E vai de pan...
Vinlle este pan a
Lola de Chez Dashita e outro día fixo a mesma masa, aínda que con outra presentación,
Onega de Magia en mi cocina. As dúas o copiaron do libro “Panes” de Richard Bertinet, teño que comprar ese libro. Ámbolos dous blogues téñenme totalmente enganchada e fascinada, fan auténticas delicias.
Ademais Onega facilítanos a dirección dun vídeo do autor coa forma de amasado e como darlle forma ós pans. Encantoume o
vídeo e paréceme moi útil. Grazas Onega, non o perderei de vista.
Cando era pequena miña nai preparábame uns bocatas con un pan parecido a este con xamón cocido, moito me gustaba. Hoxe cando os saquei do forno tiven que ir comprar o xamón cocido e trasladeime á nenez por un instante.
Ingredientes:
250 gr. de leite enteiro morno (como non teño leite enteiro, puxen metade de leite desnatado e a outra metade de nata)
15 gr. de fermento fresco ou 3 gr de levadura seca en po.
500 gr. de fariña de forza
60 gr. de manteiga a temperatura ambiente
40 gr. de azucre
10 gr. de sal
2 ovos e outro para pincelar
Elaboración- Sacar a manteiga con tempo para que se vaia abrandando un pouco.
- Xuntar a levadura coa fariña, se fose fresca habería que fregala fariña co fermento coa axuda das xemas dos dedos coma se estivese preparando unhas faragullas.
- Cortar a manteiga en anaquiños e fregala tamén coa fariña ata que estea ben integrada.
- Quentar un pouco o leite no micro, só a temperatura corporal.
- Engadir o azucre e o sal e mesturar. Logo engadir os ovos batidos e o leite. Soster o conco cunha man mentres lle dá a volta e mesturar os ingredientes coa outra (pódese usar unha rasqueta para mesturar, pero eu non teño) durante 2-3 minutos, ata que a masa comece a formarse.
- Pasamos a masa á superficie de traballo, sen fariña nin nada. Está pegañenta, pero é perfectamente manexable ( a miña non era tan pegañenta como se ve no vídeo, pero creo que foi porque a traballei máis no recipiente)

- Traballei a masa tal como di no
vídeo. Cando rematei suaba a chorro.
- Quedará unha masa homoxénea e manexable.
- Enfariñar lixeiramente a superficie de traballo, colocar a masa encima e formar con ela unha bóla, levando os extremos cara ao centro da masa, presionar ben cara abaixo co polgar e ir rotando a bóla a medida que se traballa. Dar a volta á bóla, estirar e esconder os bordos cara abaixo.
- Seguidamente depositar a bóla de masa no interior dun recipiente lixeiramente enfariñado, cubrir cun pano de cociña e deixar repousar nun lugar ao resgardo de correntes de aire (dentro do forno apagado, por exemplo), ata que dobre o seu volume (unhas 2 horas).

- Unha vez repouse a masa, envorcala sobre a superficie de traballo con suavidade.
- Desgasificar a masa, presionando a masa cara abaixo.
- Cortala masa nos anacos que se queira, depende de como se queiran os pans. Eu fixen 10 e completos.
- Darlle forma: Aplanar cada anaco formando un rectángulo. Dobrar a metade da masa cara ao centro presionando cos dedos. Dobrar o outro lado cara ao bordo presionando tamén cos dedos, formando unha especie de rulo. Volver a aplanar e dobrar pola metade lonxitudinalmente e deixar o pregue pola parte de abaixo.
- Pódenselle facer cortes ou non, eu fíxenllos a uns e a outros non, quedaron máis bonitiños os dos cortes.
- Deixar repousar por segunda vez ata que volva dobrar o volume (outras dúas horas).
- Pincelar con ovo batido, se se quere.
- Meter no forno prequecido a 180º. Cando os metín dentro baixeino a 170º. Estiveron 20 minutos. Os últimos cinco minutos con papel de prata por encima para que non se tostar de máis. Pode alguén crer que o meu forno non ten a opción de só abaixo?
- Quedan deliciosos, tenros, esponxados. Ideais para unha merenda ou un almorzo. Penso que son ideais para as merendas dos nenos, seguro que ningún rechista con este delicioso pan.
Ademais é máis nutritivo que o pan común.