jueves, 31 de diciembre de 2009

TORTA MOUSSE DE LARANXA

Dáme por facer doces con laranxa porque na casa hai un laranxeiro cargadiño e é unha pena non aproveitar as laranxas ecolóxicas e riquísimas.
É a mesma receita que a torta mousse de limón só que cambiando o limón pola laranxa. Non sabía que cobertura poñerlle e decidín facer un experimento con zume de laranxa e xelatina, a verdade é que foi un bo experimento, o resultado é magnífico.
Nestes días de tanta festa e de tanto comer sempre dicimos que nos apetece unha sobremesa fresca e lixeira, enseguida pensamos nunha mousse deste estilo, pero de lixeira ten pouco, non nos enganemos. Estamos de acordo en que é máis fresca e menos empalagosa se cabe, pero lixeira, non. So con mirar a cantidade de nata que leva xa temos que cambiar de opinión, pero bueno autoconvencémonos e enchemos máis o bandullo.
Realmente quedou rica porque ademais non leva demasiado azucre e cómese ben, o malo e cando se remata.

Como se pode prever esta vai ser a sobremesa de fin de ano. Chegou o momento de facer balance e poñerse as pilas para o novo ano. Sempre que remata un ano é coma se rematara unha etapa e facémonos moitos propósitos para o vindeiro ano. Pero..., pensemos un momento, non é mañán? Igual que hoxe foi o mañán de onte e non nos fixemos ningún propósito, só era mañán. As cousas van seguir igual ca onte e pode que algún cambio chegue en agosto ou en marzo, ou chegou antonte. As dietas de xaneiro non dan resultado, nin deixar de fumar, nin apuntarse ó ximnasio, é o mesmo facelo en xaneiro que en marzo. Se pensamos o contrario estámonos enganando a nós mesmos.

Así que a empezar cada novo día como se fose un novo ano e que todo o que queremos o día 31 de decembro tamén o queiramos o 24 de marzo, ou e 6 de maio ou o 19 de setembro.

FELIZ ANO 2010 PARA TODOS AQUELES E AQUELAS QUE ADICAN UN MOMENTO A ESTE HUMILDE BLOGUE!!!!

MOITAS GRAZAS POR TODAS AS VOSAS VISITAS E COMENTARIOS QUE ME DAN ALEGRÍA E EMOCIÓN!!!!

Cando empecei con este blogue, aló polo mes de xullo, non tiña ningunha pretensión, nin sigo téndoa, pero o menos que me imaxinei foi que a estas alturas tivera algo máis de 10.000 visitas e 74 seguidores. Un blogue en galego con receitas de andar por casa, que o que realmente estou facendo é aprendendo e experimentando. Empecei por ter as receitas todas xuntas e porque me daban envidia algúns blogues que vía por aí. Aínda que non lle chego nin a sola do zapato, síntome moi ben formando parte deste mundiño onde tiven a sorte de coñecer, aínda que sexa de xeito blogueril, a un montón de xente fantástica. Este blogue dame alegrías cada día cando vexo que alguén lle adicou un momentiño do seu tempo a facer un comentario ou simplemete a ollar algunha receita. Moitas,moitas grazas.


Ingredientes
Para a base de biscoito
2 ovos
2 culleradas de azucre
1 ½ culleradas de fariña
½ cullerada de cacao puro
Para o almíbar
200 ml de líquido (zume de laranxa e contreau, 100 de cada)
3 culleradas de azucre
Para a mousse de laranxa
1/2 litro de nata
4 ovos
6 culleradas de azucre
7 follas de xelatina
200 ml de zume de laranxa (esto vai un pouco a gusto)
A raiadura da pel de dúas laraxas
Para a cobertura de laranxa
250 ml de zume de laranxa
6 culleradas de azucre
3 follas de xelatina


Elaboración
Da base de biscoito

- Prequentar o forno a 180º.
- Separar as xemas e as claras dos ovos
- Bater as xemas co azucre ata que blanqueen (axudados das varillas dun batedor é máis fácil)
- Bater as claras a punto de neve forte
- Mesturar as claras e as xemas con coidado (con movementos envolventes)
- Incorporar a fariña e o cacao en forma de chuvia, tamizándoa. Con coidado e con movementos envolventes.
- Engraxar e enfariñar ou cubrir o fondo con papel de fornear, dun molde desmontable. Esta masa non estende ben, polo que debemos estendela axudándonos dunha espátula ou lingua, tamén damos uns golpiños contra algunha superficie para que quede mellor estendida por todo o fondo do molde.
- Introducir no forno 10 minutos.
- Cando estaea frío mollámolo co almíbar
Do almíbar
- Poñemos nun cazo a quentar tódolos ingredientes durante 3 minutos.
- Remollamos a base de biscoito

Da mousse de laranxa
- Batemos as 4 claras a punto de neve forte e engadímoslle 2 culleradas de azucre.
- Batemos a nata e engadímoslle 2 culleradas de azucre
- Poñemos a remollar a xelatina en auga fría 5 minutos.
- Batemos as xemas coas 2 culleradas de azucre que quedan ata que blanqueen.
- Quentamos o zume de laranxa e disolvemos nel a xelatina, xa escorrida.
- Mesturamos o zume-xelatina coas xemas e mesturamos ben (o zume non debe estar moi quente).
- Integramos ben todo: primeiro integramos a nata e logo engadimos as claras, todo con movementos envolventes e suaves de abaixo arriba. É mellor ir incorporando estes dous últimos ingredientes en pequenas tandas para que se integren ben uns cos outros.
- Incorporamos a mestura encima da base de biscoito nun molde desmontable.
- Metémola na neveira, mellor toda a noite.


Da cobertura de laranxa
- Quentamos nun cazo o zume de laranxa co azucre. Deixámolo uns 15 minutos a calor medio e burbulleando. Ímoslle quitando a escuma que se lle vai fomando. Apátase do calor e cólase para que quede máis limpo.
- Poñemos a remollar a xelatina durante 5 minutos en auga fría. Escórrese e incorpórase ó zume quente, pero non fervendo. Remexemos e integramos ben o conxunto. Deixamos que amorne e cando así sexa poñémolo por encima da mousse.
- Eu rilei unha pouca tona de laranxa e engadinlla ó conxunto de zume e xelatina.
- Deixamos na neveira ata que a xelatina de laranxa calle.














No blogue de Pami, Uno de dos hai unha torta parecida, pero ben feita, canto teño que aprender!! ou iso non se aprende? Algunha xente ten maxia nas mans.

lunes, 28 de diciembre de 2009

POLVORÓNS SURTIDOS (limón, canela, coco e vainilla)

Pensei que as vacacións de Nadal ían ser máis produtivas, pero enganeime. Estou pouco pola casa e o que fago lévoo correndo e non me da tempo nin a quitarlle fotos. Estes polvoróns pensei que tampouco os ía publicar, decepcionáronme moito cando os saquei do forno, a penas lles tocaba xa lles quedaba o sinal. Pensei que estaban crus, que o fixera mal, pero non, é así haille que esperar o seu tempo.
A verdade é que ultimamente todo me sae mal, todo moi desastroso con bastantes percances, polo que pensei que os polvoróns non ían ser unha excepción.
Levo unha tempada, xa moi longa, que todo me da moita pereza, pero dun xeito esaxerado. O astío e a apatía apoderáronse do meu corpo e polo que vexo quédanse a vivir. Débolle de estar facendo boa vida porque creo que están engordando e apoderándose de todo o meu ser. Non sei como botalos. A verdade é que non me gusta nada convivir con eles, pero así e todo sigo alimentándoos e deben estar facendo familia porque a cousa vai en aumento.
Escribir esta entrada custoume moitísimo, antes facíame ilusión publicar, pero agora xa me resulta tedioso. Que será o que faga eu con ganas e con ilusión? Pois nada. Bueno, si, comer, iso fágoo estupendamente, e cunhas ganas...
Todo o deixo para mañá e ás veces mañá é tarde. Agobiame todo, ata quedar coas amigas, resultame como un gran esforzo. Só quero estar na casa e facer o que me vaia pedindo o corpo, que ás veces non pide nada. Puffff!!!!! Non podo máis, xa non quero escribir máis...


Ingredientes
(Primeiro vou poñer todos os ingredientes que necesitei e logo especifico por cada sabor)
600grs de fariña
320 grs de manteiga de porco
320 grs de azucre glass
100 grs de améndoa moída
1 cullerada, das de sobremesa, de esencia de limón.
1 culleradiña, das de café, de canela
1 cullerada e media de coco.
1 cullerada de esencia de vainilla
2 culleradas, das de sobremesa, de azucre vainilla.

Ingredientes para cada sabor
Ingredientes base (que están en tódolos sabores)
150 grs de fariña
80 grs de manteiga de porco
80 grs de azucre glass
25 grs de améndoa moída.
O que necesitamos para os diferentes sabores:
Se queremos que sexan de limón: 1 cullerada, das de sobremesa, de esencia de limón.
Se queremos que sexan de canela: 1 culleradiña, das de café, de canela
Se queremos que sexan de coco: 1 cullerada e media de coco.
Se queremos que sexan de vainilla: 1 cullerada de esencia de vainilla e 2 culleradas, das de sobremesa, de azucre vainilla (podemos poñer un pouco menos do outro).





Elaboración
- Primeiro temos que tostar a fariña. Eu puxen a fariña en dúas tandas de 300 grs, mesturada con 50 grs de améndoa moída. Esténdese na placa de forno e métese no forno prequentado a 160º uns 15-20 minutos. Estará tostada cada adquira un lixeiro color amarelento e vaia perdendo a humidade, esto é que queda máis dura. Débese mover de vez en cando para que toste por todos lados igual. Esto é mellor facelo o día antes e deixala enfriar ben.
- Eu fixen as catro masas por separado, engadindo en cada caso o ingrediente correspondente. O procedemento é sempre o mesmo.
- Nun recipiente poñemos 150 grs de fariña tostada mesturada coa améndoa, tamizada (a fariña ó tostarse diminúe un pouco, porque senón entre a fariña e a améndoa serían 175 grs, pero deume exactamente para catro tandas de 150 grs cada unha. A fariña unha vez tostada púxena toda xunta e ía pesándoa a medida que a necesitaba)
- Engadimos os 80 grs de azucre glass e de manteiga de porco a temperatura ambiente. E tamén engadimos o ingrediente que corresponda según o sabor que queiramos, a esncia de limón, a canela, a vainilla ou o coco.
- Mesturamos ben todo e facemos unha masa homoxénea. Podemos metela un pouco na neveira para que se endureza un pouco, pero pódese manexar perfectamente.
- Podemos estirar a masa e cortar con un corta pastas da forma que queiramos ou coller porcións, facer unha bola, aplastala coa man e logo cortar dando forma. Eu optei por esta última.
- Depositamos cada polvorón na bandexa de forno cuberta con papel de fornear e metémolos no forno prequentado a 170º durante 20-25 minutos (esto depende de cada forno).
- Sacámolos e deixámolos enfriar. Os polvoróns non deben consumirse, nin manipularse moito ata o día seguinte porque tardan moito en adquirir a textura de polvorón. Ó principio están moi brandos, case coma a masa crúa. Se lle rozas desfanse e quédalle o sinal, pero pasado un día están perfectos.
Gardados nunha caixa de metal consérvanse perfectamente durante varios días.
Os que máis me gustaron foron os de limón. A verdade é que dos comprados tamén son os que máis me gustan.

A fonte de inspiración foi: El zurrón de los postres
domingo, 20 de diciembre de 2009

BOCADOS DE LARANXA E CHOCOLATE

Quero empezar esta entrada mandando un bico e unha aperta moi, moi grandes a todas as compañeiras e amigas que me len de vez en cando e de cando en vez, que sei que estades aí!!!!!! Porque mo dicides e sempre recibo moi bos comentarios vosos, aínda que non sexan certos (hehehe, vale, si, son certos) a min encántame oílos e sobre todo poder contribuír ó voso receitario, e moitas grazas, tamén, por todas as vosas ideas e polo que vós contribuídes ó meu. Sodes fantásticas!!!!!!! Teño moita sorte de estar rodeada de xente tan MARABILLOSA!!!!!! Aínda que non volo demostre o suficiente, porque son un pouco sosa e seca, apréciovos un montón e facédesme moita falta. Non vos podedes imaxinar o feliz que me sinto cando me dicides que fixeches algunha das miñas receitas (que non son miñas, son copiadas e tuneadas de outros blogues ou de libros) e que vos gustou. Encántame ser útil, valer para algo e así síntome un pouquiño útil, que aportei algo, aínda que sexa pouco.


O ordenador, arranxado. Funciona que da gusto velo. Grazas a SuperLuís, un compañeiro excepcional, aínda que el non vai ler isto, pois voulle dar as grazas publicamente que o merece. Agora teño que facerlle algún doce, pero teño que esmerarme moito, estou indagando os seus gustos. Dáme moita rabia porque estes favores nunca son pagos, aforroume os cartos do servizo técnico. Alguén pode pensar que teño moito morro, pero eu preferiría que me cobrara o arranxo porque así non sei como pagalo, sempre me parece que quedo en débeda, pero é que confío máis no seu criterio que no de calquera do servizo técnico, sei que non me vai enganar e que me vai dicir a verdade. MOITAS GRAZAS!!!!

Esta receita copieina do blogue “Dulces Bocados”, descubrino fai pouco, pero, mamaíña, un blogue estupendo, cheo de receitas boísimas e unhas fotos chulísimas. Grazas Carmen por ese blogue tan chulo. Parece ser que é a receita das “hojaldrinas”, que todos comemos algunha vez por estas datas. Logo mirando noutros blogues fainas moita xente, pero ela deulle un toque diferente, o baño de chocolate, por iso me chamaron máis a atención. Desde que as vin dixen que as ía facer e non tardei moito. A ela quedáronlle máis chuscas, pero faise o que se pode, o que conta é o sabor (non se consola o que non quere). Están riquísimas, unha receita fácil e moi boa.

Ingredientes
350 grs de fariña
210 grs de manteiga
50 ml de zume de laranxa e contreau (25 de cada). Ela puxo os 50 de Grand Marnier, e noutros poñen os 50 de zume de laranxa.
A raiadura dunha laranxa
75 grs de azucre
Chocolate de cobertura


Realización
- Tamizar a fariña no recipiente no que se vai amasar e logo engadir o resto dos ingredientes, agás o chocolate, claro.
- Amasar ben ata conseguir unha masa homoxénea. Facer unha bola e metela na neveira unha hora.
- Sacala, metela entre dous papeis de forno e estirarala cun rodillo ata obter un grosor de 1,5 cms aproximadamente. Cortar cun coitelo do tamaño desexado.
- Poñelos na placa de forno cuberta con papel de forno, separadiñas.
- Introducir no forno prequentado a 180 durante 20-25 minutos (esto depende de cada forno, primeiro é mellor probar cunhas poucas e así xa se lle colle o punto).
- Logo deben arrefriar nunha grella.
- Derreter o chocolate no micro e cando estean fríos mollalos no chocolate e deixar que calle.
A min saíronme 30, pero non había dúas iguais, nin en tamaño nin en grosor, o do 1,5 cms respecteino pouco, non era capaz de que me quedara o grosor por todo igual!!!! Así diferentes son máis divertidas.




sábado, 19 de diciembre de 2009

CREMA DE LARANXA

(Ou como non se debe facer)
Isto é unha crónica de como non se debe facer unha crema de laranxa. Ou o que é o mesmo, unha crónica dun fracaso absoluto. Pero necesito publicalo porque teño pensado volver a facela e non quero que me pase o mesmo.
A crema viña a conto dunha sobremesa que quero facer para o día de Nadal e así xa me quedaba feita. A ver se aproveito algo.



Ingredientes
250 grs de azucre glass
4 ovos (pena deles)
200 ml de zume de laranxa
A raiadura dunha ou dúas laranxas
120 grs de manteiga.




Preparación
Para a preparación andivenme documentando, pero xa fai tempo, entón recordei que nun blogue que á súa vez se remite a outro daba unha preparación moi sinxela. Claro!!! Como eu de vaga para arriba o que se queira pois alá que me vou. Ámbalas dúas fixérona na Termomix, fantástico aparello, pero á vez din como facelo de forma manual: Poñer tódolos ingredientes nun cazo, a remexer e listo, sempre a lume baixo sen que ferva. Sinxelo, moi sinxelo. Púxenme mans á obra, pero eu non fixen algo ben. Nunca me ferveu, pero debín poñer demasiado calor ó principio porque parte do ovo callouse e tiña certas partículas en suspensión un tanto desagradables. Remexín canto puiden, a lume baixo, eso si, no catro ou tres e medio, e pouco a pouco foi adquirindo textura de crema, pero coas susoditas partículas. Esto teño que salvalo como sexa!!!!! (máis que nada polos ovos). Decidín coalo. A crema resultante era máis fina e máis agradable, pero pareceume que non era moi consistente, que era bastante líquida para o que eu a quería (sempre tendo en conta que ó enfriar espesa).
A seguinte decisión foi desfacer unha cullerada, das de sobremesa, de maizena nun poco zume de laranxa (un dedo). Volvín a crema ó lume e agregueille o zume coa maizena diluída. Remexín enérxicamente. Nunca chegou a ferver, pero si fixo algunha burbulla. Creo que outro erro dentro do remendo que quería facer. Quedou como algo cortada e algunha partícula aínda ten (moi pequena, pero tena)
Metina en dous tarros e ben sabe, pero non ten ese aspecto que teñen algunhas por aí, cremoso e liso. Penso que a pesares de todo se pode aproveitar.
Para a próxima tentarei non ser tan cómoda e facer doutra maneira, en primeiro lugar creo que o mellor xeito é a baño María e logo convénceme máis a proposta de Pepinho de i-recetas e a de Penny de el rincón de la mariposa, que son practicamente iguais. Os ovos ten que estar batidos antes de introducilos á mestura, ademais estes ovos da casa son máis densos que os de granxa e non se desfán facilmente se non se baten antes.
miércoles, 16 de diciembre de 2009

BOLAS ALEMANAS DE NADAL

Pedir disculpas
Sempre estou pedindo perdón, é a miña natureza, non o podo evitar, a culpa está sempre presente en todos os meus actos, teño a culpa de todo, síntome culpable, todo pasa pola miña culpa. Penso que todo o que fago e digno de pedir perdón, que afecta e molesta a alguén. Non vivo para min, vivo para que ós demais non lles falte nada, para que poidan estar ben, pero nunca penso se eu podo estar ben. Sempre me parece que molesto, que son unha pesada, nunca pido favores e se os pido, porque non me queda máis remedio que depender de alguén, por algo que eu soa non podo ou non estou capacitada, sinto un gran peso no meu interior que non sei como quitar, que non sei como pagar, que podo facer eu para pagalo e se non o pago síntome moi mal. Teño que pagalo no momento, non me vale esperar a que o outro necesite algo de min. Ademais o que fago eu non é digno de pagar, o que fago eu non vale nada.
Como di unha amiga miña, neste mundo ten que haber xente para todo e a cada un lle toca o que lle toca.
Pois, este perdón ven a conto de estar ausente estes días. Débese a que o meu ordenador necesitou ser ingresado. Outro favor máis, este porque eu non o podo solucionar, por analfabetismo informático. Pedinlle a un compañeiro se se podía facer algo e estao intentando, pero creo que chegou ó fin dos seus días e que non hai nada que facer. Agora teño un ordenador prestado, outro favor máis, que non sei como vou pagar, nin con que. Debido ó percance do ordenador estiven ausente e nin publiquei, que iso é o de menos, nin comentei como é debido nos blogues amigos.




Dar grazas
Tamén quero dar as GRAZAS a Julycar, a Nytta, a Pami, a Luisa, ós da Cociña Poética , a Marisa e a Nenalinda por pensar en min para facerme partícipe do décimo de lotería que circula por estes magníficos blogues. Só o feito de que pensaran en min xa é unha lotería e das gordas, a min xa me tocou a lotería coñecéndoas a elas e outras máis que circulan neste marabilloso mundo blogueril cociñeiro. Desde logo nunca pensei que a través da rede se puidera coñecer a xente tan fantástica e de que se respirara un ambiente tan agradable, humano e incluso fogareño e familiar. A elas tamén lles quero pedir perdón por non continuar a cadea. Síntome mal por non seguila e tamén me sentiría mal se a seguira. Por non seguila, pois porque non quero que ninguén pense que lle desprezo o ofrecemento, todo o contrario, estou moi agradecida e emocionada por esa mostra de amizade blogueril. E se o sigo tamén me sinto mal porque non participo noutras cadeas de premios e seguir ésta polo feito de ter un premio final non me parece ético pola miña parte. Ademais, creo que lles fago un favor a todos non seguíndoo, porque se eu participo, non toca fixo. Así aínda hai algunha posibilidade.




Unha vez soltado este rollo absurdo, paso coa receita. Esta receita atopeina no blogue “cocinando con amor”. Pareceume perfecta, entre outras cousas porque non leva ovos. Os ovos, para min, son coma un tesouro. Meus pais teñen unha ducia de galiñas por ese valor que lle damos ós ovos. Para nós os ovos non son ovos se non son nosos, se non os collemos nós do galiñeiro e sabemos o que comen as galiñas. Normalmente, todos os doces levan ovos e ultimamente poñen pouco, polo que non quero gastar demasiados.
A gran cantidade de doces que se publican agora mesmo ulen a Nadal. Son tantas, e gustaríame facelas todas, aínda que non vai ser posible, o corpo non poderá resistir tal atracón de calorías. Polo tanto haberá que ir seleccionando. De todos xeitos, téñolle medo ás vacacións de Nadal porque terei demasiado tempo libre para andar fedellando entre cacharros e fariñas.
Cooking love, no seu blogue di que son un doce típico de Nadal en Alemaña e paréceme unha idea estupenda probar receitas doutros países. Canta cultura gratronómica adquirimos nestes blogues.
Teño que dicir que aínda que sexa unha receita de Nadal, creo que vai formar parte do fondo de recetario, están deliciosas e o aroma que desprende a masa cando estás facendo as boliñas dan ganas de comer a masa así crúa xa. DELICIOSAS, grazas pola receita.




Ingredientes
250 grs de manteiga
75* grs de améndoa moída
125* grs de coco
300 grs de fariña
1 cullerada de esencia de vainilla
1 cullerada de azucre vainilla
* Na receita orixinal pon 100 de améndoa e 100 de coco, pero a min só me quedaba 75 de améndoa e púxenlle os 25 grs máis de coco para compensar.



Preparación
- Sacamos e troceamos a manteiga con tempo para que se vaia abrandando.
- Poñemos nun recipiente a fariña, o coco, a améndoa o azucre e a esencia de vainilla.
- Cando vexamos que a manteiga está branda incorporámola os ingredientes secos e mesturamos coas mans ata que se integre ben o conxunto e facemos unha masa manexable.
- Facemos boliñas (a min saíronme 39), máis ben pequenas que imos poñendo nunha bandexa de forno cuberta con papel de fornear e metémolas no forno prequentado, no meu caso a 180º, durante 20 minutos. Isto do forno é orientativo porque cada un débeo adaptar ó seu forno, que cada un ten as súas particularidades. Na receita orixinal di a 200º e 10 minutos. Púxeno na ranura central, pero a medio fornear cambiei a bandexa para a seguinte ranura porque me pareceía que se ían queimar por debaixo.
- Sacámolas boliñas para unha grella mentres arrefrían e espolvorexamos con azucre glass, aínda quentiñas.
- Cando arrefríen metémolas nunha caixa de lata para que se conserven ben durante varios días.



sábado, 5 de diciembre de 2009

PANETTONE (ou algo que se lle parece)

Aquí estou outra vez con outra masiña desas que tanto me gustan. Tiña o do panettone aí presente desde o ano pasado. Pois púxenme a mirar pola rede a lin varios, coma sempre non é un en concreto, leo varios e logo fago un refundido. En principio ía copiar a receita de “El zurrón de los postres”, pero pasoume algo que nunca antes me pasara e non sei a que se debe. Na súa receita desfai a levadura no leite e deixa que fermente un tempo, logo incorpórao cando fai a masa. Este proceso fágoo sempre co brioche, sen problema, pero hoxe non fermentou. Despois de media hora cando o fun mirar, estaba coma ó principio. Entón tiven que cambiar de plans e usar a levadura en po. Con este inicio, pensei que probablemente non fora o mellor día para facer o panettone, os comezos non prometían e cando as cousas empezan torcidas...
As cantidades que emprego son as que Irmina propón nos seus panettones xardiñeiros, o único que cambiei foi a levadura e o proceso de realización, que foi ó meu xeito.

Tampouco estou moi segura de que esto sexa un panettone, se con ter a forma chega, pois debe ser. A verdade é que a realización da masa é moi parecida, por non dicir igual, cá do brioche, pero bueno eu amaso e listo. Como bo está e estamos en época pre-nadal pois chamámoslle panettone e acabouse. Gustaríame probar outras receitas que vin por aí, pero non sei porque esto de facer masas convértese nun problema para o volume corporal e hai que tentar diminuír a cantidade deste tipo de doces.
Desde logo, teño que dicir que saíu boísimo, esponxado, brandiño, cun sabor exquisito. Vamos unha auténtica delicia. Totalmente recomendable.

Ingredientes
500 grs. de fariña de forza
2 sobres de levadura seca en po, marca maizena
125 cc. de leite
3 ovos
100 grs. de manteiga derretida
100 grs. de azucre
1 cullerada de azucre vainilla
1 cullerada de esencia de vainilla
Unha culleradiña de sal.
Un puñado de chocolate troceado, un puñado de froitas confitadas
Unhas cuantas uvas pasas.
Unha cullerada de manteiga derretida para pintalo por encima antes de ir ó forno


Realización
- Sacar a manteiga e partila en anacos. Queda a temperatura ambiente, para que se vaia abrandando, namentres preparamos o resto.
- Batemos os ovos e mesturámolos cos azucres e coa esencia.
- Temperamos un pouco o leite para quitarlle o frío da neveira.
- Tamizamos a fariña nun recipiente amplo e engadimos a levadura e o sal.
- Engadímoslle á fariña os líquidos e a manteiga e mesturamos. Primeiro coa culler de pao e logo a man ata conseguir unha masa que se despega do recipiente. Arredor de 15 minutos. É unha masa branda que parece pegañenta, pero non se pega.
- Metémola nun recipiente cuberto con film e ben abrigado dentro do forno apagado.Co de ben abrigado refírome a que estea quentiño, eu cubrino con unha mantiña (agora o tempo está máis fresco e na cociña non teño calefacción). Estivo levedando 3 horas (case triplicara o volume.
- Sacamos a masa e estirámola cun rodillo, e metemos no centro do rectángulo as pasas, o chocolate e as froitas confitadas. Dobramos, volvemos a estirar, volvemos a dobrar e tratamos de que os tropezóns queden ben repartidos por toda a masa.
- Boleamos e introducimos a masa no recipiente no que os imos a fornear cuberto con papel de forno. Neste caso empreguei de cristal porque eran os únicos altiños que tiña.
- Volvemos a deixalo fermentar. Tapamos con film ou, eu neste caso, cubrinos cunhas bolsas de plástico e logo tapeinos coa manta, outras tres horas.
- Unha vez fermentado pintamos a superficie con manteiga derretida.
- Metémolo no forno prequentado a 180º. Estiveron 10´a 180º e logo baixeino a 160º durante 50 minutos (con papel de prata por encima, os 10´ foron suficientes para que collera color, de máis, diría eu). Como fixen un máis grande e dous máis pequenos, os pequenos saqueinos antes, ós 45 minutos.

Que pena que os olores non cheguen aínda a través da rede, quen sabe, todo pode ser posible. O olor que abordou á miña pituitaria tan só 5 minutos despois de metelo no forno era un deleite para o sentido do olfato e facía presaxiar o que viría despois, todo ese exquisito olor converteríase nun delicioso sabor.

Creo que me pasei coas fotos, pero é que fixen tantas (e borrei moitas máis) e ningunha me convencía o suficiente que ó final puxen moitas porque non sabía por cal decidirme. Nótase que estou orgullosa da "criatura", verdade?

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...