Proba superada. Esta era outra das miñas asignaturas pendentes. Non me atrevía porque miña nai intentouno dúas ou tres veces e sempre lle rompeu, polo tanto, eu xa me fixen á idea de que non me ía saír, xa que miña nai é moi habilidosa, se ela non é capaz eu menos.
É un doce moi bo de facer, pero é curioso a cantidade de dúbidas e dificultades que xorden cada vez que fas algo por 1ª vez e non lle podes preguntar a ninguén se fixeches o correcto. Algunhas cousas falas por intuición ou porque a ti che parece que ten que ser así, pero pode ser que haxa algún truco que che facilitara o traballo. Nas receitas que les por aí só aparecen as fotos moi bonitas, pero só me xurdiron a min esas dificultades? Ninguén conta as peripecias. Eu vou contar as miñas e agradecería, se hai alguén por aí que xa pasara pola experiencia ou que saiba cal é a forma correcta, que me dixeran como debo facer.


Biscoito
Ingredientes
100 gr. de fariña.
Un chisco de sal.
2 ovos
Outros 2 ovos, dos que se separarán as xemas das claras
110 gr. de azucre lustre (po) (80 gr. para montar as xemas-ovos e 30 gr. para montar as claras)
Realización
- Cun batedor eléctrico de varillas, montamos as claras a punto de neve con 30 gr. de azucre po, que verteremos aos poucos cando a claras estean a medio montar. Reservamos.
- Nun bol grande montamos as xemas cos ovos e 80 gr. de azucre po, batendo cun batedor eléctrico ata que queden perfectamente montadas, moi pálidas, case brancas e aireadas.
- Engadimos as claras montadas aos ovos/xemas montadas, ao principio unha pequena cantidade e despois o resto de modo coidadoso e envolvente, partindo do centro e de abaixo cara arriba.
- Para rematar, incorporamos a fariña en forma de choiva (tamizándoa) e mesturando coidadosamente, de modo envolvente, como anteriormente, coa mesma espátula.
- Estendemos a masa sobre a bandexa cuberta con papel de forno, alisando lixeiramente a superficie, é bastante difícil estender a masa, ademais que te preguntas se será igual de gorda por todo, leva o seu tempo estendela de forma uniforme e por toda a bandexa. Metemos no forno prequentado a 180º durante 15 minutos (depende do forno), ata que pareza que empece a tostarse polos bordos e, sobre todo, ao pulsar co dedo recupere a súa posición orixinal. Retiramos do forno.
- Cubrír o biscoito con papel de forno, previamente pincelado con auga, ata o momento de rechear. Así foi moi sinxelo envolvelo.
- Se non o imos a usar de inmediato reservarémolo cuberto dese papel en todo momento.

Crema pasteleira
Ingredientes
Dúas xemas
3 culleradas de azucre
3 culleradas de maicena
300 ml de leite
Realización
Quentar o leite (se non ferve non pasa nada). Sempre o fago no micro.
Mesturar nun cazo as xemas, o azucre, a maicena e un pouco de leite fría. Remexer ben ata que se mesture todo sen grumos.
Poñer a mestura ao lume, non moi forte (medio alto) e engadirlle inmediatamente o leite. Non todo, a metade. Remexer cunhas varillas ata que vaia espesando. Subirlle a temperatura, pero nunca ao máximo. Cando vaia espesando xa se ve a necesidade de engadirlle máis leite ata conseguir o espesor desexado. Ten que quedar espesiña. Deixámola enfriar un pouco porque así estará máis consistente e traballaremos mellor con ela. Para que non colla costra cubrirémola con film (esto aprendino nas miñas excursións bloguerís, pero non sei onde. Podo confirmar que é certo)
Almíbar para mollar o biscoito
Ingredientes
200 ml. de auga.
100 gr. de azucre.
Un chorriño de ron
Realización
- Fervemos a auga co azucre sen remexer, ata que burbullee e o azucre estea totalmente disolto. Retiramos do lume e vertemos o ron (ou licor). Se non o imos a usar de inmediato pode conservarse no frigorífico.
Para que non se seque, empaparemos o biscoito xusto antes de enrolalo e aplicar o recheo.
Cobertura de chocolate
Ingredientes
200 ml de nata líquida (ao 35% MG)
150 gr. de chocolate de cobertura
1 culleradiña de mel (opcional) (disque da mellor cortar)
25 grs de manteiga
Realización
- Derretemos o chocolate no micro
- Vertemos a nata nun cazo que poida ir ao lume, engadimos o mel, se a usamos, e fervémola. Cando ferva retirámola do lume e engadimos o chocolate e a manteiga. Remexemos cunha espátula de silicona en movementos circulares e desde o centro ata que se incorporetotalmente e forme unha cobertura homoxénea e sen grumos.
A min non me quedou de todo ben, quedoume con grumos, como se o chocolate solidificara. Xa a teño feito outras veces e non me pasou, pero fixen ó revés incorporei a nata ó chocolate. Na receita orixinal non derrete o chocolate no micro, córtao finiño co coitelo, pero eu pensei que así aínda se me ía desfacer menos. Non sei que fallou (aínda que logo ó callar non se notaba). Na receita orixinal tampouco inclúe a manteiga, pero decidín poñerlla porque así lle daba máis brillo.
Montaxe
Aquí empeza o lío e as dúbidas de se fixen o correcto ou non
- Retiramos o papel humedecido que cobre o biscoito, mollámolo co almíbar e cubrímolo coa crema pasteleira, de tal xeito que non chegue ós bordos. Aquí hai que ter coidado, débese arrimar menos ó bordo no que se vai rematar a envoltura porque senón sairase, esto pasoume e saíuse un pouco, debería prevelo, pero non o fixen e a medida que ía enrolando a crema vai avanzando . Enroscámolo con coidado.
Outra dúbida: Por que lado se enrosca? Polo máis ancho ou polo máis estreito. decicín facelo polo máis ancho, pola parte longa, así queda un tronco máis alongado, se o fixera ó outro xeito tería máis voltas, creo que tomei a decisión acertada.
- Mentres preparei a cobertura envolvín o tronco en filme e metino na neveira.
- Para min o peor foi o proceso de cubrir o tronco co chocolate, non por difícil, que non o foi, senón por se o procedemento non foi o axeitado. Teño as miñas dúbidas de que o fixera ben. Coloquei a grella do forno encima dun molde de cristal, cadrado e fondo (de 22x30), cuberto con papel de forno. Coloquei encima da grella o tronco e vertín a cobertura de chocolate por encima, que estaba bastante líquida. Quedou perfectamente cuberta, pero a cantidade de chocolate que quedou no papel, que se fai con el? Paréceme demasiado derroche tirar con todo ese chocolate. se fixera menos non estaría holgada para ir repartíndoo por todo. Logo retireino do papel cunha culler e metino nun bote para outra vez, tentei aproveitalo.
Aquí está a mostra de cómo apliquei a cobertura- Déixase que arrefríe un pouco (metino na neveira uns 15 minutos) e pódese decorar cun garfo facendo pequenas incisións, debuxando pequenas ondas. Metémolo na neveira para que a cobertura se endureza.
- Outra dificultade que me xurdiu foi cómo manexalo. Como o pasamos da grella a unha bandexa de servir? Non se desparramará todo e adeus a todo o traballo feito? Eu manexeino con dúas espátulas colléndoo con coidado por debaixo e non pasou nada.
A fonte de inspiración foi i-recetas, aínda que non foi un en concreto, collín de varios.
