Agora que xa pasou o furor do roscón de reis e que todo o mundo ten nos blogues comidiñas depurativas, veño eu, a destempo, co roscón. Para facer esta entrada empreguei varios días fun por tandas porque se me facía pesado e a quen o lea tamén, pero queda aí, que a min vaime ser útil.
Esta vai ser unha entrada larga, tediosa diría eu. Pero necesito ter anotado todo o proceso dos roscóns e os novos experimentos porque logo, como habitualmente me pasa, non me acordo e dígome... por que non o apuntaría?
Fixen roscón tres días (bueno aínda estou no proceso do 3º). O primeiro foi para regalar e empecei á mañá e rematei pola noite, fixen unha masa metendo ingredientes según o meu criterio, rexíndome polos principios básicos da masa brioche. A min este tipo de doces gústanme brandos e esponxados polo tanto quero facer unha masa similar á do brioche. Estas de masas (as que levedan) parécenme todas iguais, os principios son os mesmos, leo e leo e todo é o mesmo, o único que as diferencia é que algunhas levan masa nai e outras non. A miña intención era facela con masa nai, pero chegado o día xa non me daba tempo , así que procedín do xeito que mellor entendín. O roncón nº 1 non sei como sairía porque non o puiden probar, aínda que fixen un pequeniño para min, para poder probalo, e estaba moi rico e esponxado, pero bueno en grande nin idea.
O segundo case foi o mesmo procedemento, so engadín algún ingrediente. O resultado foi impresionante, estaba riquísimo. Saíron dous, un máis grande cá o outro e ó pequeno recheámolo de nata
O último, estou en proceso de..., con masa nai, tiña que probar, e cando se me mete algo na cabeza...
O que si fixen con estas masas, que non fixera antes, foi amasalas golpeándoas, sempre as amaso moito, pero esta vez ademais golpeeinas moito, algo parecido ó procedemento do amasado a man do pan francés, pódese ver o vídeo (aínda que a min non me sae con tanta soltura, algún día ó mellor), non o fixen as 600 veces, pero algo máis de 20 minutos durou o amasado. Creo que iso lle vale moito ás masas porque coller moito aire e quedan moi elásticas.
A época do ano inflúe tanto nos levedados, agora son lentos, lentos. No segundo levedado (cando xa están formados os roscóns) púxenos co forno encendido ( a 30º) porque senón non chegaba, tiña para todo o día esperando. O 2º dos roscóns empeceino o día 5 pola noite para poder telo fresquiño o 6. Normalmente cando fago as masas pola noite, para logo traballalo pola mañá, sempre as deixo na neveira, pero esta vez deixeina a temperatura ambiente e o resultado foi moi bo.
Estou enviciada con esto das masas, encántame manipulalas, amasar, amasar, golpear e liberar enerxía, é toda unha terapia, para min polo menos.
O roscón que fixen o primeiro día é o mesmo ca este que describo, só que un pouco de menos cantidade e non empreguei tódolos ingredientes (non lle puxen mel, nin raiadura de limón, nin o zume de laranxa, do resto son iguais)
Ingredientes
550 grs de fariña de forza (pode facer falta algo máis)
3 ovos + 1 para pintar
100 grs de azucre
A raiadura de dúas laranxas
150 ml de leite
2 sobres de levadura de panadeiro en po (da marca maizena)
100 grs de manteiga
A raiadura dun limón
1 culleradiña de esencia de limón
1 cullerada de auga de azahar
1 cullerada de zume de laranxa
1 cullerada de esencia de vainilla
1 cullerada de mel
1 culleradiña de sal
Decoración
A raiadura de 2 laranxas,
50grs de azucre
Un chorro de zume de laranxa
Améndoa picada
Elaboración
-Sacar a manteiga da neveira, troceala e deixala a temperatura ambiente mentres se vai facendo o resto (nesta época do ano métoa 10 sg no micro)
- Bater os ovos e mesturarlle as esencias e o zume de laranxa
- Amornar o leite (quítalle o frío de neveira, 15 sg no micro) e desfacer nel a cullerada de mel.
- Tamizar a fariña e agregarlle, a levadura, o azucre, o sal, as raiaduras de limón e de laranxa, os ovos batidos coas esencias e o leite morno con mel. Mesturar todo ata conseguir una masa homoxénea que non se pegue ás mans nin ao conco. Empecei mesturando coa culler de pao e rematei coas mans. Se non chega a fariña inicial engadiráselle máis. Finalmente engadimos a manteiga a temperatura ambiente e integrámola ben. Custa un pouco, pero hai que ter paciencia, acaba integrándose (cando digo paciencia é paciencia, porque toda a manteiga se desparrama e a masa desfaise, parece que nunca vas conseguir xuntar aquilo, poden dar intencións de tirar todo ó lixo, pero non, hai que continuar porque ó final xúntase todo, prometido). Este proceso fíxeno coas mans. O final queda unha masa brandiña, parece coma pegañenta, pero non o é, despégase perfectamente da superficie de traballo e das mans. Nesta parte do amasado foi cando procedín a darlle os golpes. Todo este proceso pode durar 30minutos.
- Normalmente o que fago é envolvela masa en película de cociña (film) e introducila na neveira toda a noite, pero neste caso púxena nun bol cuberta con papel film e deixeina toda a noite a temperatura ambiente.
- Quitámoslle o aire á masa traballándoa un pouco, pode que necesitemos enfariñar un pouco as mans, e formamos os roscóns, facendo unha bola á cal lle introducimos a man polo centro para facerlle un burato. Imos deslizado a masa polas máns. O burato en principio ten que ser moi grande porque ó medrar xa encolle. Eu fixen dous roscóns, un máis pequeno có outro porque me apetecía rechealo.
Poñemos os roscóns encima da placa de forno cuberta co papel de fronear e introducímolo no forno a esperar que medre, podemos esperar de forma natural unhas dúas ou tres horas ou podemos apurar o fermentado tendo o forno un pouco morno, a uns 30º. A min apetecíame que medraran de forma natural, pero en vista da lentitude metinos na incubadora (o forno a 30º). Tívenos alí case 2 horas
- Unha vez levedados pintámolos con ovo batido e decorámolos a gusto, o normal é con froitas escarchadas e azucre, pero no meu caso non lle puxen froitas, unha porque non tiña (só tiña unhas poucas que me sobraron do panettone e ademais eran das brancas) e outra porque non toleo por elas. Entón púxenlle o azucre e unha pouca améndoa picada.
- Metémolo no forno prequentado a 170º durante 25 minutos. Púxeno na penúltima ranura de arriba porque sempre se me tosta bastante polo fondo e non me gusta. Ös 10 minutos cubrino con papel de prata para que non se queimase por arriba. O papel de prata poderíallo poñer un pouco antes porque quedaron bastante moreniños aínda que non queimados. Por debaixo tamén teñen unha cor dourada, pero non tanto cando poño a bandexa na ranura central. Sigo co dilema do forno, agora optei polo 170º porque con 160º eternízase. Deste xeito nunca acabo de controlar ben os tempos, non nos acabamos de adaptar, éche o que ten a convivencia...
- Para a preparación do azucre remollado encántame o resultado do azucre aromatizado con raidura de laranxa e logo mollalo con zume, en lugar de con auga. Primeiro raio a laranxa encima do azucre e mestúroos coa xema dos dedos. O azucre toma un color laranxa. Logo deixo caer un chorro de zume de laranxa e así xa quedou humedecido. O resultado é impresionante, dálle moito sabor ó azucre e é moi agradable cando se come.
Este foi o resultado de rechear o máis pequeno (as fotos son de noite e con flash). Estaba riquísimo coa frescura da nata.