viernes, 28 de agosto de 2009

CROISSANTS DE PIERRE HERMÉ

Esta receita é para min un reto, así coma unha asignatura pendente ( que non superei moi satisfactoriamente). Son moi persistente na miñas ideas e cando algo se me mete na cabeza ten que ser. Levo máis de 15 días pegada á pantalla mirando esta receita. Atopeina en tres sitios (i-recetas, Dulce Algodón, La receta de la felicidad), nos tres ofrecen, practicamente a mesma explicación, pero en “La receta de la felicidad”, ademais, ofrece un paso a paso, que a min foime moi útil. Creo que xa sei a receita de memoria de tantas veces que a lin e a estudei. Miraba para eses croissants, caéndome a baba, e dicíame a min mesma, a ti non che van a saír e saíronme daquela maneira.
Por primeira vez na miña vida seguín a receita ó pé da letra, sen saírme nin un gramo. Necesítase un día de espera. Creo que foi Nytta, de “Dulce algodón” a que dixo que para ela amasar era un gran relaxante, “masoterapia”, lle chamou. A min pásame o mesmo, unha vez que te enganchas a isto da masa, amasar con tódalas forzas descargando toda a túa forza, quedas nova e esa sensación cando ves que medrou e cando o sacas do forno… Indescritible, recomendo a “masoterapia”
Vou ir facendo un paso a paso e describindo, incluso, as sensacións de cada momento do amasado, que foron moitas. Os tempos da receita poden asustar un pouco, pero realmente, non leva moito tempo o proceso de elaboración, o que o prolonga é a espera. Pasas un día moi entretido, pendente do reloxo. O que está claro é que está ben para probar, pero non creo que volva a caer. Tanto tempo para despois os máis deles seren unha chapuza. Cheguei á conclusión de que me falta algo que os outros teñen porque desde logo coma a eles non me quedaron.
Ingredientes 510 gr. de fariña de forza
35 gr. de manteiga a punto de pomada
11 gr. de sal
72 gr. de azucre
15 gr. de leite en po
12 gr. de levadura fresca de pan
205 gr. de auga a temperatura ambiente
15 gr. de azucre vainillado, vainilla en po o una vaina de vainilla (a elixir)
Para hoxaldrar: 88+88 gr. de manteiga
Para pintar (antes de fornear):
1 ovo enteiro
1 culleradiña de azucre
Unha pisca de sal.
Para pintar (despois de fornear):
80 gr. de azucre
30 gr. de auga



Elaboración
1º pesamos tódolos ingredientes. O 1º en pesar debe ser a manteiga porque así xa se vai abrandando namentres pesamos o resto. O punto pomada é precisamente iso, que estea branda a temperatura ambiente.
Metemos tódolos ingredientes secos nun bol. Eu a fariña tamiceina. Logo quentamos a auga un pouco no micro, de tal xeito que estea, máis ou menos a temperatura corporal, sabémolo coa proba na pel, poñemos unha gotas e non sentimos nin que estea quente nin fría.
Desfacemos a levadura na auga e incorporamos ós ingredientes secos. Amasamos. Nun principio pensas que iso non se vai amalgamar, pero logo si se van unindo e formando masa. Eu nun principio fixen coma con outras masa e empecei coa culler de madeira a remexer todo, pero vin que aquilo non collía xeito. Paseino ó mármore e amasei coas mans tratando de incorporar tódolos ingredientes, de todos xeitos o feito de unir nun principio coa culler de madeira facilita, un pouco, a integración dos ingredientes.
Cando están tódolos ingredientes integrados incorporamos a manteiga. Aquí pensei que non ía saír dela. Toda a manteiga empeza a saírse, a masa reblandece e parece que se desfai, que non vas ser capaz de conseguir unha masa homoxénea. Segues amasando e vas vendo como colle corpo, como a manteiga se integra perfectamente e desaparece. Queda unha masa moi agradable de traballar. Amásase durante 5 minutos.

Formamos unha bóla, cubrímola con plástico de cociña (filme) e deixamos repousar durante un par de horas na neveira.
Pasado o tempo, estendemos a masa nun rectángulo dun centímetro de grosor (nunca entendín este tipo de cousas, como sabes que ten un cm de espesor por todo? Temos que medilo?, bueno sexa como sexa eu non o medín)








Estendemos a metade da manteiga para hoxaldrar (88 gr.) sobre 2/3 da masa, de modo uniforme, intentando que non chegue ao bordo (para que non se saia) e dámoslle a primeira volta.
Primeiro dobramos o terzo sen manteiga cara ao centro e logo o outro terzo cara ao centro.










Viramos 90º e volvemos estender a masa. Aquí pensei que todo estaba perdido, sabía que este paso ía ser complicado. Estoupou a masa por sitios e saía disparada a manteiga, ó final non quedaron os 88 grs, se seguía estirando saía máis manteiga.

Aquí está a proba do derrame de manteiga

Chegou a un punto que decidín non estirar máis. Estas cousas, só me pasan a min? Ou son habituais e non se contan? Dábame a impresión de que non estaba o suficientemente estirada. Unha vez feita a chapuza procedemos a facer as mesmas dobreces (darlle unha segunda volta) esta vez sen botar manteiga. Deixamos repousar 2 horas na neveira. (Eu este paso non acabo de entendelo ben, presupoño que se mete na neveira dobrado e así o fixen, pero pódese supoñer que é en bóla ou con máis voltas, bueno eu púxeno coa volta simple tal cal e coa manteiga saíndo por algúns sitios porque se seguía estirando aínda saía máis.
Pasado este tempo, repetimos todo o proceso anterior, con dúas voltas simples e cos 88 gr. restantes de manteiga para hoxaldrar. Ou sexa outra vez estirar, pór manteiga, dobrar, estirar, volver dobrar xa sen manteiga, e á neveira. Esta vez deixámolo repousar unha hora antes de formar os croissants.
Dividimos a masa en dúas e formamos dous rectángulos de 25x40 cm2, aproximadamente. Recortamos triángulos de 10cm (base) x 25cm (altura), dando un lixeiro corte no centro da base. Isto do tamaño depende do grandes que os queira facer cada un. A masa é dificilísima de estirar, cando se cortan os triángulos para facer os croissants retráese toda e queda gorda (tamén so me debe pasar a min). Segue saíndo manteiga se se estira moito. Que fai a xente cos recortes? Porque ninguén o conta. Ó mellor é que non lle quedan recortes, pero que conten cómo fan. Pois ben, se a masa se xunta toda e se intenta traballar desfaise, pégase ó rodillo e ó mármore.
Enrolamos os croissants desde a base e sen facer demasiada presión.
Dispomos os croissants sobre unha bandexa con papel de fornear. Deixamos medrar durante unhas dúas horas. Non explica se os deixamos medrar nalgún sitio en concreto, se tapados ou simplemente a temperatura ambiente. Eu fixen esto último. Tal como estaban na bandexa encima do papel quedaron ata medrar (sen correntes, claro). Pasado o tempo prequentamos o forno a 160º C.

Preparamos a mestura para pintalos: batemos os ovos co azucre e o sal. Pintamos cada croissant coa mestura de ovo e introducimos no forno, que deixaremos durante uns 20 minutos pero xa sabedes que iso varía segundo fornos. Nas receitas das que os saquei, prequentan o forno a 180º e deixanos 15 minutos (pero o meu forno, como xa o coñezo, sempre ten que ser menos graos, que o que din noutras receitas porque senón tosta moito por fóra, prefiro que estean máis tempo e que non saian morenos)
Mentres se fornea preparamos o xarabe quentando a auga e o azucre ata que se disolva totalmente o azucre. Retiramos os croissants do forno, pintamos.
Según nos din na receita orixinal temos dúas formas de conservalos, senón queremos comelos todos dunha sentada. Unha é conxelalos xa forneados, logo quentalos no microondas (35 seg a máxima potencia) ou no forno a 180º uns minutos... Din que quedan ricos de ámbalas dúas formas, no forno coma se estivesen recentemente feitos. E a outra é conxelalos antes de fermentar, sacalos do conxelador, deixalos desconxelar e logo deixar que fermenten. Cando se queiran consumir hai que quitalos unhas horas antes de fornealos.



jueves, 27 de agosto de 2009

BISCOITO DE MASCARPONE CON COMPOTA DE MAZÁ

A idea deste biscoito saqueina do blogue de Nytta “Dulce algodón”. A ela quedoulle máis bonito, aínda así estaba ben rico. Unha idea boísima.

Ingredientes
1 terrina de mascarpone (250 grs). (usarase de medida)
2 terrinas de azucre
3 terrinas de fariña
½ medida de aceite
4 ovos
1 sobre de levadora Royal
5 mazás, 4 culleradas de azucre e media culleradiña de canela para a compota.

Preparación
1º farase a compota: pícanse finiñas as mazás e engádeselle o azucre e a canela. Eu voulle engadindo un pouco de azucre despois de picar cada unha das mazás para que non se oxiden. Métese no micro durante 10 minutos, dándolle voltas de vez en cando e esmagando as mazás cun garfo.
Para o biscoito: Mesturar o mascarpone co azucre, mellor cun batedor eléctrico. Engadir os ovos, mesturar. O aceite, mesturar. E por último a fariña coa levadura, cada medida por separado, tamizada. Cando estea ben incorporada a 1ª engadimos a 2ª e logo a 3ª. A fariña xa a mesturei co batedor de man
Montaxe: Introdúcese a metade da masa de biscoito nun molde engraxado e enfariñado, por encima esténdese a compota, tapándoa co que queda da masa, como se fose unha empanada. Pódeselle poñer por encima azucre e canela (mellor mesturalos antes de incorporalos á superficie do biscoito)
Métese no forno a 160º uns 45 minutos, os dez últimos co ventilador. O ideal para saber se está cocido é pinchalo con unha agulla ou un coitelo e que saia seco. O dos tempos é moi relativo según o forno. No meu se o poño a 180º pónseme moreno, moreno.
Notas: para estas medidas hai que facer máis compota, polo menos dúas mazás máis. Queda pendente facer coma na receita orixinal, con iogur. O biscoito co mascarpone, riquísimo.





lunes, 24 de agosto de 2009

MARMELADA DE AMORAS

Adiós, ríos; adios, fontes;
adios, regatos pequenos;
adios, vista dos meus ollos:
non sei cando nos veremos.
Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criei,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantei,
prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,
muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras,
da igrexiña do lugar,
amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
camiñiños antre o millo,
¡adios, para sempre adios!
¡Adios groria! ¡Adios contento!
¡Deixo a casa onde nacín,
deixo a aldea que conozo
por un mundo que non vin!
Deixo amigos por estraños,
deixo a veiga polo mar,
deixo, en fin, canto ben quero...
¡Quen pudera non deixar!...
“Cantares gallegos” Rosalía de Castro

Ata Rosalía se acordou delas ó despedirse da súa terra. Inundan os camiños e as corredoiras, por desgraza, cada vez menos, dado que o asfalto pasa a ter máis protagonismo. As silveiras estórbannos porque pican, pero dan unhas amoriñas, ricas, ricas.
Afortunadamente, en Carnota, “onde me eu criei”, aínda hai moitas silveiras. Tiña eu antollo de facer marmelada de amoras e o domingo, no noso paseo, polo monte, coas cadeliñas, collín medio quilo delas. Fomos por unha ruta na que non hai demasiadas. Outro día faremos outra, na que sei que hai bastantes, e farase máis marmelada, para matar o antollo xa teño.
As amoras son tan ricas que ata ás cadelas lles gustan, a pequerrecha, que é lista, coma un allo, xa as colle soíña da silveira, sérvese ela, non lle facemos falta nós, quéreas ben maduriñas, as verdes chúspeas. A outra, séntase , ó noso carón, coa boca aberta e a lingua fóra, esperando a que lle deamos. Non sei quen é máis lista.
Cando a miña amiga “a curuxa” vexa esta receita, vaime dicir “Ah, condanada e non me avisaches!!!”. Non podía esperar. Ven buscar o cacharriño pequeno (o grande é para min), para a proba, xa faremos máis.


Ingredientes570 grs de amoras
350 grs de azucre
O zume dun limón
RealizaciónLavamos as amoras e cubrímolas co azucre. Deixámolas, a macerar, toda a noite. Á mañá seguinte ponse no lume ata ferver, cando ferva, deixámolas a lume medio, arredor de media hora. Pasámolas polo pasapuré para machucar ben as amoras. Como as pebidas se colan, eu paseino por un coador de malla fina e quedou libre de toda pebida, finiña, finiña. Volvemos a poñela no lume ata que acade o espeso de marmelada que queremos (facemos a proba do prato: poñendo unhas gotas nun prato que previamente puxemos no conxelador, se pasados uns segundos, non escorre, xa está).
Metémola marmelada en botes de cristal previamente esterilizados (hai que poñelos a ferver en auga arredor de vinte minutos, logo ó sacalos poñémolos boca abaixo nun trapo limpo).
Agora temos que facer o propio para que se conserve por tempo. Hai dous métodos, ou ben se poñen boca abaixo ata que arrefríen (dun día para outro) ou os metemos, aínda quentes, nunha pota cubertos de auga durante 20 minutos, sempre fervendo un pouco (os vinte minutos cóntanse a partires de que ferve).
A fonte de inspiración para esta receita foi no blogue de La cocina de la lechuza


sábado, 22 de agosto de 2009

PAN RÁPIDO

Nunca fixen pan, aínda que lle vin a miña nai facelo varias veces. Mirei en moitas ocasións as receitas de pan e cada cal coa súa receita particular, que se masa nai,…Total que o outro día, non sei en que blogue, vin unha receita de pan á que chamaban “pan en cinco minutos”. Como non sabía en que blogue era, puxen a entrada no buscador e son moitas as blogueiras que xa descubriron a receita, se xa hai vídeos e todo. A verdade é que é moi sinxelo de facer, o dos cinco minutos referirase, digo eu, a que non leva máis de 5 minutos preparar a masa, que non o pan en si.
Cando teño invitados resúltame un encordio, ben grande, ter que baixar a por pan, xa non é a primeira vez que lle digo ós invitados que traian pan, e non é plan, porque unha vez que invitas a comer debes invitar con pan e todo. Acabouse o problema, unha vez descuberta a receita, ésta máxica, do pan, vouno facer eu mesma. Os invitados dirán, “ummmmm, que pan tan rico” e eu con chulería, porque require chulería, voulle contestar “fíxeno eu”, aí quedou iso. O que non ten pan é porque non quere.
O que si, vai ser un perigo, porque a min encántame o pan, nunca vou compralo. Así non sei eu en que acabará isto. Ademais con conto de que se pode ter a masa na neveira 15 días, ou iso din por aí, xa o comprobarei, pois pan fresco e quentiño sempre á man.
A receita é moi precisa coas cantidades, pero eu non son capaz de ser precisa e fixen das miñas, botei así, ó tolo, e saíume moi pegañenta (aínda que é igual de pegañenta ca que se ve no video americano, posto máis abaixo), pero se lle botaba máis fariña requiría máis levadora. O caso é que me pasei coa auga, ó primeiro moi coidadosa coas cantidades, pero ó ver que a masa me pedía máis auga, escapóuseme un pouco de máis. De todos xeitos vou poñer a orixinal.

Ingredientes
875 grs de fariña (eu puxen 750 de forza e 100 grs de integral)
11 grs de levadora de panadería seca (dous sobres da marca maicena)
11 grs de sal
400 ml de auga morna (eu ó final, non sei canta puxen)


Elaboración
Introducir tódolos ingredientes nun recipiente amplo, di de plástico, pola orde na que aparecen. Remexer cunha culler de pao, ata que se mesturen ben, e deixar levedar dúas horas, nun lugar sen correntes e tapado con un film ou con un trapo. Coller as porcións que se queiran e como se queiran coas mans enfariñadas. Poñelo na bandexa de forno, con papel de fornear. Facerlle uns cortes na parte superior. Metelo no forno prequentado a 180º cun recipiente con auga no fondo do forno e a esperar 50-60 minutos (supoño que se poderá poñer a máis temperatura, pero téñolle medo ó meu forno porque cando lle poño máis temperatura queimase por fora e está cru por dentro).
Notas: A pesar de ser tan precisos coas medidas non todas coinciden das receitas atopadas na rede. Eu mesma non fun precisa, puxen auga de máis e non pasou nada, saíu un pan estupendo.
Poño dous videos para facer este pan, un en español e outro en inglés (éste último é dos iniciadores desta receita)












viernes, 21 de agosto de 2009

GALLETAS DE MAZÁ E CIROLA

O nome de cirolas resúltame un pouco, cando menos, chocante, pero é así, disque. É unha palabra que, normalmente, empregamos con outra connotación. Eu son galego-falante e defensora da nosa lingua, pero non me molestan os castelanismos que xa temos tan enquistados. O feito de empregar termos en galego normativo pode producir que ninguén o entenda ou que pareza un tanto ridículo. Pero sempre hai pedantes que en lugar de fixarse nas receitas critican algún castelanismo. Que se lle vai facer hai xente para todo.
Este non pretende ser un blogue para lingüistas senon, en primeiro lugar para min e despois para quen lle poida servir de algo, como a min me serven outros. Pero hai xente que de forma reiterada lle gusta menosvalorar ós demais e aproveita calquera ocasión para facelo.
Mellor será endulzarse cunhas galletas e non permitir que nos amarguen a vida.
Ingredientes
125 grs de manteiga
6 culleradas sopeiras de azucre morena
6 culleradas sopeiras de azucre branca
1 ovo
1 cullerada de sobremesa de esencia de vainilla
3 tazas de fariña (de té)
1 culleradiña de bicarbonato sódico
2 culleradiñas de levadora royal
15 cirolas de California
1 mazá


Preparación
1º Trocéase a manteiga e métese nun bol a temperatura ambiente durante unha hora.
2º Engádeselle o azucre. Mestúrase ben co batedor (eu fíxeno coas coitelas).
3º Cando se forme unha masa homoxénea engádeselle o ovo previamente batido e mesturado coa culleradiña de vainilla. Intégrase ben.
4º Incorporar, pouco a pouco, e tamizándoa, a fariña, a levadura e o bicarbonato sódico. Isto xa o fixen con unha espátula de silicona (unha lingua).
5º Trocear as cirolas en anacos pequechos, máis ou menos do tamaño de pasas.
6º Picar finiña a mazá (fíxeno na picadora). Poñerlle unha culleradiña de azucre e unha puntiña da culler de canela e introducila 30 segundos no micro, para que abrande un pouco.
7º Por último, engadir as cirolas e a mazá, integrándoas ben co conxunto da masa.
8º Esténdese a masa, nunha bandexa, en forma de rectángulo dun cm de grosor e introdúcese na neveira arredor dunha hora, para poder manexala mellor.
9º Cortar rectángulos e ir introducíndoos nunha bandexa de forno cuberta con papel de fornear. Deben estar separados.
10º Metémolas no forno prequentado a 160º arredor duns 20 minutos. Colocadas na rañura do medio para arriba.
Notas: Xa da última vez que fixen galletas dixen que debería probar con máis fariña e non o fixen. Teño que ter isto en conta.
A mazá case non se lle nota, poderíanselle engadir dúas.








jueves, 20 de agosto de 2009

TORTA DE CALABACÍN

Como xa dixen na entrada anterior fixen cantidades industriais da mestura para as albóndegas de calabacín. Chegou un momento no que me fartei de facer boliñas, ademais non cabían máis na pota coa salsa de tomate. Entón puxen unha tixola ó lume cun pouco aceite e introducín alí toda a mestura, que quedaba, aplastándoa para facer unha torta (ou tortilla). Deixei que se dourara por un lado e deille a volta coma á tortilla. Quedou unha torta deliciosa, case diría que máis cás propias albóndegas, con ser todo da mesma masa.
Pensei que esta podía ser outra alternativa para outra ocasión, incluso facendo tortiñas pequenas, tamaño hamburguesas.
Nun principio optei polas albóndegas, por facer salsa de tomate e poder conxugar as dúas cousas, aínda que logo de facer a torta cheguei á conclusión de que podía ter feito a salsa de tomate para mesturar co espaguete e as tortiñas. Quedará para outra ocasión, será por calabacíns e tomates.


















ALBÓNDEGAS DE CALABACÍN CON SALSA DE TOMATE

Non sei moi ben como bautizalas porque redondiñas non quedaron, pero a intención era esa. O que pasou foi que non tiven o tempo necesario para poder facelas con calma. Ademais saíronme cantidades industriais. As cantidades que menciono dan para seis racións ben completas, a fartar. Ultimamente as comidas que fago todas son de verduras, hai que agudizar o inxenio cando as hortalizas invaden a cociña. Debemos considerar que estamos falando de produtos naturais, totalmente ecolóxicos, cultivados polo meu pai e que da moita pena que se estraguen ou tiralos. Grazas a isto estou elaborando un receitario moi interesante. Ademais a pesar de que poida parecer que estou cociñando sempre o mesmo, sorprendentemente os sabores son distintos, á par que exquisitos. Poder cociñar as verduras e hortalizas dun xeito distinto para min está sendo todo un reto moi gratificante.


Ingredientes
1,5 kg de calabacín
1 cenoria
1 cebola
2 dentes de allo
A miga de pan que cabe nun vaso, remollada con leite.
4 culleradas, ben cheas, de fariña
4 culleradas de pan rilado
3 ovos
sal
5 culleradas de aceite e un pouco máis para fritir as albóndegas
Preparación
- Facemos un sofrito coa cebola e o allo en tres culleradas de aceite. Cando vaian dourando engadimos a cenoria. Todo ben picadiño. Deixamos que se vaia facendo.
- Podemos engadir o calabacín e deixar que se vaia abrandando (coa tapa posta), pero eu o que fixen foi metelo no micro con dúas culleradas de aceite e unha culleradiña de sal. Necesitou arredor de media hora. Cando está brando e xa o podemos machucar cun garfo engadímolo ó sofrito. Neste paso foi onde non tiven o tempo suficiente, pois o calabacín ó cociñalo solta moita auga, polo tanto, débese escorrer nun coador apertándoo ben contra as paredes para que solte toda a auga, para isto é necesario que estea escorrendo durante un tempo, polo menos unha hora. Así pois, esto deberíase facer con tempo e deixalo ata que escorrese ben.
- Engadimos o resto dos ingredientes, a fariña, o pan rilado, os ovos batidos, o pan remollado no leite e o xamón cocido picadiño moi fino. Mesturamos ben tódolos ingredientes. A fariña e o pan rilado son para secar a mestura, por iso a min me levou tanto, se estivese máis seco non necesitaría tanto. Aínda así me quedou moi brandiño e difícil de manexar, por iso non saíron redondiñas. Tamén creo que con dous ovos podería se suficiente.
- Facemos boliñas e poñémolas a fritir, cando se vaian dourando introducímolas na salsa de tomate que xa temos feita ou da comprada, pero sempre sería mellor da feita na casa. Temos a salsa de tomate quentiña (fíxena seguindo a receita de salsa de tomate caseira, ademais no sofrito engadinlle cenoria e allo-porro. Os tomates podían ser tranquilamente quilo e medio).
- Témolas na salsa arredor de 15 min.
- Serviuse con espaguetes e teño que dicir que estaban deliciosas.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...