as miñas non saíron preparadas para tales especialidades.
Nesta receita vou relatar as miñas andanzas, pero para o proceso da elaboración do hoxaldre en si farei un enlace directo ó de webos fritos porque non creo que ninguén o poida explicar mellor. Ademais a reportaxe fotográfica coa que nos deleita é inmellorable. De todos xeitos pedinlle permiso a ela para poder facelo e aínda non mo concedeu porque estes días non debe conectarse, pero non podo esperar máis para publicar a receita, espero que non lle pareza mal. Si, creo que son importantes as miñas percepcións durante o amasado porque así alguén que domine máis o tema pode, incluso, asesorarme e dicirme en que estou fallando.
O hoxaldre ten a fama de ser algo moi complicado, realmente non me parece complicado, nin laborioso, si, ó mellor, un pouco prolongado no tempo, pero todo o proceso é ben sinxelo, o malo é cando se empeza a saír a manteiga...
A pesar de todo saiu hoxaldre, hoxaldre de verdade, dese que ó trincar se desfai, coma o da tenda, pero con un sabor espectacular, moito máis saboroso có da tenda. Despois desta experiencia creo que vou facelo sempre, non é para tanto. O único que levo mal e ter que limpar despois. Cando o meto no forno e miro ó meu redor é cando me pregunto quen me mandaría meterme nisto? Tendo en conta, ademais, que vou recollendo e limpando a medida que vou facendo, pero sempre queda.
Animo a todo o mundo a que faga hoxaldre, a que probe polo menos unha vez, seguro que logo non se queda nunha vez, non custa máis traballo, nin é máis revirado ca facer un roscón ou unha larpeira

Ingredientes
Para a masa
500 grs de fariña de repostería
250 ml de auga do tempo
1 cullerediña de sal
60 grs de manteiga derretida
350 grs de manteiga fría, en bloque (usei president)
Para a compota
Algo máis dun quilo de mazás
6 culleradas de azucre
1 culleradiña de canela
Para a preparación da masa antes de ir ó forno
1 ovo batido
1 cullerada de azucre cunha pouca canela mesturada
Preparación
Da masa de hoxaldre
Para isto seguín ó pé da letra os pasos que nos ofrece Su no seu blogue webos fritos.
Eu creo que o problema máis grave que teño é o calor da miña cociña. Como xa dixen é un día gris, fresco, duns 18º, 20º no exterior. Pero a miña cociña é moi quente, a pesar de que tiven a ventana aberta todo o día para que fixera fresco, penso que a temperatura é demasiado alta para facer hoxaldre
Vou ir comentando o que me aconteceu en cada paso, que non sei se é normal ou non.
1 . Na elaboración da masa, á cal ela lle chama plastón, non tiven ningún problema. É máis, é unha masa moi boa de facer, case non te pringas, faise rápido.
2 . Estirar a masa facendo a cruz tampouco houbo problema, faise ben, con facilidade.
3 . Facer o paquete coa manteiga e masa tampouco ten maior complicación. Tentei apretar ben a masa á manteiga porque Pepinho di que non debe coller aire, que non deben facerse burbullas cando estiramos a masa.
4 . No 1º estirado da masa foi cando empezaron as dificultades. 1º deille os golpes e logo no estirado empezaron a saír burbullas, que pinchei con unha agulla e seguín. Pero saía manteiga polos bordos. Seguín para diante e fixen as primeira dobrez. Na 2ª pasou o mesmo. para remediar o da saída da manteiga tentei taponalo con fariña, este consello dáo Pepinho. Logo para a neveira. Baixei a temperatura da neveira ó máximo. Estivo na neveira arredor dunha hora.
5 . Nos dous seguintes estirados da masa non pasou tanto o de saírse a manteiga, pero si, ó levantar a masa, o mármore quedaba impregnado de manteiga. De feito, entre volta e volta metina 10 minutos no conxelador porque me daba a sensación de que xa estaba demasiado branda.
6 . Unha vez dadas as 6 voltas e pasado un tempo na neveira procedo a estirala para facer as pranchas para a empanada. Aquí non sabía moi ben como facer porque en toda a explicación di que se estire nun sentido e que se lle dea golpes. Pero agora eu quería estirala ben, así que, procedín a estirala o máis que puidera en tódolos sentidos. Estirou moi ben, creo que aínda podería estirar máis, pero dábame medo, preguntábame “ a ver como a quito de aquí, vaime quedar pegada ó mármore”. Neste paso xa non hai rastro de manteiga visible, está integrada na propia masa.
Esta é a masa completamente estirada. Paréceme que aínda podería estirar máis7 . Dividín a masa en dous, un, un pouco máis grande, que fará de base. Para despegalo presionei encima con papel de forno e fun levantando con coidado a masa. A pesar do medo non houbo problema. Coloqueina ben no molde co propio papel pola parte de abaixo, cubrindo o fondo do molde. Recortei algúns cachos que sobresaían.
8 . O gran erro foi que deixei o outro anaco da masa, alí no mármore esquecido mentres montaba a base e introducía a compota de mazá ( que fixen coma a da última empanada de mazá, poño a elaboración máis abaixo). Cando fun a coller a outra pancha de masa, estaba demasiado branda e fíxoseme bastante difícil despegala. A pesar de todo conseguino. Para o próxima o que teño que facer e metela na neveira se fago outras cousas.
9 . Cos recortes de masa fixen unhas rudimentarias palmeiras, que estaban riquísimas. Éstas quiteinas antes do forno e a miña expresión cando as metín na boca foi “ummm, é hoxaldre de verdade”

Montaxe da empanada
- Ponse a prancha de masa que fará de base sobre un papel de forno. Picar un pouco a masa cun garfo.
- Pintei o fondo cun pouco de marmelada (neste caso marmelada de ameixa caseira, ver receita aquí)
- Introducir a compota de mazá. Non a ía meter toda, pero logo envorqueina toda e listo, demasiada para o meu gusto.
- Poñer a tapadeira. Picar cun garfo a masa. Pintar con ovo batido e espolvorexar azucre mesturado con canela. A cantidade, disto último,vai un pouco a gusto. Do azucre e a canela, por encima, pódese prescindir, dado que o azucre requimase e da un aspecto pouco presentable, que non afecta para nada ó sabor.
- Metelo no forno prequentado a 200º e logo baixalo a 180º. Estivo arredor dunha hora no forno. Creo que quedou un pouco cru por dentro (aínda que cando facemos algocon hoxalder sempre qeda algo apelmazada a parte que está en contacto con algo húmido,como neste caso a compota. Non teñomoi claro se foi iso ou foi que necesitaba cocer máis). Para a próxima teño que controlar máis o forno.
- As palmeira paseinas polo ovo e reboceinas en azucre, estaban de medo.
Preparación da compota
Pícanse finiñas as mazás e engádeselle o azucre e a canela. Eu voulle engadindo o azucre despois de picar cada unha das mazás para que non se oxiden. Métese no micro durante 15 minutos, dándolle voltas de vez en cando e esmagando as mazás cun garfo, cando vemos que xa é puré estará lista.
COMENTARIOS: Penso que si vale a pena facelo, é toda unha experiencia. para min, moi agradable (menos limpar, claro). É certo que o proceso é moi longo. Trátase de estar pendente da masa durante bastante tempo, pero tempo de elaboración en si non é moito. Ademais os tempos de espera non teñen por que ser exactos e permítenche seguir coas tarefas diarias sen ningún problema.
As fotos non dan creto ó resultado, nin ó sabor. Ademais tiven certo percance (telefónico) durante a cocción que non me deixou estar o suficientemente pendente.
Teño que probar esta mesma receita, pero con láminas de mazá.
A entrada é moi extensa, pero a receita o merece.
GRAZAS SUSANA POR COMPARTIR CON TODOS A RECEITA E ESE MAGNÍFICO PASO A PASO QUE POSIBILITA QUE TODOS POIDAMOS FACER ESTA MARABILLA